Venres. 19.04.2024
El tiempo

En Marea traslada as demandas dos traballadores de Ferroatlántica ao primeiro pleno da lexislatura

En Marea traslada as demandas dos traballadores de Ferroatlántica ao primeiro pleno da lexislatura
en-marea-ferroatlantica Luís Villares, portavoz de En Marea, mantivo onte un encontro cos traballadores de Ferroatlántica “Estamos aquí cunha misión moi clara, queremos ser os que traslademos a voz dos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica directamente a un presidente da Xunta que se nega a recibilos, negando o propio problema”, indicou Luís Villares, voceiro de En Marea, durante o encontro que mantivo onte cos traballodores de Ferroatlántica que continúan pechados no concello de Cee. Deste xeito, Villares acordou cos traballadores a pregunta concreta que hoxe lle formulará a Feijóo no primeiro pleno da lexislatura. Segundo indicou, a segregación e venda ten que contar necesariamente coa aprobación da Xunta de Galicia; "polo tanto Feijóo é o máximo responsable de que iso se poida levar a cabo e parécenos absolutamente inaceptable que os traballadores estean a día de hoxe sen ser recibidos igual ca os alcaldes da comarca pora parte do presidente da Xunta”, censurou o portavoz de En Marea referíndose á negativa de Feijóo a recibir tanto ao comité de empresa de Ferroatlántica como aos rexedores da Costa da Morte. Coa primeira pregunta que En Marea fará dentro deste pleno ordinario e que será a primeira pregunta de toda a lexislatura “quere ser a voz dos traballadores e de toda unha comarca, do que para nós é un sector estratéxico do conxunto do país”. Luís Villares declarou que tamén lle pedirán a Feijóo “que reciba de forma inmediata os traballadores e traballadoras e aos alcaldes como representantes lexítimos de todas as aspiracións de dignidade dunha comarca e polo tanto que se posicione claramente contra a segregación e a venda, non lles quedará outro remedio ca cambiar de opinión”. O PPdeG no Parlamento Por outra parte, o secretario xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, defendeu onte no Parlamento galego que “tanto a actividade de Ferroatlántica nos ríos Xallas e Grande, como a súa competitividade estean garantidas, de xeito que non se poñan en perigo nin os postos de traballo nin as condicións do seu emprego”. “Os traballadores desta empresa poden estar seguros de que tanto o PPdeG como o goberno galego estarán ao seu carón, non para saír na foto, como fixeron outros parlamentarios, senón para garantir efectivamente que se mantén o traballo e a actividade na Costa da Morte”, indicou Miguel Tellado. Tellado lembrou que a día de hoxe “aínda non hai ningunha proposta en firme enriba da mesa por parte da empresa”, pero desde o grupo popular din que defenderán esta proposición non de lei no Parlamento galego “ante as incertezas que están sementando os rumores xerados nas últimas semanas “. O secretario xeral do PPdeG demandou que “os traballadores e os cidadáns da comarca da Costa da Morte deben sentir que son aprincipal preocupación das institucións, e as institucións deben trasladárllelo velando pola legalidade das actuacións e os movementos da súa empresa; informándoos das novidades que sucedan con respecto á evolución do proceso aberto; e asegurándolles o compromiso coa carga de traballo, a viabilidade da empresa e os investimentos na zona”. Críticas para en Marea Ademais, Tellado criticou “a contradición de En Marea ao criticar no Parlamento galego o que defende despois no Congreso dos Deputados”. En concreto, indicou que o grupo de En Marea defendeu no Congreso unha proposición non de lei a través da que solicita ao estado a promoción de axudas para modernizar a factoría de Ferroatlántica en Cee, mellorando a súa eficiencia así como a dos aproveitamentos hidroeléctricos. “Deste xeito, quen quere beneficiar realmente ao empresario?”, cuestionou. “Están sempre no discurso das empresas boas e malas. En contra de empresas como a central térmica de As Pontes, Reganosa, Ence, o sector aeronáutico en Rozas, a ampliación de Citroën ou as corbetas en Navantia”, lamentou, para asegurar que desde o PP “defendemos o emprego en Galicia e a reindustrialización”.

Artigos relacionados

Novas do #CasoFerroatlántica

  Fonte

Comentarios