Sábado. 20.04.2024
El tiempo
que pasa na costa

Evento

Espectáculo "O Electo"

18/xan./2020
21:30 h
Auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros
o electo
Espectáculo "O Electo"

Día e hora: sábado 18 de xaneiro, ás 21:30 h

Local: Auditorio do Centro Cultural de Muros

Actividade: Teatro – Coprodución das compañías Focus e Contraproducións - “O Electo”

As entradas, con un prezo de 3,50 €, xa poden ser adquiridas ou reservadas nas oficinas do centro cultural de Muros, ou no teléfono 981762294.

 

A piques de dar o discurso de investidura, un recentemente elixido Presidente da Xunta enfronta un inesperado atranco: un choqueiro tic nervioso ameaza con estragar tan solemne momento. Un psiquiatra acode para o atender e iníciase unha divertida e incisiva batalla dialéctica entre os dous.

Que agacha cada quen? Cales son as verdadeiras intencións de un e outro? Que feitos da nosa vida marcan o noso futuro e, sobre todo, a nosa vocación?Cales son as motivacións reais que levan a alguén a ser presidente do seu país. Unha responsabilidade da que fuxirían a maioría dos cidadáns. Sospeitando que, alén da ambición de poder ou da lexítima cobiza por mellorar o mundo, hai outros motivos que se cadra nin o mesmo candidato coñece.

A partir desta premisa o autor crea O electo, unha comedia sobre un Presidente que o día do discurso de investidura descobre os verdadeiros motivos que o levaron a onde o levaron.

Transcorre a obra cun continuo discorrer de gags e situacións hilarantes. O texto é bo e a interpretación de ámbolos dous actores soberbia, ao igual que a dirección de Cándido Pazó.

Intérpretes:  Manu Baqueiro e Antonio Mourelos

Texto orixinal: Ramón Madaula

Versión galega e dirección: Cándido Pazó

MANU BAQUEIRO, (O Presidente). Especialmente coñecido por series televisivas como Amar es para siempre, ten demostrado o seu talento como actor de teatro en diversos e celebrados espectáculos.

ANTONIO MOURELOS (O Psiquiatra). Cunha longa experiencia como actor audiovisual (Los Lunes al Sol, Mareas vivas, As leis de Celavella, Padre Casares, Matalobos, Serramoura, Fariña, El secreto de puente viejo, El tiempo entre costuras, Imperium...), aporta agora o seu carisma actoral á interpretación teatral.

CÁNDIDO PAZÓ é na actualidade un dos mellores dramaturgos e directores teatrais vivos. Comeza a súa andaina como autor e director de escena en 1989. Realiza direccións, postas en escena e adaptacións para diversas compañías galegas e o C.D.G con éxito no seu traballo a cotío. Entre os premios recibidos destacamos o Premio da Cultura Galega, no apartado de artes escénicas, no 2014.

O Electo é unha coprodución das compañías Focus, Contraproducións  e o FIOT de Carballo.

O espectáculo está incluído na Rede Galega de teatros e auditorios.

Comentarios