Mércores. 24.04.2024
El tiempo

A información dos Concellos ante a crise do coronavirus

Asi estan as estanterias de Santa Comba nesta tarde de xoves 12 de marzo
Así estaban as estanterías de Santa Comba nesta tarde de xoves 12 de marzo
A información dos Concellos ante a crise do coronavirus

A alarma do coronavirus parece ter chegado a bisbarra coa aparición do presidente anunciando o peche dos centros escolares e os centros de maiores. As avalanchas sobre os supermercados que viamos ao longo da semana en Madrid, xa se sofren estes días na comarca, con serias colas, estanterías baleiras (que pasa co papel hixiénico neste país?), e certa histeria colectiva que non axuda a nada.

Semana Santa

En todo caso, a Semana Santa xa sofre consecuencias como a suspensión da Mostra do Encaixe de Camariñas, a Mostra Víndemo Ver e da Festa do Congro. Teremos que esperar a saber que acontece coa Semana Santa de Fisterra, pois segundo veñen de poñer en común todas as Semanas Santas de Galicia, van esperar a información que saia dende a Consellería de Sanidade a partir da última semana de marzo, ou primeira de abril para tomar a decisión de cancelar ou continuar, tendo en conta que son actos en espazos abertos.

Medidas municipais

Tras analizar as mellores medidas de prevención que podemos tomar (a calma e a responsabilidade entre as principais), repasamos as decisións que están tomando os Concellos a raíz das indicacións de Sanidade ante esta crise sanitaria, como medidas de “contención” durante estas vindeiras dúas semanas, contadas dende o venres 13 de marzo, que poden ser prorrogables.

Todos os Concellos proceden ás seguintes decisións comúns:

  • Peche das instalacións municipais: biblioteca, polideportivos, parque infantís…
  • A suspensión de todas as actividades municipais deportivas, culturais e de servizos sociais ata o día 30 de marzo, como mínimo e condicionado á evolución da enfermidade.
    Así mesmo solicitan a entidades e asociacións que suspendan todo tipo de actividades.
  • A atención ao público nas dependencias municipais limitaranse exclusivamente a casos de extrema urxencia e imperiosa necesidade, polo que se insta á veciñanza que os trámites que se teñan que realizar sexan por vía telemática na sede electrónica de cada Concello.
  • As novas limitacións de aforo son en recintos pechados con capacidade para máis de 50 persoas, limitarase a asistencia a un terzo do aforo. É dicir, nun espazo, por exemplo, de 900 persoas, non poderán acceder máis de 300, e nos espazos pechados que impliquen máis de 1.000 persoas; e, no caso de espazos abertos, limítase o aforo a 500 persoas.
  • Recomendan que se eviten a propagación de “bulos” ou informacións non contrastadas por redes sociais.
  • Recomendan que se sigan as instrucións ditadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellaría de Sanidade, en caso de ter algún síntoma contactar co 061 ou co teléfono de información para a cidadanía 900 400 116.

Concello de Cabana

Ademais das suspensións das actividades municipais, Cabana adía a Ruta patrimonial que tiña formulada para este sábado.

Concello de Carballo

O Concello de Carballo vén de suspender a partir do venres 13 de marzo todas as actividades educativas (Conservatorio Profesional de Música, Escola Oficial de Idiomas, Horto Infantil Ecolóxico Municipal); os cursos de formación que se imparten no Fórum Carballo; as actividades deportivas, ambientais e sociais; os eventos como o Festival Interplay ou o Carballo por Etapas; o peche do Pazo da Cultura, as bibliotecas, a ludoteca, o Museo de Bergantiños e os centros sociais das parroquias.

Entidades como o Casino 1889, que tiña varias actividades programadas, tamén suspende.

Concello de Camariñas

O Concello de Camariñas, ademais da cancelación da Mostra do Encaixe, decidiu tamén a suspensión dos mercados municipais previstos, como mínimo, ata o 30 de marzo.
Ademais, con respecto ao Servizo de Asistencia a Domicilio (SAF): os servizos esenciais que se manterán son os de aseo e atencións persoais, quedando suspendidos durante 15 días os servizos que sexan de limpeza. So se manterán, ou se verán reducidos, nos casos que se consideren de especial vulnerabilidade dende SSSS.  As persoas usuarias que non queran ter o servizo durante este tempo so teñen que avisar na Casa de Pedra: 981 73 70 04.

Concello de Carnota

Quedan suspendidas as actividades culturais e deportivas do curso impartidas nos centros comunitarios e instalacións do Concello de Carnota, tamén quedan suspendidas durante os próximos 14 días (Obradoiro de Memoria, Traballos manuais, Escolas Deportivas, Escolas de Fútbol, Venres Lúdicos, Ioga, Inglés, Escola de Música de Carnota -ESMU-), …
Este xoves e venres (12 e 13/03) os centros permanecerán abertos, sendo posible asistir ás actividades, aínda que non recomendable.

Supéndese a Mostra Víndemo Ver, que ía ter lugar en Semana Santa.

Concello de Cee

O Concello de Cee, do 13 ao 27 de marzo, suspende todas as actividades municipais, ademais de pechar o parque infantil da Praza da Constitución, o Centro Social, a piscina, o salón de actos do Concello, e ata o Mercado dominical. A Escoliña Infantil e a Gardería a partir do luns.

Recomendan ademais non realizar visitas nin a residencias de maiores, nin hospitais, a excepción de casos de extrema necesidade.

Concello de Dumbría

Dumbría tamén toma medidas para axudar a frear a propagación do virus, polo que informamos que tanto as actividades deportivo-culturais coma as súas instalacións permanecerán pechadas ata novo aviso.

Concello da Laracha

O Concello anuncia a suspensión da actividade na Feira de Paiosaco desde este domingo e a partir do próximo luns e ata novo aviso en todos os programas municipais sociais, culturais, deportivos, así como nos Centros sociais da 3ª idade (A Laracha, Paiosaco e Caión), as Bibliotecas municipais (A Laracha, Paiosaco e Caión).
Ademais, aprázase a entrega dos regalos do concurso “A Laracha de Tapas” inicialmente programada para mañá venres na Casa da Cultura.

Concello de Laxe

Laxe suspende todas as actividades municipais dende o luns. Ademais, a Abellariza suspende a Andaina que ía realizar este sábado.

Concello de Malpica

O Concello de Malpica convoca para mañá unha xuntanza coas diversas áreas municipais para establecer un protocolo de actuación neste contexto. Confirman, á súa vez, a suspensión de todos os actos públicos ata novo aviso. Os prazos iranse corrixindo a medida que se analice o devir da situación. Este venres 13 darán constancia das medidas.

Concello de Mazaricos

Ademais dos eventos deportivos e o uso do pavillón e o ximnasio, Mazaricos cancela a actividade da Escola de Música e o baile para as persoas maiores ata novo aviso.

Concello de Muros

Muros, ademais de todas as actividades municipais e peche de instalacións dende o sábado 14, suspenden os mercadiños de luns, martes e venres en todo o Concello.
A obra Bernarda que chegana este sábado, queda adiada.

Concello de Muxía

Muxía cancela a festa do Congro que se ía celebrar na Semana Santa. Ademais, este sábado a Biblioteca ía acoller a presentación do libro de Sus Bahamonde, que tamén queda adiada.

Concello de Ponteceso

O Concello pontecesán cancela todas as actividades, incluída a sesión informativa da USC

Concello de Santa Comba

Santa Comba pecha o Centro Sociocomunitario e a vivenda comunitaria, e todas as actividades que se desenvolven dentro. Queda suspendida tamén a feira.

Concello de Vimianzo

O Concello de Vimianzo tamén anuncia a suspensión das actividades culturais e deportivas a causa do coronavirus, e recomendan tan só acudir ás oficinas municipais no caso de tramitación urxente. O prazo será revisable, aínda que en primeiro termo seguiranse as indicacións da Xunta de Galicia e o fará durante 14 días, sendo este un prazo revisable.
Polo de agora, estarán pechados todos os recintos deportivos, así como auditorio e centro social. Tamén se anuncia a suspensión das feiras e mercados ao aire libre e se aconsella evitar as aglomeracións e seguir as instrucións facilitadas polo Ministerio de Sanidade.

Concello de Zas

O Concello de Zas suspende todas as actividades municipais ata novo aviso dende este venres, incluído o baile de maiores dos sábados, o programa de actividades “Zas pola Igualdade”, ou as sesións de contacontos infantil do programa “Ratos nas bibliotecas”.

 

Todas as novas do Coronavirus

Comentarios