Venres. 29.03.2024
El tiempo

O equipo redactor do Plan Especial de Pedra do Sal presenta nunha sesión pública o documento para aprobación inicial

O Concello de Carballo convoa para o 6 de febreiro a todas as persoas e entidades que queiran participar.
O Concello de Carballo convoa para o 6 de febreiro a todas as persoas e entidades que queiran participar.
O equipo redactor do Plan Especial de Pedra do Sal presenta nunha sesión pública o documento para aprobación inicial

Máis de cincuenta persoas participaron en maio do 2018 na sesión informativa que marcou o arranque do traballo de elaboración do Plan Especial de Pedra do Sal. Despois dun longo intenso proceso, no que foi fundamental a participación veciñal, o documento de aprobación inicial foi remitido o pasado mes de decembro tanto á Demarcación de Costas do Estado coma á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para que emitan os seus informes previos, que son obrigatorios.

Pero proposta xa está lista, e o 6 de febreiro será presentada á veciñanza nunha xornada aberta que se celebrará no Centro Social de Imende. A sesión comezará ás 19.00 horas e terá unha duración aproximada de hora e media. A concelleira de Planificación, Milagros Lantes, fai un chamamento á participación de todas as persoas e entidades interesadas para seguir avanzando na consecución dun documento participativo e o máis consensuado posible, tendo en conta que calquera intervención neste ámbito está moi limitada polas diferentes figuras de protección, de rango superior, que afectan ao espazo natural de Baldaio.

O ámbito do plan abrangue o núcleo de Pedra do Sal e a urbanización O Pinar, en contacto directo coa lagoa e a praia, e afecta tanto ao solo de núcleo rural común como a áreas de solo rústico de protección de costa e espazos naturais. Con este documento urbanístico trátase, ademais de cumprir o establecido no POL, de preservar a paisaxe e os espazos naturais da zona de Baldaio; protexer, rehabilitar e mellorar os elementos característicos da arquitectura da zona; ordenar a edificación no núcleo de Pedra do Sal, completar e ordenar as dotacións, os accesos e redes de servizos; ordenar sen edificar os terreos baleiros en zona de servidume do dominio público marítimo-terrestre; ordenar os usos e actividades, así como a mobilidade e accesibilidade as praias, desenvolver a senda litoral prevista no PXOM e establecer accións de recuperación medioambiental e paisaxística para as zonas degradadas.

Os plans especiais están previstos na Lei do Solo de Galicia como instrumentos urbanísticos orientados a “protexer ámbitos singulares, levar a cabo operacións de reforma interior, coordinar a execución de dotacións urbanísticas e protexer, rehabilitar e mellorar o medio rural”. No caso concreto da Pedra do Sal, xa no Plan de Ordenación do Litoral (POL) coma no Catálogo das Paisaxes de Galicia se incide na necesidade de mellorar unha serie de aspectos deste asentamento relacionados coa calidade ambiental, natural, paisaxística e urbana do mesmo a través dunha “área de recualificación” que aparece definida no PXOM como o “Plan especial de ordenación do núcleo rural de Pedra do Sal e protección do seu entorno”.

Comentarios