Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Finisterrae: O último ultramarinos, a obra que fai un retrato poético da Costa da Morte

Escea de Finisterrae, o ultimo ultramarinos.
Escea de Finisterrae, o ultimo ultramarinos.
Finisterrae: O último ultramarinos, a obra que fai un retrato poético da Costa da Morte

Borja Insua, tamén coñecido como “O Titiriteiro”, representa este sábado na Casa da Cultura de Corcubión ás 19:00  Finisterrae: O último ultramarinos, unha obra de actor para público adulto baseada nunha idea orixinal de Insua que fai referencia á sociedade da Costa da Morte. A través dun ultramarinos, onde se desenvolve toda esta historia, a obra fai unha homenaxe ás vilas afastadas das grandes cidades que sofren despoboación progresiva pero que agochan diversas oportunidades.

A obra conta a historia de Berto e Mónica, veciños dunha vila da Costa da Morte con percorridos vitais moi diferentes que son como dúas caras da mesma moeda. Ambos estudiaron no mesmo instituto pero despois tomaron camiños moi distintos: Mónica encarna o entusiasmo de quen devece por retornar á súa terra, mentres Berto representa a apatía de quen tivo que ficar obrigado.

Finisterrae, o ultimo ultramarinos 2

Segundo explica o seu creador, a obra sería un reflexo da súa xeración. “Ven sendo un retrato da Costa da morte dende un punto de vista moi poético porque coas marionetas, por exemplo, “metaforizando o amor deles, facémoslle un pequeno homenaxe ao Man de Camelle facendo as esculturas que el facía”, explica Insua. A obra enriquece a súa linguaxe narrativa e visual coa manipulación de títeres. Estas pequenas pezas empréganse para ensoñacións e algunhas historias, usan técnicas como as sombras chinesas e as marionetas de fíos e están repartidas ao longo de toda a obra.

O titiriteiro recoñece que este era un tema que levaba tempo mastigando. “Sempre quixen falar un pouco do tema porque é un pouco o sentimento que eu teño. Eu marchei da vila e no fondo como que te sintes un pouco culpable tamén, porque formas parte de ese deterioro e dese abandono. Entón, eu quixen facer un espectáculo sobre a Costa da Morte e ao mesmo tempo tamén quería facer un pequeno homenaxe ás lendas da zona”, indica Insua.

Ademais, a obra non pode ser máis da Costa, pois o equipo formado para creala ten un gran número de persoas costeiras. “Rodeeime de xente da Costa. O texto está escrito por María Lado, a escritora ceense; a música está composta por Marcos Blanco, tamén de Cee e a actriz, Celtia Figueiras, é de Esteiro”, expresa Insua.

Finisterrae: O último ultramarinos presentouse primeiramente en Santiago e xa foi representada tamén en Negreira. Poderase disfrutar dela agora esta fin de semana en Corcubión e proximamente en Fisterra, ainda que a data está por confirmar.

0001 (22)

Comentarios