Venres. 29.03.2024
El tiempo

Debate en Cee: 4 candidatos auséntanse dun verdadeiro exercicio de democracia directa

Imaxe do debate en Cee celebrando en 2015
Debate en Cee: 4 candidatos auséntanse dun verdadeiro exercicio de democracia directa

Máis de 250 persoas demostraron o pasado 20 de maio no auditorio da Casa da Cultura de Cee, as gañas que ten esta sociedade de exercer a democracia directa. O primeiro, esperemos de moitos, debate público, organizado por QPC, foi un perfecto exemplo do que se pode chegar a conseguir nos vindeiros anos, con 3 candidatos responsables, explicando os seus programas cara a cara, e un público exemplar que só interrumpíu para aplaudir as intervencións.

Os que non souberon estar a altura dos veciños, foron os 4 candidatos, dos 7 que se presentan nestas Eleccións Municipais deste domingo 24 de maio ao Concello de Cee, que se borraron do Debate Público. Os 7 estaban invitados, pero a pesar da máxima expectación xerada, só acodiron Serxio Domínguez, candidato polo BNG-AA, Álvaro Fernández, de Converxencia Galega e Víctor Somoza, de Unión Cidadá.

Un debate que nacía da propia veciñanza ceense. Foi Mohamed Safa, oftalmólogo palestino afincado na zona dende hai máis de 15 anos, o que quixo coller a luva dos veciños e organizar un debate público e aberto, para que a cidadanía puidese coñecer de primeira man, en contacto directo, as propostas dos candidatos. Safa, un home tremendamente político pero sen ningunha vinculación partidista, quixo facer valer o seu compromiso con este pobo que tan ben o ten acollido, e quixo poñer o seu gran de area na democratización das nosas institucións. Safa lembrou que votar é o meirande exercicio de liberdade, pero para facelo hai que ter información veraz, directa. "Un debate pode que non cambie o resultado das eleccións, pero si é necesario para desenvolver un proceso democrático real", sinalou, pedindo humildade a algúns dos que pensan que o mundo xira ao ser redor.

QPC tomou a iniciativa como propia para sacar adiante un exercicio de transparencia aos que non todos souberon respostar coa entereza que se lle pide a un alcaldable. Seguramente logo nos pedirán que participemos en política, despois de darnos as costas aos cidadáns.

Pero nin as nosas invitacións nin a expectación xerada, foron suficientes para convencer a actual alcadesa e candidata do PP, Zaira Rodríguez, ao ex-alcade, concelleiro, e candidato de IxCee, Ramón Vigo; ao concelleiro do grupo mixto e candidato de Ciudadanos, Plácido García Insua, nin á candidata do PSdG Margarita Lamela.

As excusas que nos deron foron diversas. Zaira Rodríguez, argumentou que tiña un mitin xa pensado para esa data nunha parroquia, se ben outros dos candidatos que asistiron puideron modificar as súas axendas. Esa mesma razón deu Ramón Vigo, que dende o primeiro minuto se negou a participar no debate, e que ademais estes días segue convalenciente dun problema de saúde. Plácido García sinalou que a súa é unha decisión que tomou toda a súa lista, e que lle ten que facer caso ao seu partido. Unha resposta idéntica á de Margarita Lamela, que tamén sinalou que “o meu debate é cos meus veciños” e que por motivos laborais non tiña tempo.

Por que custa tanto facer debates neste país? Nós lamentamos que antigas e novas formacións non intenten darlle un impulso a necesaria renovación democrática que necesita este país, con iniciativas que demada o pobo como esta clase de debates abertos e públicos. Pero que cada un que saque as súas propias conclusións.

Debate en Cee

Un debate a 3

Así como aconteceu tamén en RadioVoz, o debate reduciuse a 3 candidatos, dos que só un ten representación actual no pleno. Pero en todo caso, foi un verdadeiro exercicio de democracia directa, con responsabilidade, propostas e tamén as súas críticas. O desparpaxo e a simpatía de Álvaro Fernando, o Montañés, nunha das súas primeiras intervencións ante tanto público, as gañas do novo Víctor Somoza, e a serenidade de Serxio Domínguez, foron as protagonistas.

Foron 4 bloques de preguntas, comezando polo que, en opinión dos candidatos, é a primeira necesidade do Concello. Arrincou o candidato do BNG que facía da "recuperación democrática" a súa meirande esixencia, para o cal queren poñer a andar un regulamento de participación cidadá, en clave Ágora, e aproveitou para acusar aos ausentes de "non querer democracia". Serxio falou tamén das opcións para crear futuro, pois considera que precisamente eso, como pai, é o que máis lle preocupa da nosa zona. O polígono industrial, o PXOM coa marxe esquerda da ría para zona industrial e a recuperación dos asteleiros, e a dinamización do casco vello son as partes fundamentais para devolver a vida a Cee. Ademais propuxo a creación dunha casa da xuventude na antiga escola de música e encher de contido a CCC.

Somoza, de Unión Cidadá cre que o emprego é a primeira necesidade e para iso falou do seu proxecto de creación de postos de traballo aproveitando os nosos recursos, entre o que de de 55 bateas na ría. Somoza falou tamén doutros proxectos que poderán xerar ata 300 empregos directos, como a creación de cabreiros para evitar os incendios e aproveitar ademais os seus produtos lácteos, a creación dunha granxa de caracois, ou a posta en marcha do xeriátrico comarcal.

Pola súa parte, o Montañés, comezou criticando a "falta de valentía" dos ausentes cunha metáfora: "esto parece un barco gobernado polos mariñeiros, cos capitáns no bar tomando pastillas". O candidato do Converxencia Galega deixou claro que "non vai prometer o que non pode facer", sinalando que "non fan falta grandes boulevares, nin fontes sen auga, nin Disneylands", e que o primeiro son os servizos sociais. En todo caso, "primeiro os alcantarillados e despois as aceras, que aquí facemos todo do revés". Propuxo aparcamentos, pista de skate no recheo, e sobre todo, que sexan os veciños os que decidan que hai que facer en cada parroquia. Ademais apuntou que só cobraría 1000€, non como "os macrosueldos dalgún alcalde e algunha xefa de gabinete" e un Obradoiro de Emprego todo o ano.

Dimitir?

E chegou un momento interesante cando Safa preguntou por que en este país nunca usamos a palabra “dimitir”, en clara alusión aos problemas de corrupción que teñen asolagada a Costa da Morte e toda España.
Álvaro respondeu que "eu nunca vou facer nada para que me esixan dimitir". Propuxo facer pública a declaración de bens de todos os candidatos, e avisou: "Se saio alcalde, non me sacades en 20 anos, porque vou ser un exemplo de sentido común".
Falou o candidato do BNG da cantidade de escándalos que asolagan o país e aos que os veciños xa nos estamos acostumando, e sinalou que el dimitiría se se puxera en dúbida a súa honorabilidade, pero tamén o faría a 6 meses de rematar a lexislatura se non fose quen de levar adiante o seu programa".
Máis duro foi Somoza, sinalando que "a día de hoxe todos terían que ter dimitido xa por incompetencia e por non ten respectado a lei".

Pactos?

E tamén había que falar dos posibles pactos. Os tres aseguraron que non van pactar con ninguén se non son alcaldes. Pero foi o Montañés o máis explícito, facendo público que un membro de Ciudadanos xa lle dixo que o partido está ás ordes do PP, e que o pacto xa está practicamente pechado.


Novas relacionadas

Fonte

Comentarios