Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Miro Villar
11:17
08/03/17

El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira

El Eco de Mugía (1902-1904). No 115 aniversario dunha cabeceira da prensa costeira
El Eco de Mugia 13-11-1903 El Eco de Mugía do 13-11-1903

Algún exemplar recuperado polo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez foi o meu primeiro achegamento ao quincenario El Eco de Mugía, que naceu hai 115 anos, en 1902, e que deixou de se publicar en xullo de 1904. Foi todo o descubrimento que me había ser moi útil cando elaborei a Antoloxía Poética de Gonzalo López Abente (Espiral Maior: 1995).

Un par de anos despois tiven que profundar un pouco máis no estudo do devandito periódico, cando principiei a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, pois tiven a honra de ser un dos redactores que elaborou as fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). No primeiro volume o artigo sobre El Eco de Mugía é da miña autoría, aínda que por decisión editorial, que eu moito non comparto, as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega:

«El Eco de Mugía. Periódico Independiente. Defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión» así eran a cabeceira e o subtítulo deste xornal que apareceu en Muxía no ano 1902. Publicábase os días 15 e 30 de cada mes e o seu director-propietario era o poeta local Gonzalo López Abente. O último número do que temos constancia é o 42, do 15 de xullo de 1904, que se abre coa nova do falecemento de Xulia Abente Lago, nai do poeta, e unha esquela da redacción que cobren toda a portada. Gonzalo López Abente era o autor da maioría dos artigos, moitos deles asinados con pseudónimos. Con frecuencia o xornal publicaba contos ou poemas, cunha notable presencia da literatura en galego. Así, no número 21, do 13 de setembro de 1903, que sae canda as festas locais da Barca, hai numerosos poemas en galego asinados por Victorino Abente Lago, Aurelio Ribalta, Galo Salinas Rodríguez, Florencio Vaamonde, Francisco Tettamancy, Uxío Carré Aldao, Salvador Golpe e Víctor Castro Rodríguez. Ademais, reproducen o poema «A romaría da Barca» de Rosalía de Castro e publican un conto de Enrique Labarta Pose sobre o mesmo tema. Este relato vai suscitar unha interesante polémica nos números que seguen, pois é criticado polo párroco de Muxía que o consideraba difamatorio. Nos poucos exemplares conservados sobrancean as plumas de Víctor Castro Rodríguez e do propio director da publicacións, que asina moitos poemas.

Malia non o precisar na anotación parece obvio que a desaparición de El Eco de Mugía coincide co pasamento da nai do poeta. Como datos a engadir a esa ficha, nomeadamente literaria, aínda se podería engadir que foi o banqueiro e político muxián Manuel Miñones Barros (que anos despois foi alcalde de Corcubión e pai do deputado republicano José «Pepe» Miñones Bernárdez, asasinado en 1936) o principal mentor do periódico, malia que a alma mater como fundador, propietario e director foi como xa se comentou o poeta Gonzalo López Abente. E tamén se sabe que nos seus inicios mantivo algunhas polémicas por defenderen intereses políticos contrapostos ou diverxentes co periódico El Celta de Corcubión (1901-1902), como cita o noso investigador Luís Lamela na súa obra Pepe Miñones. Un crimen en la leyenda (1900-1936) (Edicións do Castro: 1991), de obrigada lectura como moitos outros traballos que levan o aval da súa sinatura.

El Eco de Mugia 15-7-1904 El Eco de Mugía do 15-7-1904

Aínda que o xornal coruñés La Voz de Galicia e o compostelán El Eco de Santiago saúdan a súa aparición durante os primeiros meses de 1903, temos varios testemuños de que o primeiro número (ata hoxe ilocalizable) do quincenario El Eco de Mugía debeu saír en novembro de 1902, pois así o recollen senllas anotacións breves de La Idea Moderna. Diario democrático de Lugo, no seu núm. 3576 (20-novembro-1902) e na emigración El Eco de Galicia. Órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas, no seu núm 402 (20-decembro-1902). Daquela será en novembro cando celebremos o 115 aniversario do xornal, do que por certo a monumental base de datos do proxecto Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia (http://biblioteca.galiciana.gal/gl/inicio/inicio.do) aínda non posúe ningún exemplar dixitalizado. E é unha tarefa que se debería realizar antes de que desaparezan os ben escasos que se conservan a día de hoxe.

 

* (As imaxes das cabeceiras proceden de exemplares fotocopiados do fondo documental do antropólogo Manuel Vilar Álvarez a quen moito lle agradezo a súa cesión)

 
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios