Xoves. 28.03.2024
El tiempo

E Rosalía tamén rendeu homenaxe a Fermín da Feiranova

E Rosalía tamén rendeu homenaxe a Fermín da Feiranova
Suso de Xornes e Guillermo da Rabadeira recibindo o premio Rosalia do Presidente da Deputacion

Xa non están os que eran, pois o pasamento de Fermín da Feiranova, o máis antigo dos regueifeiros de Bergantiños, deixa aos tres mosqueteiros da rima sen o seu Dartañán. Pero onte era unha ocasión para renderlle unha fermosa homenaxe, no acto de entrega do premio Rosalía de Castro que a Deputación da Coruña deu aos Regueifeiros de Bergantiños.

Ao acto, celebrado na Fundación Eduardo Pondal, en Ponteceso, asistiron dous destes “retranqueiros”, Jesús García Lema, Suso de Xornes; e Guillerme Vázquez Vila, Guillerme da Rabadeira. E tamén familiares de Fermín Calvo Suárez, Fermín da Feira Nova, falecido hai unhas semanas; e de Antonio Rodríguez Carabel, Antonio de Xornes, que se atopa fóra de Galicia.

Houbo varias promesas enriba da mesa que cómpre salientar, como que a institución provincial porase en marcha no próximo ano un obradoiro de regueifa destinado aos máis novos. Ademais, o presidente da Deputación animou a “estes últimos representantes da arte da retranca”, a manter viva unha tradición que, necesariamente, “temos que, entre todos, axudar a transmitir ás novas xeracións”.

Foi o propio Suso de Xornes, en nome dos premiados, quen pediu a colaboración das administracións para transmitir este xeito de expresión oral aos máis novos.

Esta vai pois por estes "gardiáns dunha importantísima tradición" como é a regueifa.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios