Martes. 23.04.2024
El tiempo

A Fundación Juana de Vega achégase ao Couto para armar un Seminario sobre a paisaxe

Seminario da Paisaxe no Couto da Fundacion Juana de Vega
A Fundación Juana de Vega achégase ao Couto para armar un Seminario sobre a paisaxe

Non é baladí que unha entidade como a Fundación Juana de Vega escolla a túa aldea para realizar un seminario. Pero é que a aldea do Couto é unha das aldeas máis singulares da Costa da Morte. Así o refrenda a súa vertixinosa actividade cultural, da man da Asociación Monte Branco ou a Fundación Eduardo Pondal que levan facendo do lugar pontecesán un dos centros máis importantes en clave de lingua e cultura galegas.

Pero ademais, a Fundación Juana de Vega escolleu o Couto para artellar un seminario sobre a paisaxe rural na aldea de O Couto. Así o anunciaron onte Guillermo Evia, director do Instituto de Estudos do Territorio; José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, e Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Acompañados por Xosé Lois García Carballido, alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Eduardo Pondal; e Xosé María Varela, patrón da Fundación.

Presentacion do Seminario da Paisaxe da Fundacion Juana de Vega no Couto

“Revitalizar a Paisaxe Rural. Aldea de O Couto” é o lema do seminario que terá lugar na sede da Fundación Eduardo Pondal, en O Couto, do 27 ao 30 de marzo. Unha cita, de balde, para que hai que rexistrarse antes do vindeio 21 de marzo en www.juandadevega.org.
A actividade, que contará con visitas de campo e comida de picnic e na lareira, está dirixida principalmente a arquitectos, paisaxistas, urbanistas, xeógrafos e outros profesionais que teñan interese por estes temas.

Unha paisaxe identitaria

Paisaxe rural da aldea do Couto

O obxectivo principal do seminario é divulgar este territorio e os seus recursos, incorporando o medio rural e a paisaxe coma obxectos de investigación, formulando propostas para a aldea de O Couto e a súa contorna que poidan poñela en valor para mellorar a calidade de vida dos seus habitantes, considerar a innovación no agro como xerador de emprego e emprendemento, incrementar os valores ambientais e divulgar a cultura e os valores do medio rural.

A contorna, co estuario de Anllóns, os bosques monocultivos de eucalitos e piñeiros, as marismas, a praia de Balarés, o Monte Branco… ten moitas posibilidade e invita a facer “unha reflexión desde o ámbito da paisaxe, atendendo aos novos usos e o importante patrimonio rural abandonado xunto coa calidade ambiental de toda esta zona”.

Profesores do curso

O arquitecto José Fariña Tojo, catedrático de universidade e autor de numerosos plans de urbanismo e de protección do patrimonio histórico, será o director do seminario, que coordinará a arquitecta Mercedes Máquez Roel, quen forma parte do grupo de investigación da Escola Galega da Paisaxe e actualmente realiza a súa tese sobre o espazo público de proximidade.

Ademais, tamén intervirá no curso a arquitecta Covadonga Carrasco López, do estudio Creus e Carrasco, gañadores en 2016 do Premio Galego de Arquitectura pola súa Casa Chao en Corcubión, e gañadores do Premio de Intervencións na Paisaxe da propia Fundación en 2018 por unha vivenda en Cee; e Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana e investigador da interacción da Psicoterapia e o Análise Espacial e a tecnoloxía da comunicación con sistemas de información.

Comentarios