Imprimir

“A ficción sonora “A lúa, válvula de spray” crea un discurso artístico coa cidade”

Redacción | 09 de outubro de 2020

Presentación de ​“A lúa, válvula de spray” no escenario principal da trama
Presentación de ​“A lúa, válvula de spray” no escenario principal da trama
O FIOT en pausa abre o pano hoxe venres 9 de outubro, coa estrea absoluta da ficción sonora ​“A lúa, válvula de spray”, a peza, coproducida polo FIOT e LIDISS (Laboratorio de Investigación en Innovación Social e Cultural Sostible), que serve de inicio do FIOT Fónico, unha nova liña de programación que procura ​experimentar con novas linguaxes teatrais e introducir á cidade no teatro a través das novas tecnoloxías.

 

Nada mellor que escoitar á autora Rosalía Fernández Rial (é a primeira peza teatral escrita pola poeta costeira) para entender en que consiste este “A lúa, válvula de spray”, a peza única que este venres abre a programación deste #FIOTenPausa do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Unha peza que demostra o interese da organización por explorar novas formas, novas linguaxes, novos formatos.

E son varias as accións innovadoras desta proposta: o escenario, itinerante, é a vila e os seus murais; o teléfono móbil é un elemento participativo na obra ata o punto de que a obra poderá verse a través do móbil en calquera momento facendo un percorrido polos escenarios creados durante todos estes anos de aposta municipal pola arte urbana. “A obra crea un discurso artístico coa cidade”, reflexiona Rosalía.

O espectáculo, dirixido por Quico Cadaval, conta o trío amoroso formado por Melania Cruz, María Roja e Santi Romay en escea nunha noite de San Xoán.

7, ou infinitas, funcións

Durante o ​FIOT en pausa​, a veciñanza poderá asistir, como en calquera espectáculo teatral convencional, ás distintas funcións (un total de sete) que se ofrecerán da obra. Para poder facelo, previamente deberán realizar unha reserva da praza vía whatsapp, enviando ao teléfono ​604 008 235 ​unha mensaxe na que indiquen o seu nome, apelidos e función a que desexen asistir. Unha vez que a organización confirme a asistencia, para poder asistir á función as e os espectadores unicamente deberán descargar a aplicación gratuíta ​“Carballo a un paso”, q ue se estrea con esta experiencia, no seu teléfono móbil, e introducir o código que a organización enviará ás persoas con praza reservada. Inicialmente a app está dispoñible en Google Play e nos vindeiros días tamén estará dispoñible para as usuarias e usuarios de Apple na súa correspondente tenda de apps.

Unha vez finalice o ​FIOT en pausa, o vindeiro domingo 18, a obra permanecerá á disposición da cidadanía a través desta aplicación da Concellería de Turismo e Promoción Económica, de xeito as novas tecnoloxías axuden a manter o espíritu do FIOT ao longo de todo o ano, alén da estrea absoluta da peza este venres e das sete representacións que terán lugar estes días.

 

Novas relacionadas

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/carballo/ficcion-sonora-lua-valvula-spray-crea-discurso-artistico-coa-cidade/20201008214313122459.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia