Xoves. 28.03.2024
El tiempo
11:14
26/10/11

Fol acústico de 8 tubos

Fol acústico de 8 tubos

Da man de Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo, trataremos de amosar, parte do rico patrimonio que se conserva da Fundación Fernando Blanco, patrimonio que funde maioritariamente as súas raíces a finais do século XIX, pouco despois da inauguración do Colexio- Instituto no 1886.
Cada semana publicaremos a fotografía e descrición dunha peza da colección. Pezas que terán un nexo de unión: a nostalxia e a lembranza dun centro innovador e pioneiro en materia educativa e cultural, así como tamén o recordo dunha institución que marcaría o devir de Cee e da comarca.

Fol acústico de 8 tubos

  • Cronoloxía: 1890
  • 1891
  • Clasificación: Obxectos educativos / Instrumentos científicos / Sección: Acústica.

Descrición e funcionamento

O instrumento componse de dúas partes: o fol propiamente dito e un corpo superior.
O fol recibe o aire por medio dun pedal frontal ou mediante a elevación do vástago vertical. O fol está comunicado co corpo superior, ó que pasa o aire cando se presiona o vástago cara abaixo ou polo propio peso da tapa do fuelle.

Sobre o corpo existe unha caixa que, na cara superior presenta oito buratos pechados por pequenas válvulas de coiro que se abren a vontade, para a saída do aire. Na parte frontal do corpo superior ten un teclado de oito teclas. Presionando unha tecla permítese a saída do aire polo burato correspondente.

Encaixados nos buratos superiores atópanse oito tubos sonoros, de alturas decrecentes. Os tubos producen o son cando se provoca a vibración da columna de aire que hai dentro deles. O tipo de tubos aquí utilizados son dos denominados de embocadura.

O fol acústico empregábase para facer vibrar os tubos sonoros e para comprobar as súas leis. Usábase tamén coma depósito de aire para entonar certos instrumentos de vento coma sirenas e órganos.

Os tubos sonoros de embocadura conseguen a vibración da columna de aire gracias á súa forma. O aire que produce o fol vese obrigado a pasar por unha estreita abertura que remata xusto diante da boca externa; o labio superior désta, achaflanado, comprime a corrente de aire e provoca, por elasticidade, a interrupción momentánea da corrente e, consecuentemente, a vibración. Neste tipo de tubo, construído en madeira, todas as partes son fixas.

O gabinete de física da Fundación

O gabinete de física da Fundación contaba con distintas seccións, en concreto 10:

  • Instrumentos de medida;
  • Mecánica de sólidos;
  • Mecánica de líquidos (hidráulica);
  • Mecánica de gases (pneumática);
  • Fonoloxía (acústica);
  • Termoloxía (calor);
  • Fotometría (óptica);
  • Magnetoloxía;
  • Electricidade (estática e dinámica);
  • Meteoroloxía.

A selección das máquinas deste gabinete poido moi ben deberse o gran químico compostelán José Casares Gil, que logo sería catedrático de Técnica Física e Análise Química na Universidade de Barcelona e, sen dúbida ningunha, a máxima autoridade en España no que a técnicas instrumentais se refire. O daquela mozo José Casares impartu clase no Colexio-Instituto durante algo máis de tres meses, a finais do ano 1888, xusto antes da merca dos gabinetes.

Hoxe en día consérvanse case 200 aparellos en moi bo estado, configurando así esta colección unha das máis valiosas xoias do patrimonio histórico-científico de Galicia.

  • Darío Areas Domínguez. Secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e Coordinador do Museo.

Tesouros da Fundación

Artigos sobre Fernando Blanco de Lema

Outros artigos de Darío Areas

Máis información

Para unha información máis detallada sobre a figura de Fernando Blanco de Lema e da historia do Instituto da Fundación e da antiga Escola de Nenas, así como tamén do Museo, podedes visitarnos na Praza da Constitución, nº 25 de Cee, ou na web: www.museofernandoblanco.org.

Fonte

Comentarios