Venres. 29.03.2024
El tiempo

ENSINO PÚBLICO

A Costa da Morte perdeu 69 unidades escolares e 102 postos docentes en 8 anos

Evolucion da perda de unidades nos centros de ensino nos Concellos da Costa da Morte 2010-2018-Fonte-Ester Blanco
Evolucion da perda de unidades nos centros de ensino nos Concellos da Costa da Morte 2010-2018-Fonte-Ester Blanco
A Costa da Morte perdeu 69 unidades escolares e 102 postos docentes en 8 anos

Ano a ano nos diferentes concellos da Costa da Morte vanse erguendo voces que falan de peches de unidades escolares, descenso nas prazas de docentes. As familias vemos como nalgún cole curso tras curso se van reducindo unidades e agrupando aulas. Algunha ANPA mobilizase, o alumnado organiza folga tras folga, as direccións dos centros negocian con unllas e dentes cada fin de curso os recursos para o ano seguinte... Con todo, bótase en falta unha análise que dea un panorama real da situación, que ubique e cuantifique o descenso en unidades escolares e prazas docentes nos diferentes concellos da Costa da Morte e nos permita valorar o seu impacto real.

As fontes poden ser moitas, pode acudirse aos propios centros, recoller datos das comunidades educativas, mais imos comezar por datos oficiais, polas cifras fornecidas pola propia Consellería de Educación. A partir do ano 2010 a Consellería saca unha orde anual que establece o número de unidades e postos de traballo docentes de cada centro de infantil e primaria.

Faremos pois un seguimento das cifras aportadas nas devanditas ordes para ver a evolución de postos e unidades de ensino na Costa da Morte ao longo dos 8 últimos anos. 

Comezaremos fornecendo as cifras globais para ir debullando logo unha análise máis miúda. Entre o ano 2010 e o 2018 o conxunto de concellos da Costa perderon un total de 69 unidades escolares de educación infantil e primaria e 102 prazas docentes.
Unha realidade que bate frontalmente co sentir do artigo 82 da denostada por elitista e segregadora LOMCE: “As administracións educativas terán en conta o carácter particular da escola rural a fin de proporcionar os medios e sistemas organizativos necesarios para atender ás súas necesidades específicas e garantir a igualdade de oportunidades”.

Nos seguintes gráficos vese a evolución ao longo dos anos:

Evolución de unidades e prazas na Costa da Morte (2010-2018)

Evolucion de postos docentes nos centros de ensino da Costa da Morte 2010-2018-Fonte-Ester BlancoEvolucion de Unidades escolares na Costa da Morte entre 2010 e 2018

Por Concellos

Mirando por concellos, os máis afectados son Mazaricos, que perde 9 unidades e 13 docentes e Muros, que perde unha unidade menos e 17 mestres. Tamén Muxía e Malpica superan a decena de prazas eliminadas.

Por Centros

Baixando á realidade dos centros, atópanse á cabeza o CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Malpica e o CEIP de Louro, que viron como desaparecían 4 unidades e o dobre de docentes das súas estruturas. Seguidamente atopamos o CEIP de Vimianzo e o CEIP de Vilarmide, en Muxía, que perden tan só un docente menos. Na táboa anexa recóllese o ranking dos 10 centros máis afectados.

"Ránking" de centros

CENTROS UNIDADES PERDIDAS PRAZAS PERDIDAS
CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Malpica. 4 8
CEIP de Louro. Muros. 4 8
CEIP de San Vicenzo. Vimianzo. 4 7
CEIP de Vilarmide. Muxía. 4 7
CEIP Víctor Sáenz. Mazaricos. 4 6
CEIP As Forcadas. Ponteceso. 3 6
CEIP de Pino do Val. Mazaricos. 3 5
CEIP Ricardo Tobío. Muros. 3 5
CEIP Santa Eulalia. Dumbria. 3 5

Que materias sofren máis?

En canto ao tipo do docentes, mención especial merecen os especialistas en atención á diversidade e ao alumnado con necesidade específica de atención educativa. Un recorte moi importante pois estes especialistas son pezas clave para lograr, nunha zona por si desfavorecida, o éxito escolar de todo o alumnado e ofrecer unha atención máis especializada alí onde é requirida. Falamos de orientadores e especialistas de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Nestas especialidades, ata o ano 2017, contabilízase unha supresión dun total de 15 prazas. 

No último curso, para a especialidade de audición e linguaxe, revértese lixeiramente esta tendencia,  como consecuencia do compromiso da Consellería de aumento da dotación destes profesionais, a nivel galego, a través de figuras itinerantes. Así, créanse no último ano 9 prazas de audición e linguaxe itinerantes, superando as cifras do 2010 nesta especialidade, pero en condicións de atención máis precaria, en canto un profesional itinerante presta os seus servizos en diferentes centros educativos, dificultándose a súa integración nun equipo docente, a continuidade e seguimento axeitado da atención ao alumnado e a creación de prácticas verdadeiramente inclusivas, ao ter o recurso humano dispoñible só en certas franxas horarias.

"Dentro do rango"

Dende os organismos oficiais sempre poderá esgrimirse o argumento de que as prazas estruturais responden ás unidades contempladas no acordo de “catálogo” e, o número de unidades, ás ratios de alumnado nos centros. Malia que isto sexa así, tal vez facer política educativa debera ir un pouco máis aló de xustificarse na cuadratura dos números e contemplar fórmulas ao servizo de obxectivos estratéxicos para atender á delicada situación da poboación e da escola do rural. 

E se as relacións causa-efecto non fosen tan unívocas como parecen... Redúcense recursos, unidades e docentes porque baixa o número de alumnado nas escolas rurais, ou tamén baixa o número de crianzas que acoden ás escolas rurais en certa medida por estas situacións de profesorado insuficiente, provisionalidade e rotación continua de parte do que hai, escasos especialistas de atención á diversidade ou unidades de diferentes idades fusionadas con ratios moi elevadas para a diversidade que acollen?
Cumpriría botar unha ollada a realidades como o movemento a centros das respectivas vilas ou cabeceiras de comarca de parte do alumnado das escolas dos núcleos rurais que sofren ano tras ano peches de unidades e recurtes de prazas de docentes.

Novas relacionadas

Comentarios