Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Fin de semana a medio gas

Oscar Santos pitou o Corme-Esteirana xuvenil-Foto-Fin Lema
Óscar Santos pitou o Corme-Esteirana xuvenil-Foto-Fin Lema
Fin de semana a medio gas

Semana de festas de entroido, competición futbolística a medio gas. Non haberá, nesta fin de semana, partidos nin na Preferente Galicia, nin na Primeira, nin na Terceira Galicia, así como tampouco nas categorías de alevíns e benxamíns, nin no fútbol 11 feminino. Pola contra, si haberá Terceira División, Liga da Costa, fútbol prebenxamín, fútbol veterano e feminino fútbol 7 (por partida dobre para o Mazaricos, venres e sábado). Curiosidades do calendario.

Como pouco habitual resulta o retorno, apenas unhas semanas despois, de Bruno Méndez ao estadio do Couto. Haberá trío arbitral costeiro (nas bandas estarán Pablo Rama e Lucas Vicente) para o duelo que o sábado (19.00 horas) medirá a Ourense e Arenteiro correspondente á Terceira División.

A Liga da Costa volve comezar

A benquerida Liga da Costa volve comezar. Despois de 22 xornadas, os duelos estelares da pasada fin de semana (con vitoria da Esteirana fronte ao Corme e do Ponteceso fronte ao San Lorenzo) deixaron todo case como ao comezo para os principais implicados na pelexa polo título e o ascenso: Esteirana e Corme igualados a puntos, e Ponteceso a só un de distancia. Oito xornadas por diante, todo por decidir.

Esta semana a Esteirana visita un dos campos máis difíciles da Segunda costeira, As Pedreiras (o único de céspede natural que queda nesta categoría). O San Lorenzo-Esteirana (domingo, 16.15 horas, David Castreje) será un duelo a cara de can, pois se os visitantes se xogan o título, os locais, despois de perder a semana pasada na estrea do Pinguel, quedan a tres puntos do Muxía na pelexa pola cuarta praza, que pode ser de acceso ao play off.

O líder destronado, o Corme, despois do serio correctivo recibido en Esteiro, volve ao seu fortín do Cairo, onde recibirá (domingo, 17.00 horas, Óscar Santos) ao Lira, en tanto o Ponteceso ten unha saída curta á Rocheira para medirse ao Coristanco (domingo, 17.00 horas, Luis Insua). 

O Muxía, que precisa sumar moitos puntos para que a súa cuarta praza se convirta en praza de play off (e, ao tempo, defendela das acometidas do San Lorenzo) visita a un dos equipos máis correosos da competición, o Cerqueda, un equipo que nunca pon fáciles os partidos aos rivais (Xaviña, domingo, 18.00 horas, Adrián Pérez).

Fermoso torneo de seleccións comarcais en Ponteceso

O fútbol base, ademais dos partidos correspondentes ás categorías de xuvenís, cadetes e infantís, vivirá este luns de entroido unha festa nos dous campos de Ponteceso (O Pinguel e O Cairo): un torneo de seleccións comarcais no que a amarela competirá cos mellores xogadores das sete principais cidades (e as súas áreas de influencia) do país.

O torneo será todo o día, arrincando ben cediño (9.45 horas no Cairo, 10.30 horas no Pinguel) e rematará xa case entrada a noite. No Pinguel, en formato fútbol 8, disputarase o torneo sub 11, en tanto no Cairo se disputará o torneo sub 13.

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

E coma sempre, todas as táboas e o carrusel dominical, en www.futboldacosta.com.

Comentarios