Imprimir

“Costa da Morte. Costa da Vida”

que pasa na costa | 22 de marzo de 2020

  • O Comunicado das Enfermeiras Eventuais en Loita

O Colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita Cee, mentres nos salvan deste virus poñendo en risco a súa vida e a dos que as rodean, quere tamén poñer un punto de optimismo en toda esta crise. A fantástica resposta dos Concellos, das empresas, da veciñanza da Costa da Morte á chamada do Hospital de Cee para solicitar material, é a protagonista.

Costa da Morte. Costa da Vida”

A Costa da Morte caracterízase, como o seu nome di, polo seu mar embravecido, causa de moitos naufraxios. A xente que aquí vive está acostumada a gañar o pan coa suor da súa fronte. Mariscadores que arriscan a súa vida no mar, mariñeiros que saen navegar a pesar do mar embravecido, labregos e gandeiros que dependen do seu lombo para conseguir lograr o froito... todos eles son, en resume, xente brava. O que agora mesmo estamos a vivir é algo quizais impensable para todos nós, que nos colleu de sorpresa, sen as armas adecuadas e sen saber moi ben que facer. Pero, como tantas outras veces, os veciños dan a cara, fanlle fronte e demostran que o nome que leva a nosa costa é so un nome.

No noso hospital coma no resto, a existencia de medios para facerlle fronte ao que nos ven enriba son escasos; a pesar diso tiñamos a esperanza de que a chamada de axuda aos nosos veciños ía servir para algo, aínda que quizais non eramos conscientes de ata que punto. Veciños, asociacións, empresas, concellos e desde moitos ámbitos máis, responderon como nunca. As nosas bágoas, as nosas emocións con cada chamada, cada mensaxe ou cada chegada de material eran impensables. Necesitamos moito, e non sabemos incluso canto, pero o xesto realizado por todos dános unhas forzas que antes non tiñamos.

Non chegarían os minutos para agradecerlle a todo o mundo a súa axuda, os seus ánimos, o seu consolo, pero ese agradecemento aí está.

A vida dunha zona non só se mide pola taxa de envellecemento da poboación, senón polo arranque que os que aí viven teñen para facer fronte aos problemas e para axudarse cando fai falla, e por esa mesma razón isto non é a Costa da Morte, é a Costa da Vida.

  • Enfermeiras Eventuais en Loita Cee.

Novas novas do Coronavirus

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/costa-da-morte/costa-da-morte-costa-da-vida/20200322102515118515.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia