Venres. 29.03.2024
El tiempo

EMPRENDER NA COSTA DA MORTE

Fran Gorín: "Recoméndolle á xente moza que se anime a emprender e, se é na súa zona, moito mellor"

LRM_EXPORT_2145957335807_20190813_103145974
Fran Gorín na porta do seu Obradoiro.
Fran Gorín: "Recoméndolle á xente moza que se anime a emprender e, se é na súa zona, moito mellor"

A comezos deste 2019 Francisco Xosé Gorín (Buño, 1984) decidiu retomar o traballo de oleiro que o encandilou desde ben cativo. Trátase do Obradoiro Gorín, situado no baixo dunha das casas da rúa Santa Catalina, en Buño. Fran tamén foi beneficiario do espazo Coworking de Cabana: "Eu como empresario non tiña nin idea de nada e asesórante en todo", di. Falamos con el.

  • QPC: En que consiste o Obradoiro Gorín?

Pódese dicir que o Obradoiro Gorín é un proxecto continuista, aínda que estivo parado durante moitos anos. Eu aprendín o oficio desde adolescente con meu pai  e estiven arredor de seis anos traballando con el, ata que enfermou e faleceu. Entón, por motivos de saúde vinme na obriga de deixar de traballar no oficio familiar, e andiven por fóra, principalmente no sector servizos.

  • QPC: Como xorde a idea?

O proxecto xurdiu cando a miña parella me dixo que precisaba unhas fotos dun alfareiro. Entón, animoume a que probase outra vez. Fun ao taller duns amigos e fixen unhas pezas. Collinlle outra vez o gusto, aquel día gocei moito. Levaba uns anos que rraballar para conta allea aburrinme moito, e asi foi como decindín montar o taller.

  • QPC: Que significou o proceso formativo no Coworking de Cabana?

Hai dous anos e medio eu solicitei unha subvención do IGAPE para montar o taller. Desde alí, informáronme que había prazas no Coworking de Cabana, e decidín apuntarme.

Guíante desde os inicios. Eu como empresario non tiña nin idea de nada e asesórante en todo. Fanche plans de traballo, plans económicos, tes a posibilidade de coñecer xente do teu gremio que pode axudarche e orientarte... A verdade é que a min axudoume moitísimo

  • QPC: Os coworkings son espazos onde se fomenta a interactuación, colaboración e asesoramento entre diferentes perfís profesionais. No teu caso, creaches algún tipo de amizade ou colaboración profesional?

Normalmente, a información e consellos pois collíaos da xente de aquí. Pero o Coworking permitiume poñerme en contacto con outros ceramistas de Galicia a través de redes sociais. Foi unha experiencia moi boa, porque todo o mundo te anima a seguir. Así, permitiume coñecer tipos de esmaltes, a maneira de cocer eses esmaltes... Digamos que foi unha orientación no emprego de novos materiais.

  • QPC: Que plans de futuro te plantexas. Quedar na Costa da Morte ou emigrar?

En principio, darme a coñecer e consolidarme. Quero dedicarme a isto porque é o que máis me gusta. Así, quero entrar no mercado cun novo producto, o gres, barro normal e corrente que se coce a temperaturas altas pero que é moito máis forte, resistente, impermeable e pode usarse para un mellor uso cotián.

O de oleiro é un traballo de tradición e que sempre me gustou. Agora ou nunca. Sempre fixen a vida en Buño e gustaríame seguir aquí o resto da miña vida.

  • QPC: Recomendarías a outras persoas dar o paso a emprender no rural?

Por suposto! Recoméndolle á xente moza que se anime a emprender e, se é na súa zona, moito mellor. Ao rural faille moita falta aproveitar os nosos recursos.

Comentarios