Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Dezaseis empresas interésanse polo polígono de Vimianzo e participan na Xornada de Asesoramento Individual

Imaxe da xornada Asesoramento Individual vimianzo
Imaxe da Xornada de Asesoramento Individual en Vimianzo
Dezaseis empresas interésanse polo polígono de Vimianzo e participan na Xornada de Asesoramento Individual

Un total de 16 empresas, de distintos sectores comerciais e industriais, participaron no Concello de Vimianzo na Xornada de asesoramento individual organizada por Chan Empresarial do Atlántico e o Concello co obxectivo de promocionar o polígono industrial e atraer a posibles investidores. A xornada, que xorde do compromiso da xerente de SEA, Beatriz Sestayo, coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, de impulsar o polígono industrial, expúxose con atención personalizada, coa presenza de técnicos de Chan Empresarial e do arquitecto municipal.

Dende as 10,00 horas, durante a mañá e a tarde, os empresarios puideron disipar dúbidas sobre os servizos do parque empresarial, as parcelas dispoñibles, o seu custo ou os requisitos administrativos, técnicos ou urbanísticos. “O obxectivo desta xornada é promocionar o parque empresarial de Vimianzo e tentar captar tecido empresarial para poder crear emprego e dinamizar economicamente unha zona que ten moitas posibilidades”, destacou Beatriz Sestayo. “Coa presenza de técnicos de SEA e do  Concello esperamos lograr o obxectivo de que en breve podamos ocupar máis parcelas das que xa están e sexa o comezo dunha nova etapa", declarou.

Na mesma liña, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez puxo de manifesto o interese dos empresarios, que xa trasladaran que “botaban en falta coñecer máis de preto cales son as oportunidades que pode ter un empresario no polígono para poder construír, cal é a edificabilidade, cal o uso, de que forma pode construír, cales son as distancias que hai que deixar, etc”. “Creo que isto vai ser moi positivo, hai falta de coñecemento dende o punto de vista técnico e tamén económico. Levamos oito anos cun polígono moi parado, un polígono moi bo e temos que dar as súas facilidades”, remarcou a alcaldesa.

En canto ao prezo das parcelas e do chan industrial, manifestou que a SEA exporá “o próximo ano estudar un plan de comercialización con SEPES, á espera de ter unha etapa de estabilidade que permita traballar a longo e medio prazo”. “Estudaremos a posibilidade de abaratamento do polígono, comezaremos cunha folla de roteiro de estudo serio a partir de xaneiro”. “O que permite esta xornada é ver a demanda, unha vez estudada e coñecida as demanda poderemos facer plans que obedezan a unha realidade e que estará contrastada persoalmente”, incidiu, en referencia ás reunións mantidas durante o día de hoxe.

Mónica Rodríguez remarcou tamén o seu compromiso como alcaldesa por seguir reclamando o abaratamento do chan ante SEPES aínda que tamén destacou que en ocasións o descoñecemento do polígono e das súas posibilidades tamén supón unha dificultade engadida.

Comentarios