Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Iago Toba: "Estou seguro que vai haber sinerxias entre o Parador e os negocios da comarca"

Iago Toba: "Estou seguro que vai haber sinerxias entre o Parador e os negocios da comarca"

Rematamos hoxe esta rolda de entrevistas cos alcaldes e alcaldesas nos #DirectosQPC (mañá venres pechamos a temporada cun novo faladoiro feminista) que nos levaron por 14 Concellos da Costa da Morte. 14 entrevistas para coñecer de primeira man como os Concellos poden axudar a paliar esta crise, pensando nos pequenos negocios que temos que “levantar o país”.

E facémolo en Muxía, falando co seu alcalde, Iago Toba, precisamente no día no que o Parador de Lourido abre as súas portas. Unha infraestrutura hoteleira que chega 17 anos despois da súa promesa, cun retraso de máis de 6 anos, pero que se perfila como un bo punto para “colocar a Costa da Morte no mapa como un símbolo de calidade”. Así o entende polo menos Toba, que espera que as “sinerxias que xenere o Parador” sexan positivas para a comarca.
Apuntou que o Parador non vai ter problemas de auga, pois xa contaba coas vicisitudes habituais na zona, e sinalou que espera que os problemas de auga na vila e en varios núcleos se van solucionando coas obras que está desenvolvendo o Concello.

Falando da crise sanitaria, recoñeceu que estivo en primeira liña da batalla gracias á resposta de vontade e vocación da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, e mesmo da Policía Local. “Non sei que foi por responsabilidade ou por medo, decidín cerrar todos os edificios municipais antes do estado de alarma. E quixen preguntarlle aos operarios municipais, que son voluntarios de Protección Civil, porque era unha situación de incerteza como a do Prestige, e eles estiveron aí. Por iso lle preguntei, pola súa experiencia. Quedoume marcado que ninguén se formulou outra alternativa que non fose traballar, e eu sempre quixen acompañalos”.

Sobre a saída da crise, sinalou que o Concello retirou a taxa das terrazas, non se formulou as axudas directas, e si que vai traballar en Plans Turísticos, facendo “autocrítica” pola falta dunha acción comarcal conxunta.

Sobre o retablo da Igrexa da Virxe da Barca, recoñeceu o estado vergoñento e deixou claro que a intención era “abrir o debate”, e formular como “unha das alternativas a reconstrución do altar, se ben hai outras opcións, para as que hai que “oír aos expertos ao mesmo nivel que aos veciños, porque é un tema sentimental e de fe”.
Algo semellante pasa ca Pedra de Abalar, e Toba vai escoitar aos maiores da vila que aseguran que non está no seu lugar.

Considera os orzamentos recén aprobados como un gran paso a nivel social.

Sobre o Camiño dos Faros, apuntou que o Concello vai contratar un operario para que se ocupe, exclusivamente, do mantemento dos sendeiros.

Explicou tamén o retraso nas obras da estrada de Touriñán, deixando claro que Portos enviara en xaneiro o convenio sen modificar, e que iso retrasou a súa aprobación no pleno.

Ademais, en clave de mar, espera que as palabras da Conselleira do Mar sobre o conflito entre percebeiros e o “lobby” do mexillón non quede en saco roto.

Como colofón amosounos as fotografías de Ramón Caamaño que o Parador ten inserido nas súas paredes a gran tamaño, e se comprometeu a traballar para poñer en valor o esquecido legado do fotógrafo muxián.

Todos os #DirectosQPC

Rolda de alcaldes e alcaldesas nos DirectosQPC

Comentarios