Venres. 29.03.2024
El tiempo

Elisa Gallego non entende o cambio de ubicación dos bancos de Caldebarcos

Elisa Gallego non entende o cambio de ubicación dos bancos de Caldebarcos

A semana pasada enviábannos dende Caldebarcos unha dúbida existencial sobre a desaparición de 3 bancos de 2 toneladas cada un do fermoso Corredor Costeiro. E hoxe nos responde a propia arquitecta Elisa Gallego, autora da Plan Integral de Recuperación da Costa. Gallego non foi avisada do cambio de ubicación dos bancos. Así, entende como "improcedente" a modificación do Plan sen a súa supervisión.

Sen máis, deixámosvos coa explicación da arquitecta sobre o paradoiro dos bancos.

Carta de Elisa Gallego: "Só había que preguntar"

Só había que preguntar. Hai un par de anos realicei unha sinxela actuación en Caldebarcos. Acomodar un pequeno espazo para revalorizar unhas arquitecturas anónimas e a súa contorna. Hoxe parte dela cambiou de localización. Para a miña sorpresa, para sorpresa da xente de Caldebarcos. Exactamente a 15 km, ao sur. As fotos falan por sí soas. Pretendo con este escrito recalcar o improcedente do suceso, o desacertado proceder.

Trátase ou se trataba dunha simple intervención paisaxística, apoiar 3 pedras esculpidas como bancos para valorar unha paisaxe, para sentar e gozar alí onde o monte Pindo cae ao mar. Agora están onde a insensibilidade roza cun penoso espazo indefinido, que nin se merece o calificativo de “público”. Alí están 3 pezas, deseñadas por Manuel Gallego Jorreto en colaboración co canteiro Ricardo Antelo - premisa esta de realización sensible para calquer colega-.

Antes estaban dispostos á marxe dun carreiro costeiro coa idea de non molestar nin ao espectador nin ao escenario. Pero fai uns meses molestaron e desapareceron. O pasado xoves 31 de marzo o sr. alcalde tivo a ben responder a un xornalista, non así ao pleno do concello, e desvelounos a súa actual localización: a 50m da última curva da AC-550 en Lariño, onde remata o concello. Unha contorna incomparable entre unha pista deportiva enreixada, e as instalacións de telefonía, electricidade e demais aparato, sobre o asfalto. Un espazo desolador con ou sen bancos. É de lamentar a falta de sensibilidade éstetica e social.

Quizais o sr. alcalde descoñece o proceder nestes casos, que se adoita fundamentar no diálogo, básicamente, e que ademais nestes tempos aforra cartos, problemas e tinta. O caso é que incumpre un acordo asinado entre a consellería, o concello de Carnota e a confraría do Pindo (estes últimos, usuarios directos do proxecto e primeiros interesados en recuperar estes bancos). Incumpre un contrato e o obxecto do mesmo, valorar a contorna da punta de Caldebarcos. E, para rematar, a arquitecta titular do proxecto tamén ve infrinxido o seu dereito de autor sobre o proxecto arquitectónico da súa propiedade non podendo dispor del, o concello, para un fin diferente do establecido e cometendo unha infracción con esta outra utilización (Lei de P. I.).

En Caldebarcos existen numerosos propietarios con terreos dispostos a acoller esta intervención. Só había que preguntar.

  • Elisa Gallego Picard. Arquitecta, autora do proxecto. 4/4/2011.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios