Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Gastronomía, tradición, humor e música para celebrar os 20 anos da AC Canle de Lira

Gastronomía, tradición, humor e música para celebrar os 20 anos da AC Canle de Lira

A pasada fin de semana tivo lugar a celebración do XX Aniversario da Asociación Cultural Canle de Lira. O evento congregou numeroso público que se achegou ata o incomparable enclave do hórreo de Lira (o máis longo de toda a Galicia, aínda que os de Carnota digan o contrario... apuntan dende aló) para desfrutar das diferentes actividades organizadas dende a propia asociación.

O humor e a música foron os protagonistas do sábado pola noite. O festival arrancaba coa esperada actuación de Champi de Muros, que animaba e divertía á veciñanza cun monólogo cargado dun humor directo e moi noso. As risas continuaban a cargo de Carlos Santiago, que executaba un parlamento impregnado dun humor intelixente que fixo as delicias do respectable.

Pero a noite non remataba con estas espléndidas actuacións. Chegaba o turno da música da man do grupo muradán Terbutalina co seu gastropunk, en plena Xira Funeraria cun repertorio pragado de letras claras e concisas, directas á fronte de quen lle toque (crítica necesaria nestes tempos que corren...), a verdade é que estiveron espectaculares estes rapaces de Muros e Esteiro. O peche do festexo correu a cargo da banda Tan Totem, que entretivo aos presentes cun grande repertorio de versións de clásicos e cancións propias, todo iso en clave de rock (non todo van ser verbenas!).

A gastronomía foi a protagonista do xantar do domingo coa celebración da tradicional Festa da Empanada de Millo, amenizada pola música e o baile do grupo de gaiteiros da ANPA do Colexio de Carnota. O numeroso público, congregado no marco da Cabaceira de Lira nun fermoso día de xullo, degustou máis de 400 racións de empanada, que segundo os protagonistas non podía estar máis boa!.

A Asociación Cultural Canle de Lira móstralle o seu agradecemento ao Concello de Carnota, á Asociación de Veciños As Insuas de Lariño, á Confraría de Pescadores de Lira, e a toda a veciñanza que prestou a súa axuda desinteresadamente para celebrar estes XX anos de existencia da dita asociación, esperando que cumpra moitísimos máis! Grazas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios