Xoves. 28.03.2024
El tiempo
Marisol Soneira
12:52
26/02/20

O falar non ten cancelas

O falar non ten cancelas

O vello refrán fai referencia a esa costume tan nosa de arranxar tódolos problemas, por complexos que estes sexan, ceibando pola boca canto se nos antolle tendo, ou non, base algunha. Tampouco é necesario ter coñecemento algún sobre o asunto do que se fala para pontificar con simpleza sobre asuntos complexísimos. Nos tempos antigos  estes desfogues verbais acontecían nas fontes e nos ríos por parte das mulleres, e na taberna por parte dos homes. Hoxe esta función desenvólvese nas redes sociais onde, amparados na sensación de impunidade que da a privacidade, dise calquera barbaridade sen ningún tipo de limitación. Non pasa nada! E si a persoa calumniada, vexada, difamada, acosada, e todo o que un se queira imaxinar, é un político xa non hai nada que facer. Barra libre e leña ao mono que é de trapo!

Na maioría dos casos a xente entra a opinar nas redes sociais de xeito frívolo, irresponsable e sen tomarse un mínimo tempo para informarse do tema sobre o que opina. A maioría opina tomando como base unha posición previa e deixándose levar polas súas propias fobias ou filias. Reprodúcese o fenómeno que tan ben debuxa George Orwell na súa novela, Rebelión na Granxa, onde o rabaño de ovellas reproduce acriticamente tódalas mensaxes que interesa difundir aos líderes, incluso cando esas mensaxes vaian en contra delas mesmas e do resto dos animais. Por certo, os líderes son os porcos que amosaron ser os mais intelixentes entre tódolos animais da granxa.

E así, o rabaño, repite unha e outra vez a través das redes, e sen tomarse a mínima molestia en utilizar esta ferramenta extraordinaria que é internet para informase, conceptos e mensaxes que son absolutamente falsos pero que ninguén se atreve a desmentir porque pode sufrir o ataque furibundo desa masa amorfa que se agocha detrás do anonimato. 

Así, cóllese como referencia a lexislación doutros países ou unha excepción que teñen as Cortes Xerais para aqueles deputados ou senadores que non teñen anos suficientes de cotización á Seguridade Social para xerar o dereito a unha pensión contributiva. Esta excepción foi establecida para dar cobertura aos representantes do pobo que estiveron décadas no exilio “gracias” ditadura de Franco e que, por razóns evidentes, nunca cotizaran á Seguridade Social. Por certo, son moi poucos os que se acolleron a esta excepción. Pero o rabaño sigue repetindo o mantra: os políticos teñen pensións vitalicias pola simple razón de dedicarse á política.

Outra moi socorrida é a da pensión dos ex presidentes. Ninguén se toma a molestia de ver a norma que as concede e que, en sentido estrito, non é unha pensión individual se non unha asignación que cubre a oficina, persoal, gastos de mantemento, funcionamento e aluguer da oficina, e todo o que iso significa. Parece de sentido común que, quen foi presidente do goberno de España, dispoña dos medios para desenvolver a función que esperamos deles. Outra cousa é que nos guste máis, ou menos, o que din ou que fan, pero iso xa pasaba cando estaban en activo.

E logo está esa maldade solapada que chega ao insulto persoal. A descualificar sen misericordia polos bulos, mitos e infamias que continuamente verten as redes sobre xente da que non coñecen nin a súa traxectoria vital, nin as súas circunstancias persoais e familiares, nin tan sequera a súa traxectoria pública mais alá de tres ou catro slógans que se retroalimentan.

Coma tódalas cousas da vida, Internet é algo fantástico se o utiliza xente fantástica. Pero pode ser unha arma de destrución masiva si a manexan xentes irresponsable, carentes dun mínimo código ético. Igualiño que un coitelo que nos pode facer a vida moito mais cómoda ou pode ser un instrumento de maldade infinita.
 

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

OUTROS ARTIGOS DE MARISOL SONEIRA

Comentarios