Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Ética e contaminación orgánica do mar (A modo de limiar)

Ética e contaminación orgánica do mar (A modo de limiar)
De todas as formas de contaminación que sofre o mar, a contaminación orgánica xenerada polas augas residuais domésticas desde terra e pola descargas de augas negras e grises desde os barcos, son as máis susceptibles de eliminar porque hoxe en día existen os medios técnicos para o seu control. De sempre, tense considerado que en alta mar, os océanos son capaces de asimilar e procesar as augas residuais por medio da acción bacteriana natural. Ésto ten sido certo ao longo das épocas pasadas pero, hoxe en día, cun crecemento acelerado da poboación mundial e cun 60% dos habitantes do planeta concentrados nas costas, a capacidade de asimilación natural dos océanos pode se empezar a quebrar en determinadas zonas. E máis se a ísto engadimos o crecemento exponencial de formas de turismo masivo low-cost, a bordo de grandes buques cruceiros que, á maneira de cidades flotantes, transportan cada ano millóns de turistas por todos os mares. Estos xigantescos cruceiros, que chegan a levar 9.000 persoas a bordo, producen inxentes volumes de augas residuais que a lexislación vixente permítelles descargar directamente en alta mar, sen depurar, sempre que sexa máis aló das12 millas da costa. Nun mundo cada vez máis pequeno, o término de alta mar vaise quedando difuso, antigo. Sobre todo cando estos cruceiros non navegan polo medio dos océanos coma os antigos trasatlánticos senón que unha e outra vez repiten as mesmas rutas e escalas perto das costas, deixando a súa pegada por todo o Caribe, Centroamérica e Alaska, por mares cerrados coma o Mediterráneo e o Báltico, e chegando a santuarios ecolóxicos coma as Galápagos, o Círculo Polar e a Antártida. E tamén, como non, navegando rumbo norte e sur polo Corredor Marítimo de Fisterra onde os ventos e as correntes predominantes farán o seu para achegar á nosa costa toda sorte de verquidos que estos buques descarguen no mar. Na altura do tempo no que vivimos, nun mundo cun desenrolo industrial e tecnolóxico sen límites, é unha aberración ética, moral e medio ambiental o feito de que as augas residuais, tanto desde terra como desde os barcos, sigan descargándose no mar sen tratamento algún. Ademáis de constituir unha grave ameaza para a saúde humana e para a flora e fauna mariña, é un insulto á natureza, a nós mesmos. Hoxe en día, a non erradicación desta fonte de contaminación do mar, só está xustificada pola ineficacia política en terra e a avaricia do capital no mar. É unha contaminación primitiva, retrógrada, coma se o home na súa espiritualidade non tivera avanzado desde a Edade Media. É o produto dunha cultura de masas basada no divertimento arreo, na compra e no consumo e que impede ver o proceso de degradación dun mundo limitado e finito.

Novas relacionadas

Outros artigos de Xosé Manuel Barro

Novas de Mar de Fábula

Novas relacionadas Fonte

Comentarios