Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Informe para evitar o desastre Económico-Financeiro da Costa da Morte

Informe para evitar o desastre Económico-Financeiro da Costa da Morte
Os toxos invadiron hai tempo os polígonos empresariais da bisbarra Os toxos invadiron hai tempo os polígonos empresariais da bisbarra Vén de realizar José Luís Louzán un interesante Informe da situación Económico-Financera dos 9 concellos da Costa da Morte (os que forman as comarcas de Soneira e Fisterra, ademais de Carnota). Un completo informa con datos aquí aportados baseados en organismos oficiais e en informes de entidades públicas e privadas, no que non se contemplan datos sobre economía sumerxida ou aportacións de remesas pola incapacidade para acceder a eses datos desde fontes fiables e pola escasa fiabilidade de moitos deles. Un deses informes que se deberían ter realizado nos foros dos grupos supramunicipais, que debería ser analizado polas administracións públicas, locais, comarcais, provincias, autonómicas e estatais, para tomar medidas en contra do declive da nosa Galicia rural. Abaixo deixamos todos os parámetros que analizou Louzán, pero resaltamos as premisas iniciais e as conclusións que saca: INDICADORES PRINCIPAIS Poboación: Os datos referidos a este apartado son os máis reveladores. O territorio perdeu un 23% da súa poboación nos últimos 34 anos. Segundo os datos de referencia (INE) o Concello de Carnota perdería 2.929 habitantes (case a actual poboación censada en todo o Concello de Dumbría). Precisamente, entre 1996 e 2015, a propia Dumbría perdeu 1905 habitantes, o 61% da súa poboación ata ese momento. Só Cee aumentaría a súa poboación nestes 34 anos, nun testimonial 5% (192 habitantes). Se consideramos a media porcentual, o territorio perdería entre un 18 e un 20% da súa poboación actual nos próximos 20 anos, de continuar o actual ritmo ou considerando incluso unha redución paulatina, polo saldo vexetativo actual. Economía O territorio arrastra dous graves problemas endémicos e presentes ao longo do último cuarto de século; o paro e a ausencia de crecemento. Existe unha clara dependencia do sector primario, unida a unha cada vez maior dependencia das pensións públicas. O PIB acumulado do territorio representa unha minúscula parte do total rexional e esta vinculado a actividades concretas, case sen segmentación e cun grave risco de crise si non se diversifica. O desemprego.O territorio mantén unha media (2015) do 28,51% de paro sobre datos de inscripción ao Servizo Galego de Colocación (inscritos nas oficinas de emprego) O Concello de Dumbría rexistra unha taxa do 34,55%, sendo o segundo de menor poboación (con Dumbría danse varias paradoxas económicas difíciles de explicar). Cee é con todo o lugar cun maior numero de inscritos, na súa condición tamén do concello con máis habitantes e tamén con máis ocupados (a taxa é do 22,68%, a segunda menor en porcentaxe) Dos 9 concellos referenciados neste informe, 5 figuran entre os 100 municipios de España máis pobres (con menor renda dispoñible). De feito, Muxía é o terceiro concello do país nese ranking, cunha renda anual de 10.139€ por declarante e ano, seguido de cerca por Camariñas, en quinto lugar, ou Zas, que ocupa a sexta posición. A dependencia do sistema de pensións é evidente en case todos os municipios, sendo maior naqueles con menores rendas. A pensión media é máis baixa nos municipios do interior que no litoral, salvo polo caso de Dumbría, cunha pensión mensual media de 879,36€ por perceptor, a máis alta do territorio. É en Cee onde o peso total das pensións é maior, xa que significa algo mais 1,5 millóns de euros ao mes, case 20 millóns de euros ao ano, o 10% do PIB do concello. Vimianzo é o concello cun maior número de perceptores, e aínda que a baixa pensión media por perceptor (659,95€) non debería significar tanto, fai que o peso real das pensións na súa economía sexa nada menos que do 16%. PIB No referente ao Produto Interior Bruto municipal, a realidade é dramática. O territorio non só é dos que menos aporta en total ao PIB rexional (o 1,3% do total). Só dous concellos superan a media do PIB nominal (por habitante), Cee, con 24.549€ e Dumbría, con 25.251€, os únicos que logran superar a media. O seguinte, Vimianzo, rexistrou 14.682€ por habitante segundo datos de 2012. Cee é o concello cun maior PIB total (191.681.000€) a gran distancia do seguinte, Vimianzo, que rexistrou aquel ano 119.306.000€. Con todo, Vimianzo rexistra un mellor ratio de xeración de empresas, menos solventes pero mais numerosas e mellor segmentadas. Por sectores, é o concello con máis empresas vinculadas ao sector industrial (76), máis construción (184) e máis en total. Con todo, Cee e a súa dependencia endémica do sector servizos, convérteno en imbatible en este reconto, con máis de 462 empresas rexistradas neste sector, para un total de 611 (75% do total)   CIRCUNSTANCIAS DO TERRITORIO
  • O territorio está mal comunicado. Non existe conexión ferroviaria (a máis próxima está a 70 quilómetros) e a comunicación por estrada é por vías secundarias (AC-552, AC-550) e nun breve tramo de 33 quilómetros coa Coruña, por autopista de peaje(2,50€ por 33 quilómetros de vía en obras desde 2015). Non existen nin se suscitan vías de alta capacidade nin coa capital de Galicia (a 80 quilómetros) nin completar adecuadamente a actual vía coa capital provincial (dos 110 quilómetros de distancia só se conectaron por autopista 33, ultímase a construción doutros 27 pero non hai data nin proxecto para os 40 restantes)
  • O chan industrial ou empresarial é escaso e caro. Os polígonos empresariais construídos na zona son os máis caros da comunidade autónoma por metro (malia rebaixas suscitadas polo comercializador único do chan). Ademais, están mal comunicados tanto coas vías principais como co único porto con entidade industrial na zona (non existe comunicación viaria directa entre o polígono en Cee e o porto de Brens-Cee)
  • Non existe plan de desenvolvemento algún. O territorio e as autoridades locais só consideran de forma clara o turismo como linea de investimento empresarial futura. Nos últimos 25 anos, diversas administracións (provincial, rexional e estatal) aportaron millóns de euros a plans de promoción do turismo e de desenvolvemento de infraestructuras turísticas (paseos marítimos, portos deportivos, etc) sen observar ningún plan estructurado que medise o resultado deses investimentos. Ademais, os citados investimentos non foron acompañadas de plans de emprego, de desenvolvemento das comunicacións, de conexión de banda longa, etc…que completasen un plan con visión e información para medir os seus resultados.
  • Nunca existiu un plan de desenvolvemento industrial, nin se explorou a posibilidade de instalar empresas de ningún tipo no territorio, deixando está iniciativa únicamente á actividade privada. A única gran implantación xeradora de emprego remóntase á apertura do Hospital Comarcal en cee (1997). A día de hoxe, as principais empresas en numero de empregados seguen sendo as factorías de Ferroatlantica en Cee e Dumbría (como fai un século) ou a empresa pública. O primeiro empleador único nos concellos de Vimianzo, Carnota, Muxía ou Zas é o concello, na suma de postos directos e indirectos.
  • Non se estableceu ningún plan que fixe poboación o territorio. É máis, a crise económica, na parte que afecta ao sector primario, provocou a pechadura de múltiples explotacións, principalmente de bovino, e unha contracción do sector agrícola-ganadero. Isto a provocado o abandono do rural polos únicos que o seguen habitando menores de 60 anos e con actividade económica. Os concellos do interior (Vimianzo, Dumbría, Zas) son de feito os que máis poboación perderían nos últimos 20 anos.
  • A existencia do Hospital en Cee, unha demanda de máis de 40 anos, mellorou sensiblemente a calidade na atención sanitaria, pero segue ofrecendo unha sorte de "servizos mínimos", moi apreciados pero de xeito evidente escasos. O centro non conta nin con servizo de Oncología, nin cardiología, nin nefrología ou diálisis. As resonancias séguense realizando usando unha ?unidade móbil? que atrasa a lista de espera a datos alarmantes (ata un ano de espera para un proba diagnostica). Ademais, a ausencia de comunicacións viarias adecuadas atrasa os traslados á capital provincial (a unha hora e cuarto de distancia por estrada)
  • Internet é unha utopia en gran parte do territorio. A presenza de redes por cable (R) limítase aos casos urbanos dalgunhas localidades, e nunha contorna moi restrinxida. para os demais, contra con 3 Megas de conexión é directamente imposible, non só en áreas rurales senón ata en zonas limítrofes co centro urbano en Baio (zas) no propio Zas, en Muxia, Carnota ou en parroquias de Vimianzo. Non existe conexión de banda longa adecuada aos polígonos industriais.
  • O sector acuícola-pesquero, en crise permanente, continua a súa contracción. O volume de explotación tanto do marisqueo como da pesca no territorio viuse reducido en máis dun 46% (Datos IGE) nos últimos 25 anos. Un exemplo; en 2000, Fisterra rexistraba 101 mariscadores de Longueirón acreditados na Cofradía local. En 2010 eran 27, con PERMEX en regra e traballando. Nin o desenvolvemento dos plans de explotación nin o traballo das asociacións puido configurar un escenario onde a actividade marisquera poida considerarse como algo máis que un complemento de renda para a inmensa maioría dos implicados nela. No mar, tanto a flota de cerco, como a do pulpo ou artesanal víronse constantemente afectadas polas cotas acordadas na Unión, a intervención indiscriminada doutras flotas (arrastre principalmente) ou o furtivismo. O único plan establecido con certo grado de éxito, para a consolidación de “Reservas mariñas" no litoral, foi desechado e marxinado polo goberno autonómico ata case a sua eliminación.
  • A presión urbanística en certas zonas do litoral non levou aparellado un establecemento de poboación (ben residente, ben flotante) nin por acceso ao territorio nin por residencia vacacional. As amplas zonas construídas en Corcubión ou Fisterra só xeraron plusvalías a constructores e promotores e unha efémera marxe de ingresos aos concellos, que non o investiron en plans de desenvolvemento senón, basicamente, na construción ou renovación de infraestructuras publicas (cando non, segundo investígase, en fraude e pago de comisións políticas). Ningún dos ingresos públicos da época das ?vacas gordas? (2002-2007) xero ningún posto de traballo estable.
  CONCLUSIÓNS E POSIBLES SOLUCIÓNS
Por todo o exposto, fanse necesarias, case urxentes, as seguintes actuacións, investimentos e traballos:
  • Implantación dun Plan de Comunicacións da Costa da Morte (2016-2025), que contemple a construción dunha vía de alta capacidade entre Cee-Dumbría e Santiago de Compostela e a finalización da conexión coa Coruña, co remate do tramo ata Bustelo (Dumbría). Implantación dunha conexión directa entre cada un dos polígonos con esas dúas vías de alta capacidade. Conexión de alta capacidade entre o Porto de Cee e o Polígono na localidade. Estudo detallado da viabilidad para a implantación dunha conexión ferroviaria co territorio.
  • Instalación no territorio de banda longa (polo menos 100 megas) con implantación polo menos no 75% por cento do territorio e o 100% da superficie comercial-industrial
  • Elaboración e desenvolvemento dun Plan de Desenvolvemento Industrial (2016-2021) que optimice e mobilice a implantación, con vantaxes económicas claras, de empresas e industrias xeradoras de emprego estable
  • Elaboración e desenvolvemento dun Plan para Establecemento da Poboación (2016-2030) que ralentice ou acabe coa perdida de poboación. O pan deberá suscitar un crecemento da poboación no territorio a partir do limiar do ano 2025. Para o desenvolvemento deste plan deberán ser consultados todos os organismos con implantación na zona (sociais, económicos, culturais, etc..)
  • Elaboración dun Plan de Desenvolvemento Empresarial que decida, por fin, cales son as directrices económicas do territorio. deberá acordarse que, no seu caso, si o turismo é a principal formulación futura, hanse de aportar investimentos nese campo, adecuar a lexislación en materia de protección paisajista e medio ambiental e potenciar a conservación dos valores e potencialidades turísticas (monumentos, instalacións, zonas urbanas, etc) en toda a zona, definindo con claridade e cun animo restrictivo que parte do territorio verase incluída neste plan e que parte non.
Consideramos que este plan de investimentos debería contar cun claro e decidido apoio institucional, tanto rexional como nacional e Europeo, en aras a impedir que o citado territorio continúe o seu declive ata a desaparición práctica.
  OS DATOS Xustificación Xeográfica Louzán explica a xustificación de escoller estes 9 concellos: Trátase dunha contorna xeográfica concreta, con problemas similares e de características comúns, a saber; concellos que basean a súa economía xeralmente (salvo nun caso) no sector primario (Pesca ou agricultura e gandería) e con pouca ou ningunha capacidade de crecemento fóra destes sectores. As relacións socioeconómicas, administrativas ou culturais foron constantes entre eles ao longo dos últimos 50 anos sen excepción. Considerouse a conveniencia de incluír ao Concello de Laxe pero a sua vinculación comercial coa comarca de Bergantiños  levounos a descartalo. Tamén igualmente no caso de Mazaricos, vinculado cada vez máis á súa conexión coa costa (Ría de Muros-Noia) e menos á difícil conexión por estrada con Dumbría.  Taxa de Paro por Concellos (Expansión, sobre datos do Ministerio de Empleo. 2015)
Concello
Taxa de Desemprego
Total Inscritos no Servizo de Colocación e Emprego (Sept 2015)
Camariñas
30,94
532
Carnota
28,83
340
Cee
22,68
721
Corcubión
32,06
135
Dumbría
34,55
312
Fisterra
34,18
444
Muxía
27,82
407
Vimianzo
24,22
562
Zas
21,33
362
  Informe de Situación Costa da Morte 2016 Listado dos 100 municipios mais pobres de España (renda impoñible por declarante) de mais de 5000 habitantes (estudo INE 2015)
Concello
Posición no ranking
Renda anual por declarante
Muxía
3o
10.139 €
Camariñas
5o
10.583 €
Zas
6o
10.716 €
Carnota
53o
12.082 €
Vimianzo
56o
12.112 €
Importe medio dunha pensión por perceptor e número de perceptores por Concello (Datos IGE 2014)
Concello
Importe medio mensual
Número total de perceptores
Total Mensual por concello
Cee
848,05 €
1811
1.535.818 €
Corcubión
837,61 €
375
314.103 €
Dumbría
879,36 €
994
874.083 €
Fisterra
773,70 €
1255
970.993 €
Muxía
751,28 €
1482
1.113.396 €
Carnota
660,72 €
1627
1.074.991 €
Camariñas
738,21 €
1575
1.162.680 €
Vimianzo
659,95 €
2186
1.442.650 €
Zas
619,78 €
1593
987.309 €
Media y totales
752,07 €
12.898
9.476.023 €
Poboación a 1 de Xaneiro de 2015
Concello
Censo Total
Homes
Mulleres
Camariñas *
5577
2707
2870
Carnota
4284
2055
2229
Cee *
7723
3702
4021
Corcubión
1655
814
841
Dumbría
3077
1470
1607
Fisterra
4775
2405
2370
Muxía *
5025
2440
2585
VImianzo *
7520
3626
3894
Zas
4846
2337
2509
(* os que superan os 5000 habitantes) Análise poboacional e perda de poboación residente (1981-2015)
Concello
1981
1996
2015
Camariñas
7220
(+129) 7349
(-1752) 5577
Carnota
7213
(-1073) 6140
(-1856) 4284
Cee
7531
(-179) 7352
(+371) 7723
Corcubión
2114
(-99) 2015
(-360) 1655
Dumbría
4778
(+204) 4982
(-1905) 3077
Fisterra
5322
(+75) 5397
(-662) 4775
Muxía
7080
(-446) 6634
(-1609) 5025
Vimianzo
9646
(-267) 9379
(-1859) 7520
Zas
7329
(-821) 6508
(-1662) 4846
TOTAL
58.233
(-2.477) 55.756
(-11.274) 44.482
PIB total e por habitante (IGE 2012)
Concello
MIles de Euros
Euros por habitante
Camariñas
74.646
11.616
Carnota
51.981
10.904
Cee
191.681
24.549
Corcubión
22.113
12.643
Dumbría
90.196
25.251
Fisterra
53.714
10.555
Muxía
60.593
11.409
Vimianzo
119.306
14.682
Zas
67.651
12.849
* PIB Nominal Galicia 2012: 20.330 € Distribución de sectores por empresa (IGE 2014)
Concello
Industria
Construción
Servizos
Total empresas
Camariñas
34
77
238
349
Carnota
30
44
175
249
Cee
38
111
462
611
Corcubión
8
21
89
118
Dumbría
17
48
90
155
Fisterra
6
28
204
238
Muxía
34
64
187
285
Vimianzo
76
184
384
644
Zas
44
104
275
423
 
FONTE
  • José Luís Louzán, para QPC.

Comentarios