Imprimir

A igualdalde que hai que gañar cada día

Marisol Soneira | Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

que pasa na costa | 05 de Marzo de 2019

Comezarei este artigo cunha historia. Unha historia de miseria e de indignidade. Unha historia onde se utiliza a unha muller de dispensador de alimento coma se fose un ser inerte e carente da dignidade inherente a todo ser humano pola sinxela razón de ser pobre.

Esta é a historia dunha muller que, alá polos anos trinta do século XX, tivo a desgracia de ser nai solteira. Esta muller, para sobrevivir, facía de ama de cría  compartindo o leite dos seus peitos entre os seus fillos e os fillos dos “señores”. En moitos casos solo amamantaba aos fillos alleos e mal alimentaba aos seus. Hai bastante literatura sobre esta costume infame e moi utilizada polas clases altas na historia de Europa.

Pois ben, a nosa historia é a dunha muller pobre que foi chamada por unha muller rica para dar de mamar ao seu fillo. Como vivían en poboacións separadas por uns quilómetros,  a contratante puxo como condición que a ama de cría debía ir sempre acompañada polo seu propio fillo xa que, ao ter que percorrer varias veces ao día o camiño que unía ámbalas dúas localidades, chegaría moi acalorada á presencia do meniño alleo que tiña que alimentar e, segundo manifestaba a preocupada nai que buscaba leite alleo para o seu fillo, podía sentarlle mal o primeiro leite  polo que era mais convinte que antes mamase un chisco o fillo da ama de cría. Pensaba que o primeiro leite, considerado de peor calidade, era mellor que o tomase o meniño da ama de cría, sempre e cando quedase suficiente para o seu, que para iso pagaba.

Esta historia é certa de principio a fin e pasou na Costa da Morte. Contouma de primeira man un familiar directo da pobre señora que, por necesidade, vendía o leite que debería ser para os seus fillos, aos fillos de señoras que, ou non podían ou non querían amamantar. 

A irrupción de VOX, coas súas trogloditas teorías sobre a igualdade, ten arrastrado a toda a dereita a unha competición demencial para ver quen a di mais gorda. Comezou Casado propoñendo contrarreformas en materia de igualdade que mesmo foron contestadas dende as súas propias filas por anacrónicas e ofensivas para as mulleres e para o conxunto da sociedade.

E nesta carreira tola acaba de entrar Inés Arrimadas propoñendo un novo modelo de feminismo onde os ventres de aluguer e a legalización da prostitución son as estrelas. A señora Arrimadas pensa que o mercado soluciona todo, incluso valores como a dignidade humana.

Cantos casos coñece a señora Arrimadas de mulleres de clase media e alta que estean dispostas a alugar o seu útero para xestar un fillo para despois cederllo a terceiros? Cree razoable a “case socialdemócrata” Arrimadas que, para que alguén  transmita os seus xenes, deba converter a unha muller nunha sorte de incubadora aboando un xustiprezo? Porqué sempre se buscan ventre de aluguer en países do terceiro mundo, ou en extractos sociais desfavorecidos? Quizá polas súas vantaxes competitivas... en termos económicos, claro!

E co tema da prostitución, que dicir? Si Inés Arrimadas considera que a prostitución é un traballo coma outro calquera a onde concorren as mulleres voluntaria e libremente, supoño que o regulará como se fose outra actividade mais: haberá ciclos formativos, unha formación profesional de primeiro e de segundo grado, e incluso formación universitaria en prostitución. Supoño que un diploma, asinado polo reitor e o Rei sempre será unha garantía na antesala do correspondente PutiClub. E don por suposto que as alumnas -porque sempre son mulleres dona Inés- farán prácticas en centros que concerten coa administración, para coller práctica, e así entrar no mercado laboral perfectamente formadas.

Sería unha broma de mal gusto se non fose dramático. Segundo algúns estudios (Médicos del Mundo), solo un  5% prostitución se exerce de xeito voluntario, o outro 95% un negocio controlado por homes onde caben as maldades mais execrables en que pode caer un ser humano: violacións, venta de seres humanos, tráfico de nenos e nenas, secuestros, coaccións, maltrato, alienación.

Por todas estas cousas, e moitísimas outras mais que aquí non caben, hai que loitar e reivindicar a igualdade como parte fundamental dos valores da nosa sociedade. E, nunha sociedade democrática, hai un instrumento revolucionario para conseguilo: o voto. Todo o demais de pouco serve.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/marisol-soneira/igualdalde-hai-ganar-cada-dia/20190305091043107312.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA