Venres. 29.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
10:46
21/07/17

Decepción

Plenario de En Marea xullo 2017 Plenario de En Marea do pasado 15 de xullo 2017 Hai algo especialmente inxusto nun acto público de debate. Un acude a este tipo de asembleas, reunións, encontros, ou simplemente “saraos” no convencemento de que a súa opinión conta, e non é certo. Non é certo en absoluto. O que ti ou eu pensemos non ten a máis mínima importancia. Vén de celebrarse en Compostela o segundo Plenario de En Marea. O primeiro tamén foi na capital, e de aquel levei en claro que as persoas non importan demasiado coma unidades. A clave está en ser algo máis que un ou unha. A clave está en manexar, en impoñer e en controlar. Talmente coma fai a dereita. Un plenario vén sendo o principal órgano entre congresos nun partido coma En Marea. Porque, vaiamos clarexando detalles, En Marea é un partido. Un partido raro, diverso, difícil de encadrar, si, pero básicamente un partido político. Nos seus postulados iniciais En Marea di que é unha organización “por adscrición individual”, e dicir, que calquera pode a título persoal formar parte dela. Sen embargo, e aquí comezan os problemas, non elixe os seus cargos por listas abertas. Non. Por que?. Pois porque quen realmente nutre as filas da Marea son organizacións, tribos, grupúsculos, de toda orde e simboloxía, pero de raíz nacionalista ou independentista na maioría dos casos. Ou tal vez só na maioría máis ruidosa. E para que todo marche, alguén pensou que sería bo que todos eses grupos se sentiran queridos. Queridos e acariñados. O sucedido o sábado 15 de xullo en Compostela foi bochornoso. Non polo debate ou a ausencia del, nin pola impostura ou pola decepción. É curioso que o nome da Illa “decepción” unha das que forman o arquipélago das Schetland do sur na Antártida exista por unha mala tradución e non por ningunha das lendas que atribúen ese nome á decepción que produciu esta illa remota e chea de perigos nos capitáns que arribaban as súas costas. “Deception”, o nome que lle outorgara Henry Foster cando chegara a esta illa remota e escura, coma o futuro que nos agarda a todos se nada cambia, significa en inglés “engano”. Engano, non decepción. A illa decepción é así en realidade un engano. Coma En Marea. Non creo que os que este sábado pelexaron por unha migalla de poder inservible nunha organización recén nacida que aínda non manda en parte ningunha como para significar nada en absoluto, sexan conscientes do enorme dano que fan. Non falo de dano moral, ético ou político, non. Falo de dano real. Tanta pamplina é insoportable pero o peor non é a soberbia, a falta de empatía ou de sentido común, non. O realmente grave é a falta de consciencia da realidade. En que carallo pensábades?… eh?. Está morrendo xente! Preguntade na fiscalía, que considera probado que o goberno deixou morrer a enfermos de hepatite e pedía imputar a dous altos cargos da sanidade galega por un delito de "homicidio por imprudencia grave profesional”. Homicidio. Morren persoas pola desidia consciente dun goberno e vos pelexades…. por que cousa?… un “postiño”? … non me toquedes as narices. Nun país onde os brigadistas acoden a apagar lumes inmensos sen medios, onde case 10.000 persoas só teñen para vivir a RISGA, onde perdemos case 500 camas hospitalarias, onde un de cada cinco galegos está en risco de pobreza… nós falamos de chorradas. “Hai marea”, disque. Onde quedaron os 408.370 votos obtidos nas eleccións xerais de 2015 (nas primeiras). Con ese dato o PP non gobernaría Galicia hoxe. Pero claro, había que cagala de algunha maneira. E despois de pintar a mona en televisións, xornais e radios para crear En Marea coma “partido instrumental” (que raio será iso), nas seguintes eleccións xerais En Marea caeu ata os 344.143 e logo, nas autonómicas, ata os 271.418. Pero tranquilos, a tendencia seguro que é para subir, non?… De toda a xente coa que teño falado tralo plenario do sábado 15 a palabra que máis teño escoitado é esa; decepción. Non oín practicamente a ninguén “unidade”, nin “autocrítica” ou “reflexión”. Si escoitei, e lin, moito as palabras “división”, “mágoa”, “críticos”. E non teño nada en contra do debate, ollo, nin me parece mal que existan voces críticas contra dun plantexamento inicial, por suposto. Son dos que pensa que as unanimidades suelen ser síntomas de un mal grave e de difícil cura: o neoliberalismo. Pero cando non se pode falar abertamente do motivo real dunha crítica, cando leo artigos sen refutación algunha que falan ás claras dunha loita soterrada pola dirección de un algo que nin tan sequera existe, entón non teño outra que preguntarme; de que carallo estades falando?… do BNG en Amio no 2012?! A supervivencia de En Marea pasa irremediablemente por un feito de difícil concreción e que dubido moitísimo que ninguén dentro da organización estea disposto a asumir, a saber: unha refundación das ideas e das persoas dende a base que exclúa deliberadamente a todos e cada un dos que consideren que a súa opinión, “veterana”, “intelectual” ou “ponderada” é mellor e mais importante que a miña. Ou que a dunha vella de setenta anos do Cantón Grande. Ou que a dun mariñeiro de Cariño de 55. Ou que a dun albanel de 50 do Incio, ou a dunha ama de casa de Fisterra de 37. Eles e non vós, nin eu, deberían ser xa En Marea. pero mentres vós pelexades polo que nin sequera é, o PP leva xa tres meses organizando as municipais de 2019. Nin máis nin menos. E por si alguén pensa o contrario, non, tampouco creo que a posición de comodidade e perfilada de Podemos en Galicia ou de Esquerda Unida sexa positiva. Pero sabido é que dous non pelexan se un non quere, e está visto que para EU e Podemos a batalla do sábado non merecía a pena. E logo alguén aínda se pregunta por que esa desafección pola política entre as persoas e colectivos destinados a ser motor da esquerda en Galicia…. xa. Por que será. “Cando non sabes quen é o “primo”… é que o primo ed ti”. Así me sentin eu o sábado 15 de xullo, e supoño que a súa maneira algúns máis. Unha pena. Dicía Lincoln que: “unha brúxula, polo que aprendín cando facía estudos de terreo, o que nos sinala é o norte dende a nosa posición. Pero non nos pode advertir dos pantanos, desertos e abismos que atoparemos ao longo do camiño. Si o buscar o noso destino nos lanzamos inconscientes dos obstáculos e acabamos afundíndonos nun pantano… DE QUE SERVE SABER ONDE ESTÁ O NORTE?”  
  • José Luis Louzán, de RDF Comunicación (louzan[arroba]quepasanacosta.com).

Artigos de José Luís Louzán en QPC (2016-2017)

Verdades de José Luís Louzán en QPC (2012-2013)

“Verdades como puños” (2008-2011)

Fonte

Comentarios