Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A crónica dominical: Xornadas de remontadas

Imaxe do Cabana-Zas-Foto-Roberto
O Cabana venceu ao Zas na zona baixa da Liga da Costa-Foto-Roberto
A crónica dominical: Xornadas de remontadas

Deixou, unha semana máis, esta tarde dominical, un divertido e intenso carrusel cheo de emoción e remontadas a través de www.futboldacosta.com. Remontadas como as do Corme ante un Muxía que se colocaba 3-0 na primeira metade, e que rematou cun incrible 4-3 para manter o liderato da Liga da Costa. Tamén tiveron que remontar Ponteceso e Esteirana para manterse a tiro de pedra do cadro cormelán, deixándose dous puntos importantes o San Lorenzo na visita do Castriz ás Pedreiras.
Pola zona baixa desta 19ª xornada da 2ª Galicia, cómpre destacar a vitoria do Cabana ante o Zas, que coloca ao cadro de José Manuel 4 puntos por riba do descenso, que segue marcando o propio cadro zaseiro.

Un dos partidos da xornada era o derbi de Preferente, pero o 7-1 que endosou o Sofán ao Xallas deixou a emoción moi descafeinada, e ao Xallas en verdadeiro perigo de descenso, vendo a salvación xa a 5 puntos. Por arriba segue ao seu o Fisterra, nunha xornada moi importante, pois a vitoria ante o Boimorto, con golazo incluído de Herbert (de novo de falta), cómpre sumarlle un novo tropezo do Boiro. Deste xeito o cadro de Ángel Canosa afianza a 2ª praza (de ascenso directo) con 5 puntos máis (pero tamén un partido máis) que Noia, Boiro, e Mugardos.

A xornada na 1ª foi diversa. Dende o empate sen goles do Volantes en Valga, pasando polas derrotas de Baio e Mazaricos, ata a vitoria do serio Dumbría en Tordoia, que mantén aos de Pablo Conde con todas as posibilidades abertas. O Soneira, que xogaba tarde, tamén caía na casa, e ve como o Dumbría o adianta tras estar por debaixo toda a liga.

E para pechar o ciclo dos equipos modestos, a xornada da 3ª fixouse na Grixa, onde o Porteño a piques estivo de endosarlle a segunda derrota do curso ao seu veciño, o poderoso Camariñas. O partido rematou en empate, matendo o líder 3 puntos sobre o Outes, que venceu en Laxe, con apuros. O Montelouro venceu a un Corcubión que non quere subirse ao carro da promoción, pola que Nantón e Camelle deron un paso importante vencendo a Seaia e Castrelo.

FutFem

Xornada diversa para as nosas chicas. Se Bergan e Cee vencían e se manteñen no trío de cabeza (non fallaron tampouco as rivais), as Miúdas caeron en Touro ante un rival da zona morna.

A Base

Na Liga Galega Xuvenil o Bergan venceu o derbi ao Dumbría e se mantén moi arriba. Na competición autonómica cadete, o Dumbría deu un salto moi importante ao vencer ao Rancing B, deixando xa os postos descenso a 8 puntos e mantendo aos ferroláns xa a 5.

A Liga comarcal Xuvenil segue cos Soneira, Outes e Cabana destacados. A máis difícil foi a vitoria do Cabana ante un Sofán que se podería ter metido aí.

En Cadetes aprétase a cousa trala vitoria do Cerqueda (4º) sobre o Cabana (2º), deixando agora só en punta ao Xallas, pero metendo nun pano a Cabana, Sofán e Cerqueda.

Moita superioridade dos 5 de arriba en Infantís.

Veteranos

Escapa o Zas en Veteranos despois do empate entre Dumbría e Soneira e a derrota do San Román ante o Coristanco. Dos seus perseguidores só o San Lorenzo conseguíu vencer, quedando a 5 do liderato.
En 1ª, boa xornada para o Corme, que venceu e aproveitou o empate do San Ramón para afianzar a segunda praza de ascenso directo.

 

Todas as táboas en www.futboldacosta.com

Comentarios