Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Deputación da Coruña e os concellos da Costa da Morte retoman o proxecto da ruta BTT de cicloturismo

Todos os representantes dos Concellos da Costa da Morte participantes na xuntaza da Deputación.
Todos os representantes dos Concellos da Costa da Morte participantes na xuntaza da Deputación.
A Deputación da Coruña e os concellos da Costa da Morte retoman o proxecto da ruta BTT de cicloturismo

O vicepresidente e deputado de Turismo e Plans, Xosé Regueira, reuniuse con representantes dos concellos da Costa da Morte para retomar o proxecto da ruta BTT de cicloturismo que atravesaría boa parte do territorio dos dez municipios implicados. Despois da xuntanza, os responsábeis institucionais participantes coincidiron á hora de avanzar no desenvolvemento do proxecto que sería de especial importancia para a promoción turística na comarca.

Na xuntanza que tivo lugar na Deputación da Coruña participaron, ademais do vicepresidente Xosé Regueira o deputado e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, o alcalde de Zas, Manolo Muiño, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco e o concelleiro de Deportes de Carnota, Rafael Riveiro,  que avaliaron a situación do proxecto e os pasos que se poden dar de cara ao desenvolvemento do proxecto de ruta de Cicloturismo con homologación BTT.

A iniciativa parte dunha proposta inicial da Axencia de Turismo de Galicia de máis de seiscentos quilómetros que se adaptaría ás posibilidades reais de cada municipio, co fin de conseguir os terreos de titularidade pública necesarios para conseguir a acreditación como BTT.

Os 630 quilómetros cos que se iniciou o proxecto atravesan dez concellos da comarca que estarían conectados de maneira circular pola senda BTT que atravesaría Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

O vicepresidente e deputado de Turismo e Plans, Xosé Regueira, comprometeu o apoio da Deputación da Coruña e animou os concellos a cumprir as condicións para finalmente conseguir a homologación que, segundo especificou, pasan por acreditar a titularidade municipal do recorrido do recurso e o compromiso de mantemento do mesmo, expresado a través dos seus orzamentos individuais.

Para Xosé Regueira, a ruta "suporía un novo recurso de atracción turística para a Costa da Morte, un xeodestino de grande interese paisaxístico, gastronómico e patrimonial que ten tamén potencialidade no ámbito deportivo, tanto en actividades do mar como o surf no que estamos apostando por conseguir a condición de Reserva Mundial como no cicloturismo para o que sería de grande importancia conseguir a ruta BTT".

Na reunión acordouse que concellos deberán tamén contrastar coa Axencia de Turismo de Galicia a aposta desta polo proxecto.

Comentarios