Xoves. 25.04.2024
El tiempo

David Martínez, Bugy: unha recuperación a base de vontade e traballo

David Martínez, Bugy: unha recuperación a base de vontade e traballo
Foi un dos protagonistas involuntarios da tempada. Dounos un gran susto cando un derrame cerebral o postrou na cama dun hospital, pero o seu eterno sorriso devolveunos a tranquilidade. A recuperación foi moi rápida, pois a vontade de Bugy de estar nos campos de fútbol pode con calquera cousa. En pouco tempo volveu a saltar ó sintético das Eiroas, fai un par de semanas, para facer un partidazo ante o Alondras. Falamos co ex porteiro de Sofán e Zas destas cousas e doutras moitas, pois como seguidor das ligas costeiras é un analista lúcido e informado. Viaxou a Navarra o Bergantiños a enfrontar ó Cirbonero e trouxo unha derrota por 1-0 que terá que remontar nas Eiroas este domingo. Moitos equipos costeiros están pendentes do equipo do vimiancés Miguel Figueiras, pois o seu posible ascenso aumenta exponencialmente as posibilidades de salvación de Dumbría, Fisterra e Cee. Sobre o encontro do pasado domingo coméntanos que " nos atopamos o equipo que nos esperábamos, un conxunto que domina moi ben as dimensións do seu campo. Cada balón longo tiña unha intención clara. Nos saímos máis enchufados pero eles pouco a pouco fóronse asentando. O resultado máis normal sería un empate pero nunha contra marcaron o seu gol e teremos que remontar nas Eiroas" Unha viaxe coma esta sempre é unha boa experiencia: "faise longo pero á vez ameno, porque imos facendo grupo, falando de fútbol, comentando cousas sobre o rival e as clásicas partidas de cartas. A volta foi máis difícil coa derrota, e xa ves valorando e preparando o partido das Eiroas" Preguntámoslle a Bugy sobre a súa valoración persoal da tempada: "a tempada foi boa. Xa é a segunda en en 3ª división e adapteime moi ben ó ritmo de adestramentos. Sei que parto cunha desvantaxe con respecto a Christopher, pois é un porteiro dun gran nivel, pero se algo me caracteriza é o traballo diario e o esforzo que poño en cada adestramento. Intento mostrarlle ó míster que pode contar conmigo. É certo que no mes de febreiro todo se truncou debido ó problema que tiven. Foi un momento jodido, pois de boas a primeiras os doctores dinme que teño que deixar a práctica do deporte. Que che digan que tes que deixar o que máis que gusta no mundo, pois é moi duro. Pero pasando os días, coa mellora que tiven, xa me decían de seis meses a un ano, e coas probas definitivas foi todo moito mellor, e puiden incorporarme á vida normal. O gran traballo do noso preparador físico Javi Losada e de Elduayen e Trucho fixo posible que agora mesmo esté en condicións perfectas para xogar. Adestrei moito aparte do grupo coa ilusión de volver, e perdendo o medo pouco a pouco"  O día do Alondras saltou ó campo e foi un dos destacados: " tiña moitas ganas de volver. Atopeime moi ben, con moita tranquilidade e quixen facer o meu traballo o mellor posible. Saíume un gran partido, pena da derrota pola mínima, pero as sensacións foron moi boas" Bugy é un seguidor de Quepasanacosta, e do fútbol costeiro, polo seu pasado nel. Sobre os seus ex equipos opina que " o Sofán fixo unha gran tempada, salvándose sen problemas, nunha categoría que polos arrastres é moi difícil. A ver se teñen sorte dunha vez por todas na Copa. O Zas sorprendeume porque pensei que ía ser un dos equipos punteiros pero ó final tivo apuros para salvarse. Unha vez que te metes abaixo é complicado saír de ahí. A ambos clubs gárdolle moito cariño e deséxolles o mellor a ambos" Fainos unha pequena análise das ligas: " en Preferente destaco o Paiosaco, equipo no que teño compañeiros e fixo unha campaña excepcional. Dame pena que o Dumbría poida descender, pero a Preferente é unha liga moi difícil. En 1ª sorprendeume o descenso do San Lorenzo, pensei que co equipo que tiñan se ían a aguantar na categoría. O Baio creo que ten un bo equipo e tamén me pareceu raro que tardaran tanto en salvarse, pero seguro que o ano que ven van a máis. O Soneira pagou a mala primeira volta pois ten un gran equipo, pero a 1ª é unha categoría jodida, na que xoguei un ano, e calquera che pintaba a cara. En 2ª o Cee e o Outes sorprendéronme negativamente, dous históricos que estiveron nos postos baixos. Destaco o Muxía, un equipo novo na categoría, que fixo unha gran campaña, e a Esteirana, que con xente da casa foi capaz de ganar a liga. En 3ª os dous equipos muradáns fixérono moi ben e tiveron ascensos merecidos, así como o Ameixenda" O fútbol é todo para Bugy, e agora mesmo está axudando na Escola de Porteiros Nordés: "cando tiven o problema, o feito de que houbera posibilidades de deixar o fútbol, tiña claro que quería seguir ligado ó deporte, e formeime e seguirei formándome para poder adestrar a porteiros. Agora mesmo teño a sorte de poder axudar ós meus mentores Trucho e Elduayen, e estou encantado". A súa baixa posibilitou o debut de seu irmán Gabri, máis coñecido como Minibugy, talentoso porteiro do xuvenil: "parece algo cómico. Dous irmáns que somos porteiros no mesmo equipo, picámonos moito e temos as nosas broncas, pero estou encantado de que el teña o gran nivel que ten. Falamos moito de fútbol e axudámonos un o outro. Temos as nosas diferencias de opinión pero dentro do que somos irmáns. Ogallá que poida chegar moi arriba porque ten grandes condicións, e con traballo e humildade seguro que chega alto"   

Comentarios