Martes. 16.04.2024
El tiempo

As impresionantes cifras do FIOT, a maior oferta teatral de Galicia

Publico ovacionando a Farina no FIOT-Foto-Criss Becerra
O público ovacionando aos artistas de Fariña no FIOT-Foto-Criss Becerra
As impresionantes cifras do FIOT, a maior oferta teatral de Galicia

5 semanas de citas escénicas; 62 funcións en varios formatos; 38 espectáculos de sala, dos cales 9 foron estreas absolutas e 8 no país; un 97,50% de ocupación nas 14 funcións celebradas no marco do Programa de Sala e do ciclo OTNI; 8.648 espectadores nos 38 espectáculos de sala, para un total de 16.273 participantes en tods as actividades.

Son cifras que verdadeiramente dan conta da potencia do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Unha cita que pechou esta 28ª edición batendo a súa mellor marca de participantes, refrendándose como o maior festival de teatro de Galicia.

Nesta edición, na que o FIOT puxo o foco no teatro social e subiu ao escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, co obxectivo de interpelar ao público, o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5. Unha nota que, sen dúbida, sinala unha excelente acollida da programación por parte das espectadoras e espectadores, que foron partícipes das #MiradasFiot e a visión crítica e activa, comprometida e comprensiva desde a butaca.

Votando e compartindo

Votando no FIOT-Foto-Criss Becerra
Votando no FIOT-Foto-Criss Becerra

Xa sabedes que ademais a interacción do público é fundamental, e unha parte fundamental é a votación final nas obras do Progama de Sala. Se ben o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5, o público púxolle a nota máis alta a Jauría, de Kamikaze Producciones, baseada na transcrición das declaracións da demandante e acusados do xuízo de La Manada. A obra, dirixida por Miguel del Arco, acadou 4,68 sobre os 5 puntos de valoración
Tras Jauría, a obra máis destacada polo público no Programa de Sala foi a estrea absoluta de O electo, unha coprodución de Contraproducións, Focus e o propio FIOT, que obtivo unha puntuación media de 4,62 puntos. A peza La Golondrina, de LaZona, cun total de 4,61 puntos, completou o podio das tres pezas máis valoradas polas espectadoras e espectadores do Programa de Sala, que acadou un 4,34 de media no total das funcións.

Jauria -Foto vanessa rabade
Jauría foi a obra mellor valorada -Foto: Vanessa Rábade

As valoracións tamén lle serven á organización para saber o ben que caen as propostas máis arriscadas como son as do programa OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado). A.K.A (Also Known As), de Flyhard Produccions, recibiu un 4,83 sobre 5, por un 4,71 de Control Freak, de Kulu Orr. Cifras que son proba de que Carballo está preparado para crear vangarda.

A terceira liña de programación que contou coa valoración activa do público foi o III Certame de Micro-escenas Metro Cadrado. O Premio do Público nesta liña recaeu na peza Corazón, unha performance creada e interpretada por Iria Sobrado nun posto do mercado municipal que obtivo 4,73 puntos; mentres que o Premio á Mellor Interpretación foi para Arantxa Teus, quen deu corpo e voz á obra Sorpresa, de Enconarte Producións, cunha valoración de 4,57 por parte do público de Carballo.

Expandindo as redes do FIOT

Ao fío do incremento da participación, o FIOT valora que a cultura está chegando a máis públicos, sobre todo aos máis novos: a programación do Teatro de Rúa sumou 1.195 espectadores; o certame de Teatro Lido acadou o número de participantes máis alto da súa traxectoria, con 360 nenas e nenos concursantes; e o FiotEEN chegou a un total de 3.777 mozas e mozos, unha cifra que dá conta tamén do compromiso do FIOT con achegar as artes escénicas á xuventude a través de diversos formatos.

Ademais, este 2019 houbo 30 localizacións, os que se inclúen diferentes espazos do Pazo da Cultura, catro centros de ensino, once locais de hostalería, catro locais comercias e diversos espazos públicos exteriores ou interiores.

Ademais, durante todo o mes de outubro tivo lugar unha nova edición de Dalle un bocado ao FIOT. Esta iniciativa gastronómica promovida pola Concellería de Promoción Económica desenvolveuse nun total de 12 establecementos hostaleiros, os cales acolleron 82 pequenas intervencións teatrais para achegar as artes escénicas a toda a vila.

Así, con todos estes números, só nos queda sentir orgullo de contar coa meirande oferta teatral de Galicia, artellada gracias ao traballo das 22 persoas voluntarias, e da hostalería, e das axudas das institucións e patrocinadores, como o Concello do Carballo (organizador do Festival xunto á Asociación Cultural Telón e Aparte), a Deputación da Coruña, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e a Fundación Luis Calvo.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios