Empresario vs Obreiro
Hai toda unha galería de termos asociado coa condición de empresario e de obreiro. Case todos eles proveñen da revolución industrial de finais do XIX e principios do século XX. Cada quen utilízaos segundo a súa ideoloxía atribuíndolles virtudes ou defectos de acordo coa mesma. Si para a época tiña sentido unha catalogación que viña motivada polo rol, perfectamente definido, que cada un tiña na sociedade, hoxe parece que os perfís dilúense nunha sociedade moitísimo mais complexa e heteroxénea que aquela.
Hai xente, non obstante, que considera que para ser de esquerdas, moi de esquerdas, hai que demostralo berrando consignas hoxe superadas, e practicando liturxias que, na maioría dos casos, nin coñecen a súa orixe nin practican na súa vida cotián. O mesmo acontece no campo contrario.
A min non deixa de sorprenderme, sobre todo nestes días de confinamento onde as redes sociais botan fume, a simpleza con que algúns, esquerdistas de boquilla, sementan os seus perfís, e os alleos, con frases grandilocuentes definíndose como defensores da causa obreira, perseguidores do empresario capitalista explotador, e simplezas polo estilo. Nos de dereitas pasa o mesmo pero, claro está, botando a parir aos sindicatos de esquerdas, funcionarios vagos, sufridos empresarios masacrados pola administración roxa... Hai todo un abano que se pode consultar sen esforzo neste mundo da realidade virtual.
Agora ben, eu, simplemente, convido a facerse a seguinte pregunta. Quen é mais obreiro, o titular dunha explotación agraria, ou o patrón dunha embarcación do cerco, ou o funcionario de Grupo A, nivel 30 de calquera das administracións públicas? Non porque teña nada a favor duns ou en contra doutros, simplemente para visualizar sinxelamente a analoxía.
Nos primeiros casos estamos diante de empresarios que teñen investido moitísimos recursos no seu medio de vida. Ao mesmo tempo, no 99.99 dos casos, son tamén empregados de si mesmos. Haberá de todo, pero a inmensa maioría deles non acada de beneficio neto, ao remate do exercicio económico, o que algún funcionario, ou alto directivo de empresas públicas ou privadas, ten de nómina bruta mensual. É un dato que se pode consultar nos institutos de estatística. Pero calquera dos funcionarios ou persoa de alta responsabilidade en calquera empresa, é considerado obreiro porque traballa por conta allea, ten un salario abonado por terceiros e, polo tanto, merece a consideración explotado da clase obreira.
En España no contorno do 80% das empresas son autónomos e pequenas e medianas. Como en tódalas actividades hai xente para todo. Eu poucos empresarios, grandes, pequenos e medianos, coñecín que non lles supuxera un auténtico trauma ter que despedir a un empregado. Sobre todo os autónomos e pequenos porque na súa empresa traballan, sobre todo, coñecidos e familiares e, polo tanto, coñecen a situación persoal de cada un deles. E tampouco é prato de gusto para os grandes aínda que estes teñen a vantaxe da distancia e do macro.
Sen empresa non hai obreiros. Sen obreiros que traballen en boas condicións e con salarios dignos non hai economía. Hoxe a nosa sociedade é tan complexa que xa non serven as vellas formas. Os sindicatos xa non poden facer unha liña divisoria entre asalariados e pagadores de salarios porque, moitas veces, necesita mais protección o autónomo explotado pola megaempresa que o asalariado con nómina mensual de miles de euros. E o autónomo e pequeno empresario debe deixar de pensar que, polo feito de ser empresario, o seu lugar está na mesa da megaempresa que o explota vilmente e nin sequera está suxeito ao marco legal laboral do país onde ten o seu negocio.
Coido que, agora que temos tempo, empreguemos o tempo en ler, comparar e analizar a sociedade laboral actual e que, logo de facelo, deixemos de utilizar slógans e mantras, tanto por un lado como polo outro, que están moi superados pola evolución dos tempos. E cando remate todo esta pandemia, moitísimo mais.
- Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.
Artigos de opinión sobre o coronavirus
- Xosé Manuel Barros: Coronavirus. Un alto no camiño.
- Ana Gil Rey: Verdades incómodas.
- José Luís Louzán: A ira.
OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA
- Toda ocasión é boa para os falabarato
- O falar non ten cancelas.
- Teñen sentido as pensións de viuvez na sociedade actual?.
- Un modelo educativo alleo á realidade comarcal
- O Pin Parental, ou como chicar o mar cun toletO Pin Parental, ou como chicar o mar cun tolete.
- “Cada uno es tal como Dios lo hizo, y aún peor muchas veces”.
- Sen novidade pola Costa da Morte.
- Non foi sen tempo.
- Consultas á militancia, ou cando máis votar non implica máis democracia.
- El perro del hortelano.
- O soño da razón produce monstros
- O voto como mellor arma contra os reaccionarios.
- Patriotismo de boquilla.
- O mapa político da comarca é monocolor.
- A Costa da Morte tínguese de roxo.
- Pero... existen Eleccións Europeas na Costa da Morte?.
- A Mostra acada a madurez.
- As Primarias derivan en Cesarismo.
- Un esperpento chamado Operación Orquesta.
- A igualdalde que hai que gañar cada día.