Xoves. 28.03.2024
El tiempo
José Luis Louzán
11:01
07/11/08

I have a dream

I have a dream
As verdades como puños de José Luis Louzán

Non ven moi o caso traer o asunto do recen elixido presidente dos EE.UU Barack Obama como protagonista de algo que nos afecte a nos neste reduto da Galicia profunda chamado Costa da Morte, pero resulta que a historia, que é teimuda e aburrida cos que non queren lembrala nos coloca diante dun feito histórico que, a súa vez, me lembra un discurso tamén lendario para moitos.

Estaba escoitando o gañador norteamericano dando o seu discurso da vitoria en Chicago e lembraba aquel “I have a dream” que capitalizaba o discurso de outro negro americano moi influinte, o reverendo Martin Luther King, na marcha a Washintong o 28 de Agosto de 1963. Dicía King que “Hoxe dígolles a vostedes, amigos meus, que a pesar das dificultades do momento, eu aínda teño un soño. Soño que un día esta nación se levantará e vivirá o verdadeiro significado do seu credo: "Afirmamos que estas verdades son evidentes: que tódolos homes son creados iguais". Soño que un día, nas vermellas colinas de Georgia, os fillos dos antigos escravos e os fillos dos antigos donos de escravos, podan sentar xuntos na mesa da irmandade. Soño que un día, incluso no estado de Missisippí, un estado que afoga co calor da inxustiza e da opresión, se converterá nun oasis de liberdade e xustiza. Soño que os meus catro fillos vivirán un día nun país no que non serán xulgados pola cor da súa pel, senón polos rasgos da súa personalidade. ¡Hoxe teño un soño!”

Luther King non viviu para ver algo así. Nin sequera para ver un presidente de cor negra a fronte da Casa Branca, pero a vista da calidade do novo presidente electo, un avogado de corenta e poucos anos, con experiencia en política de abaixo cara arriba, dos barrios mais humildes de Chicago ata o Senado e o goberno do pais, un se pregunta si pode ou non ter un soño e me digo; eu teño un soño!!

Soño cun día onde vivir nun ou noutro territorio non significara ter que sufrir diferenzas de oportunidades e de calidade de vida, si, porque ¡eu teño un soño!

Soño cun tempo no que a política local non se faga nos bares, onde os dirixentes non se elixan por ofrecer un enchufe a un fillo, ou onde ser concelleiro e comparecer borracho nun pleno sexa motivo de vergoña e escarnio publico, si, porque ¡eu teño un soño!

Soño cunha costa da morte de oportunidades e opcións, onde cada quen poida optar pola vida que considere e que mereza e non pola que lle obriguen as circunstancias, si, porque ¡eu teño un soño!

Soño cunha bisbarra limpa e segura, onde as depuradoras non sexan instalacións míticas e as rúas non parezan corredoiras, si, ¡eu teño un soño!

Soño con promesas cumpridas, con impostos xustos e adecuados, con políticas pensadas e meditadas, con dialogo e comprensión, con capacidade e preparación, con ética e profesionalidade nos meus dirixentes, si, ¡eu teño un soño!

Soño con que a Costa da Morte non se afunda definitivamente na inmundicia duns poucos e por fin se levante en pos dun tempo mellor de crecementos e liberdades.

Eu teño un soño. E a fin... espertei.

  • José Luis Louzán.

Comentarios