Venres. 26.04.2024
El tiempo

Estudan recuperar a reitoral de Artes e convertila nun centro de día para doentes de alzhéimer

Estudan recuperar a reitoral de Artes e convertila nun centro de día para doentes de alzhéimer
Estado da Reitoral de Artes-Carballo Estado da Reitoral de Artes

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños aceptou a oferta realizada polo Consello Parroquial de Artes na súa última xuntanza para estudar a posibilidade de converter a antiga reitoral nun centro de día para doentes de alzhéimer. Como primeiro paso, onte realizouse unha visita ao edificio na que participaron o presidente de Afaber, Jesús Manuel Villar; representantes da veciñanza no Consello Parroquial; o concelleiro Luis Lamas e o alcalde Evencio Ferrero.

Na súa situación actual o inmoble non reúne os requisitos estruturais establecidos pola Xunta de Galicia para homologar un centro de día para persoas con alzhéimer. As únicas alternativas serían ou ben ampliar a planta baixa ou ben derrubar o edificio para construír un novo. Neste sentido, o alcalde, Evencio Ferrero, comprometeuse a estudar as posibilidades desde o punto de vista urbanístico e tamén económico, contando coa colaboración da Deputación e da Xunta, pero non hai que esquecer que se está a falar dunha propiedade da parroquia, polo que sería preciso que o Arzobispado a cedese ao Concello de Carballo como mínimo por 30 anos para que puidese realizarse unha actuación desa envergadura e contar ademais co visto bo da veciñanza. No próximo Consello Parroquial, previsto para o 15 de marzo, abordarase de novo este asunto.

O presidente de Afaber lembrou que a asociación precisa un novo local que lle permita atender o mellor posible as necesidades das persoas doentes e das súas familias. Nese sentido agradeceu o xesto do Consello Parroquial de Artes e cualificou como moi importante o ofrecemento, poida chegar ou non a bo porto.

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios