Martes. 23.04.2024
El tiempo

A dicotomía da pesca artesanal: “Non sentimos como propios eses aplausos de agradecemento”

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
O sector da pesca artesanal segue traballando con moitas dificultades
A dicotomía da pesca artesanal: “Non sentimos como propios eses aplausos de agradecemento”

Complicada a situación que se vive no seo do sector do mar. Un sector, primario, que se sente máis vítima que salvador, e que sofre a caída de ventas como un forte golpe de mar na súa liña de flotación. Moi presente está esa dicotomía de ter que darlle de comer aos cidadáns, pero ao mesmo tempo ter que seguir traballando a prezos moito máis baixos do habitual, e sen poder entrar nos procesos de axudas dun goberno central que toma o sector da pesca como un todo, sen distinguir entre pesca industrial e pesca artesanal.

”Se todos paramos, que comemos?”, pregúntanse algúns dos mariñeiros que si se consideran necesarios para a supervivencia da sociedade. A pesar de que o sector non sinte como propio ese aplauso de agradecemento de todos os días ás 20:00h, son moitos os que seguen traballando por responsabilidade, a pesar de que o peixe máis caro, así como o marisco, ou non se vende ou se vende a un prezo moitísimo máis baixo do habitual.
Unha situación que, en todo caso, tamén se pode aplicar ao sector gandeiro, onde as carnes máis caras, como o boi, sen a hostalería, apenas teñen saída, e si que se venden os produtos máis baratos.

De igual xeito, a situación é moi complexa. “Se realmente houbese desabastecemento, iría mesmo a coste 0. Pero o que non pode ser que esteamos indo sen cubrir os costes de produción e a venda en supermercado non sufra unha baixada de prezo”, explica con rotuntidade un mariñeiro da zona.

A dependencia da hostalería para os prezos

O parón da hostalería, e en menor medida a baixada drástica da exportación, provoca unha caída de prezos de ata o 75% para as embarcacións de pesca artesanal. A faneca que podía estar a 4€ o mes pasado, está a 1€. O polbo, a pesar de ser un produto que se pode conxelar, xa está sufrindo o parón. A realidade é que a día de hoxe os barcos quen teñen venta ambulante, prefiren saír ao mar, aínda que os costes de producións sean maiores que a propia facturación.

Ben é certo que a parte do sector que está mellor posicionada ana rede, como a marca frescoydelmar, está subindo en vendas. A xente evita ir aos mercados e encarga a través da rede.

Esquecemento das administracións

Se ben é recoñecido dende dentro que falamos dun sector moi acostumado, dende os tempos do Prestige, ás axudas públicas, neste caso o sentimento de desamparo ante o goberno central é absoluto. As medidas non fan ningunha referencia á pesca artesanal, e non diferencia a diferente situación coa que afronta esta crise que a pesca industrial. Unha pesca industrial está facendo acopio de produto a baixo prezo, polo a pesca artesanal tardará varios meses máis en poder remontar os seus prezos porque vai haber exceso de stock no mercado. “Ímolo sufrir máis que outros”, asumen os profesionais do mar costeiro.

Desunión

Así, a unión do sector da pesca artesanal tampouco está sendo exemplar. A realidade é que a resposta dos produtos de peixe barato, a outros produtos como os mariscos, fan que mariñeiros e mariscadores afronten a crise dende diferentes perspectivas. Hai agrupacións que pecharon o percebe, ou os poliquetos, pero que non esperaron para tomar decisións conxuntas, ou esperar o mellor para a cidadanía. Ben é certo tamén que esas vedas poden ser moi positivas en termos de rexeneración do produto.

Así, por exemplo o patrón maior de Malpica  uniuse á iniciativa do alcalde malpicán de enviarlle unha carta ao Ministro de Agricultura e Pesca solicitando que a pesca artesanal se poida acoller a un ERTE.

Positivos?

Polo de pronto non houbo casos importantes de positivos por coronavirus no mundo do mar, pero si que hai moita precaución por casos como os vividos na Lonxa de Ribeira.

Pero o medo está presente. E son moitos os empresarios que teñen un barco, e que saen a vender moi por debaixo do prezo habitual, arriscando a que algún dos seus tripulantes contraia o virus, e o denuncie por non ter mantido os medios e as distancias de seguridade (algo practicamente imposible de facer a bordo), con todo o que iso provocaría.

Comentarios