Venres. 29.03.2024
El tiempo

Eólicos vs Dragaxe de Laxe. Mariñeiros vs Unión Fenosa

Eólicos vs Dragaxe de Laxe. Mariñeiros vs Unión Fenosa
Obras no porto de Laxe vs Parque Eolico de Union Fenosa Desigual a loita entre un pobo unido polas obras do porto de Laxe vs Parque Eólico de Unión Fenosa Coma quixotes loitando contra os viraventos. Así poden verse os mariñeiros de Laxe cando comproban a rapidez coa que se vén de aprobar o Estudo de Impacto Ambiental do Proxecto Eólico Pena Forcada - Catasol (II), mentres o estudo semellante da dragaxe de Laxe segue paralizado. Unha comparación algo odiosa pero que dá conta das prioridades do goberno do PP na Xunta de Galicia. Se en maio se daba o novo concurso eólico, despois de toda a polémica e toda a batalla que supuxo botar abaixo o concurso do bipartito, incluídas millonarias multas ás arcas públicas, a Xunta axiliza con rapidez tanto a creación de novos parques eólicos como a repotenciación doutros xa construídos como é o de Corme. No caso laxense, dende a publicación en decembro de 2015 do proxecto de Unión Fenosa ata a súa aprobación defintiva incluída o impacto ambiental, non pasou máis de ano e medio. Polo lado contrario, xa son máis de 7 anos os que leva o pobo enteiro de Laxe loitando pola dragaxe da zona portuaria emais pola eliminación da extensión do dique e posterior construción dun novo dique na zona exterior.

Unha obra unánime e prometida

Poucas obras acollen tanta unanimidade como a do porto de Laxe. En febreiro volvían unirse confrarías, veciños e o Concello para esixir a Xunta a posta en marcha do proxecto. Un proxecto ambicioso, que custaría da orde de 40 millóns de euros (2 para o dragado e 38 para derrubar o dique actual e construír o novo). Pero o proxecto, que debería estar en marcha na pasada primavera de 2016, segue estancado por culpa do Estudo de Impacto Ambiental. A última pedra, un posible punto de vertido e a posible afección aos barcos do arrastre, que mantén no mesmo punto que hai dous anos este paso necesario para comezar unha obra prometida e comprometida. I é que a propia Xunta ten recoñecido que a obra do dique creou un “cambio de dinámica litoral grave”, polo cal sabe que ao ser Portos o responsable, está obrigado a repoñelo e pagalo. “40 son moitos millóns e sabemos que non se vai realizar de hoxe para mañá, por iso dende o Concello só pedimos un compromiso de 5 millóns ao ano durante os vindeiros 8 anos”, explican. ”É un tema de vontade política, non de pasta, porque seguir seguen metendo millóns de euros en portos deportivos…” lamenta o concelleiro do BNG, Xosé Manuel Pose (que comparte goberno co PSOE dende o novembro pasado). “Se algún día o PP perde a Xunta e o BNG ten responsabilidades de goberno e non se acomete esta obra eu non seguirei en política local”, promete.

A dragaxe, “unha tirita”

En Laxe saben que a dragaxe da zona do porto “é unha tirita para un tumor maligno”. Un tumor que leva provocando o movemento das dunas de Laxe cara o centro da vila, provocando un cambio da fachada laxense tremendo. Un tumor que convertiu o porto de Laxe, que antano servía de abrigo para embarcacións de toda a zona, nun porto deserto cando hai temporais.

Máis facilidades para os proxectos eólicos e mineiros

Parte do Parque Eolico de Corme esta en rede Natura Parte do Parque Eólico de Corme está en rede Natura - Fonte-Salvemos Cabana Ademais, por se foran poucas as accións favorables aos parques eólicos e aos proxectos mineiros desta Xunta, o PP vén de levar unha proposta de Lei á cámara autonómica na que pretende simplificar a súa tramitación ambiental, así como a redución significativa de prazos de información pública, "o que impediría a correcta avaliación dos impactos producidos polas iniciativas industriais e o debate social perminente", denuncia a plataforma Salvemos Cabana.

Novas sobre o Parque Eólico de Laxe

Novas sobre a dragaxe de Laxe

Fonte

Comentarios