Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Estrutura de oportunidade política en Ponteceso?

Estrutura de oportunidade política en Ponteceso?

Despois de intentar poñer en cuestión a veracidade dos feitos dos que di ter sido vítima Lois García Carballido no artigo que publiquei baixo o título Chantaxe ou montaxe?, no presente artigo o obxectivo é reflexionar e mostrar que a día de hoxe en Ponteceso existe unha estrutura de oportunidade política para articular unha plataforma veciñal que en 2023 estea en condicións de presentarse ás eleccións municipais e gañar o Concello de Ponteceso para a cidadanía e gobernar antepoñendo os intereses das veciñas e veciños aos intereses de parte.

Deste xeito enterraríase dunha vez por todas a longa noite de pedra que leva sufrir Ponteceso tanto durante o mandato do exalcalde José Luis Fondo Aguiar como no actual, o seu relevo Lois García Carballido, quen copiou as mesmas maneiras caciquís do seu antecesor tanto no xeito de actuar como de entender a política, é dicir entender a política como unha oportunidade de negocio para o seu beneficio individual como para o dos seus amigos en lugar de comprender que o obxectivo da política municipal e traballar e dar o mellor dun mesmo para mellorar a vida das veciñas e veciños do concello.

Que entendemos por Estrutura de Oportunidade Política?

Unha estrutura de oportunidade política (EOP) enténdese como un contexto político e social de protesta e agravio coa clase política debido ao non sentir representadas nin tomadas en consideración as demandas da cidadanía, polo que analizando o sentir das veciñas e veciños de Ponteceso durante o esperpento político se está a vivir, están vixentes as condicións para considerar que existe unha estrutura de oportunidade política no municipio.

Quen debe aproveitar a EOP existente no concello?

Na actualidade, despois de escoitar as declaracións do alcalde Lois García Carballido e dos “concelleiros díscolos” Faustino Santiago e Ana Pérez, deben ser estes últimos xunto con Miguel Ángel González, Raquel Fondo e Salvador Eiroa quen faga o movemento político para articular esa nova plataforma e aproveitando a súa condición de concelleiros, tendo un pé na rúa e outro nas institucións, facerlle ver á veciñanza de Ponteceso que teñen un xeito diferente de entender a política ca Lois García Carballido e que se pode facer política pensando no ben común sempre que haxa vontade política.

Cal deben ser os principios políticos que debe ter como base dita plataforma?

Todo movemento político que teña como obxectivo ser maioritario debe ter a capacidade de construír pobo, é dicir, ser quen de articular un discurso que inclúa todas as demandas da cidadanía, tanto individuais (veciño) como colectivas (parroquias, asociacións, etc.) e propoñer solucións para as mesmas. Polo tanto, un dos principios fundamentais é a participación cidadá xa que a única maneira de coñecer as preocupacións e propostas dos veciños é escoitándoos.

Outro dos principios fundamentais debe de ser a horizontalidade xunto coa democracia interna, é dicir, todas as persoas que participen no proxecto deben de tratarse de igual a igual e ter a mesma capacidade de decisión. Que rexa este principio non se opón ao feito de que teña que haber cargos orgánicos, áreas de traballo diferenciadas, etc.

Por último o proxecto debe destacar pola transparencia. Se por algo destaca a xestión do alcalde é pola falta de transparencia, polo que esta debe de ser un eixo vertebral, porque quen che dá a confianza para que ocupes postos de goberno tamén ten que ser coñecedor da xestión que estás a realizar.

Cando pode ser o momento idóneo para arrancar o proxecto?

O momento é agora. Os “concelleiros díscolos” deben de tomar a iniciativa e poñerse a traballar xa na construción da alternativa política que tanto precisa Ponteceso.

Ley Organica para unha posible mocion de censura

Tendo en conta que a opción de levar a cabo unha moción de censura antóllase imposible debido ao artigo 197 da Lei 5/1985, de 9 de xuño, do réxime electoral xeral e en resposta ao apoio que o aparato do PSdeG-PSOE lle está dando a Lois García Carballido, a decisión de abandonar o Grupo Municipal Socialista e pasar ao dos Non Adscritos debería darse máis cedo ca tarde. Realizada esta acción, e sendo o grupo maioritario do Pleno Municipal é o momento de comezar a “gobernar sen ser goberno”, convidar á veciñanza de Ponteceso a sumarse e participar do proxecto, para así articular a plataforma política que sacará o concello das mans de Lois García Carballido e llo devolverá ás veciñas e veciños nos próximos comicios electorais de 2023.

Que é “gobernar sen ser goberno”?

De tomar a decisión de abandonar o Grupo Municipal Socialista os cinco concelleiros, estes converteríanse no principal grupo político do consistorio, polo que a capacidade de levar mocións aos plenos e sacalas adiante é real. Do mesmo xeito que APIN levou ao pleno a baixada do soldo ao alcalde, tamén se podería facer o mesmo coas dedicacións parciais das concelleiras que apoian ao alcalde e intentar provocar a súa dimisión, por poñer un exemplo.

Constituídos como grupo maioritario no pleno, toca actuar como tal, é dicir poñer en marcha o que se enunciamos con anterioridade como principio básico, a participación cidadá. Celebrar encontros parroquiais coas veciñas e veciños e levar as súas demandas aos plenos pode ser un xeito de ir marcando as bases do que será a acción de goberno a partir de 2023, se non dimite o alcalde antes dos próximos comicios electorais.

Para concluír quero dicir que aínda que a situación política que se está vivir no concello sexa esperpéntica e a sensación de agravio estea máis que xustificada, non nos podemos resignar e aceptar o modo de facer política de Lois García Carballido, senón que é o momento de dar un paso adiante, facerlle fronte e demostrarlle que as veciñas e veciños de Ponteceso non aceptan nin creen as súas mentiras nin manipulacións e que existe unha alternativa á política caciquil e autoritaria á que lle venera tanta fe Lois García Carballido dende que é alcalde.

  • Carlos Abelenda.  Politólogo. Escribe sobre diversas temáticas, pero especialmente mostra interese pola teoría política, movementos sociais e administración local. 

 

Novas da crise do #PSOEPonteceso

Comentarios