Martes. 23.04.2024
El tiempo

Eló non vale un mundo o Entroido de Fisterra?!

Os da Charca campións do Entroido de Fisterra
Os bufóns de Os da Charca quedaron campións do entroido de Fisterra
Eló non vale un mundo o Entroido de Fisterra?!

”Purpurina, máscaras, disfraces, risas… que nos serve para denunciar as inxustizas sociais e para darlle caña aos nosos políticos. Iso é Entroido de Fisterra!!”

Dificilmente imos atopar mellor definición que a deu, en plena copla, a comparsa gañadora, Os da Charca, desta nova edición do Entroido máis divertido e auténtico da Costa da Morte (por detrás quedaron Tortugas y Peces, Os Trotamúsicos e Os Enjominados de Seé). Un entroido que compaxina unha calidade artística excepcional con traxes e maquillaxes artesanais, coas coreografías máis modernas, e sobre todo, coa retranca dunha copla que non ten parangón na comarca.

As máis de 200 persoas que formaron as 4 comparsas participantes deron conta ademais do relevo xeracional que se produxo xa hai 4-5 anos, pois son é a rapazada a que mantén viva a rima da fin da terra.
Unha mocidade que ten tempo que criticar aos seus dous políticos de goberno, así como denunciar a marea de cortes de luz, a falta de pediatras, o xuízo do Secretario Municipal, ou lanzar unha marea de bromas locais que as xentes de fóra non chegan a entender.

Pero entroido que tamén conta con protagonistas na sombra, como Rosa Mar Trillo, autora, xunto con Ana Belén, dos máis de 50 sombreiros artesanais da comparsa Os Trotamúsicos que tan ben representan a “artesanía” do entroido fisterrán. 4.000 flores de fieltro pegadas a man, quilos e quilos de purpurina, e un mes traballando 12 horas ao día para a causa ben se merecen un recoñecemento!

Ateigado pavillon para o Entroido de Fisterra

Peter Punk e un comezo de medo

Peter Punk co alcalde de Fisterra facendo estramunias
Peter Punk ata usou ao alcalde para facer os seus números

Sen dúbida, un dos papeis máis complicados neste entroido é o do presentador, que ten que manter o fío do público nos entretempos. O paiaso aguantou moi ben o tirón cos seus irreverentes números (ata sacou ao alcalde, un Pepe Marcote disfrazado de pediatra, para un dos números) involucrando aos máis pequenos e sacando as risas do ateigado pavillón ademais de quedar abraiado co nivel das comparsas.

Foron as Tortugas y Peces as primeiras en saír a escena, xa cos cortes de luz como denuncia. Coa guitarra eléctrica de Mateo, abríu unha xornada de medo. Ao puro estilo “sei o que fixestes a última lexislatura”, a acción comeza co secuestro do alcalde, Pepe Marcote, e o teniente alcalde, e Kuka Sar, que fican, en clave televisiva, condenados a “traballar algo”. Germán, o “come nenos” que aproveita os cortes de luz, e unha temible Leticia deron paso a unha das grandes protagonistas do entroido. Mariola fixo unha nena do exorcista tomada por Vox de auténtico escándalo, cunha actuación que quedará para a lembranza.

 

Os da Charca

Disfrazados de bufóns, e demostrando que o circo, aínda que lles pese a moitos, tamén ten cabida no entroido fisterrán, a comparsa gañadora comezou criticando que o grupo de goberno sempre bote balóns fóra e meta a culpa a Portos, á Medio Ambiente ou a Fenosa… Ademais de mandar un recado ao Secretario, e sacar as copas sobre os cortes de luz, tamén incidiron na problemática do mar, e deixaron patente que os problemas sociais como a falta de servizo de pediatría e o feminismo son denuncias que tamén entran no xogo carnavalesco.
Cynthia fixo unha copla espectacular, e moi boa representación do que é o entroido fixeron Noelia e Zeus, pertencentes ás listas de PSOE e BNG respectivamente, que se lanzaron os trastos á cabeza, con ironía e simpatía por igual.

 

Os Trotamúsicos

Entroido de Fisterra 2020-Os Trotamusicos 1

O musical dos Trotamúsicos comezaba cun show televisivo de citas a cegas, con conversas políticas moi ben armadas. “Temos o mesmo elenco de sempre. Pepe, Kuka, Xan e Traba, todos nos saíron rana”, versaban as coplas iniciais.

Botouse de menos algo máis de protagonismo para Rodri, ese rapaz que tan ben representa o entroido fisterrán. “Puyol” debutaba hai 6 anos sendo xa o Rei do Entroido, e cada ano segue demostrando un talento especial para manter viva a retranca fisterrá. Así e todo, as súas conversas con Loreto foron fantásticas, criticando a carencia de Casa da Cultura, criticando ao festival de Blues (que non dá safado) e lamentando que só se queira o “turismo de categhoría..

Reaparición de Santi Caneta cos Trotamúsicos

Dende 2012, aínda na Praza, que non aparecía Santi Caneta polo entroido fisterrán. Un monólogo xenial de 5 minutos, e unha entronización copleira do #Eló fisterrán recuperaron unha das pezas clave do entroido fisterrán das últimas décadas, que ademais foi escollido como Rei do Entroido, e que nos aseguraba que o ano que vén volve montar comparsa!!

Os Enjominados de Seé

A Galicia Encantada dos Enjominados de Seé foi unha das sorpresas do certame. Aínda lle falta un punto para chegar á calidade dos contidos das comparsas fisterrás, pero o guión preparado por Toño Casais fixo darlles un salto de calidade, cunha liorta de bruxas fiado arredor dos intereses económicos que xera o Camiño nas pequenas comunidades moi salvaxe.

Ademais, cómpre salientar que boa parte da comparsa son rapaciños e rapaciñas, facéndolles disfrutar ao máximo do Entroido por toda a volta, pois conseguiron o primeiro premio no Entroido de Dumbría, no Entroido de Camariñas, no Entroido de Muxía e o terceiro premio na Ponte do Porto. En Fisterra, ademais do 4º premio, levaron o da Raíña do Entroido, para esa doce Noelia, que bailou cunha dozura e unha autonomía xenial.

Entroido de Fisterra 2020-Noelia dos Enjominados a Rainha

 

Novas do Entroido Fisterrán

Máis novas

Comentarios