Mércores. 17.04.2024
El tiempo

Feijóo asegura ante os alcaldes da Costa da Morte que se cumprirá a lei no caso Ferroatlántica

Feijóo asegura ante os alcaldes da Costa da Morte que se cumprirá a lei no caso Ferroatlántica
feijoo-ferroatlantica-alcaldes Os alcaldes da Costa da Morte mantiveron hoxe un encontro co presidente da Xunta e co conselleiro de Economía "O único camiño posible é o cumprimento estrito da lei, salvagardando o interese público da concesión e garantindo o mantemento da actividade industrial" asegurou o presidente da Xunta - Alberto Núñez Feijóo - durante o encontro que mantivo esta mañá cos alcaldes da Costa da Morte despois de que Ferroatlántica tramitase a solicitude da segregación das actividades das fábricas de Cee e Dumbría. No encontro participou tamén o conselleiro de Economía, Emprego e Industria - Francisco Conde -. O presidente da Xunta apuntou que é o momento de deixar traballar aos técnicos e aos servizos xurídicos, que están avaliando a solicitude polo miúdo para ser o máis garantistas posible, e adoptar unha decisión conforme a dereito, evitando deste xeito caer en precipitacións nunha decisión que será vinculante. Na reunión, Núñez Feijóo trasladoulles aos rexedores que a Xunta non variou en ningún momento a súa posición, e que seguirá estando ao lado da lei e dos traballadores e alcaldes. Transparencia Por outra parte, a deputada socialista da Costa da Morte - Loli Toja - esixiulle hoxe ao goberno galego “transparencia e cumprimento da legalidade” na xestión da petición de segregación e posterior venda da centrais de Ferroatlántica en Cee e Dumbría. Así o dixo logo dun encontro co Comité de Empresa que mantivo hoxe en Cee xunto coa portavoz socialista no concello - Margot Lamela - e no que reclamaron que se rexeite a segregación solicitada pola empresa. loli-toja-ferroatlantica Loli Toja e Margot Lamela mantiveron esta mañá un encontro cos representantes dos traballadores de Ferroatlántica A responsable socialista trasladou a esixencia de respostas por parte dos traballadores, desanimados logo do encontro cun conselleiro de Industria “frío e opaco, que non dixo nada e o único que conseguiu foi crear máis incertidume e angustia”. Toja lembrou a repercusión das ditas centrais para a economía da Costa da morte e esixiu “respostas certas e transparentes” do goberno galego. A parlamentaria da Costa da Morte esixiulle ao goberno galego que “remate coas tomaduras de pelo” a unha comarca enteira logo de meses negando a evidencia da petición de segregación por parte de Ferroatlántica. O seu futuro, dixo, está “en xogo pola operación de venda dunha empresa” que utiliza a milleiros de familias “como moeda de cambio para tapar as súas débedas”. Toja comprometeuse a levar ao parlamento as demandas dos traballadores da empresa que, dixo, “están convencidos de que foron convocados a falar co goberno galego para cubrir o expediente, para agochar que en realidade non están a facer nada”. Lembrou que os socialistas galegos presentarán unha pregunta ao goberno na sesión de control do Pleno do próximo mércores na que lle trasladarán ao conselleiro as demandas dos traballadores da empresa. Sinalou que o goberno galego está obrigado non só a “cumprir a Lei”, senón tamén a responder do mandato do Parlamento de Galicia, que a finais do mes de febreiro aprobou, tamén co voto do PP, en dúas sesións consecutivas de Comisión e Pleno, dúas iniciativas idénticas presentadas polos socialistas galegos en defensa da factoría. Reunión con Ana Pontón   ana-ponton-ferroatlantica A portavoz do BNG, Ana Pontón, mantivo onte unha reunión en Cee co comité de empresa de Ferroatlántica Por outra parte, na tarde de onte o comité de empresa de Ferroatlántica reuniuse con Ana Pontón, portavoz do BNG quen insta ao presidente da Xunta a explicar “en que lei se recolle que hai que permitirlle a Villar Mir dar un pelotazo de 255 millóns de euros coas centrais do Xallas, un empresario investigado por presunto financiamento ilegal do seu partido”, argumentou tras as explicacións do xefe do Executivo galego. En relación a petición de Feijóo de non deixarse presionar polas opinión políticas dos representantes dos traballadores ou da propia Comarca da Costa da Morte, Pontón indicou que “o único que parece sentirse presionado é él e o seu goberno por un empresario que leva anos aproveitándose dos recursos naturais deste país, e investindo fora, un señorito madrileño que agora está implicado no caso de corrupción do PP que se investigan na Operación Lezo”.

Novas do #CasoFerroatlántica

Artigos relacionados

  Fonte

Comentarios