Xoves. 25.04.2024
El tiempo
que pasa na costa

Evento

Festival Neghra Sombra de Vimianzo 2019

11/maio/2019
17:00 h
Festival Neghra Sombra Vimianzo 2019
Festival Neghra Sombra de Vimianzo 2019

A vila de Vimianzo acollerá unha nova edición do festival Neghra Sombra o sábado 11 de maio. Unha festa moi diversa na que conflúen diferentes estilos musicais, shows teatrais, literarios e poéticos, ademais de actividades para todas as idades. O exterior da Casa da Cultura de Vimianzo, no Agro de Trasariz, será desta vez o lugar onde se instale unha carpa con tres escenarios para os diferentes espectáculos e concertos.

A segunda edición da gran “Revolta das Letras” multiplica o número de creadores literarios que actuarán no festival intercalándose cos concertos. Revivindo o espírito do Batallón Literario da Costa da Morte de 1996, daranse cita en Vimianzo autores das comarcas do finis terrae como Suso Lista, Lola Canosa, Adhara Caamaño, Davide Creus, Estevo Creus, Suso Bahamonde, Vicente de Souza, Alberto Lema, Elena Busto, María Lado, Lucía Aldao, Lola Schutz, Rocío Leira, Daniel Salgado e Lëo Kch.

A partir das 17h comeza a actividade en Vimianzo, coa música do grupo funk local Trampulleiro e o pregón da artista muxiá Viki Rivadulla.

A diversidade de estilos musicais é un dos emblemas desta festa cuxa principal misión é promover e poñer en valor a lingua galega desde diferentes ámbitos culturais.

Polo escenario principal, dedicado a Rosalía de Castro, pasarán a cantante vimiancesa Irma Macías e a violinista de Baio Antía Ameixeiras, compoñentes actualmente do grupo Luar na Lubre. Tamén o folk de Oîma, o hip hop de Flow do toxo, o ritmo tradicional de Pelepau, os irreverentes Monoulious DOP e o rock de Almánimal.

Comentarios