Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Instrucións para a Fase 1

Debuxo de Angel Moar sobre a Fase 1 da desescalada do covid19
Debuxo de Angel Moar sobre a Fase 1 da desescalada do covid19
Instrucións para a Fase 1

Coñecíamos onte na rolda de prensa do Ministro de Sanidade, Salvador Illa, que Galicia sería daquelas Comunidades Autónomas en pasar á Fase 1 dentro do chamado "Plan de Transición cara unha Nova Normalidade”.

E coñecemos hoxe unha nova Orde Ministerial que regula que cousas podemos facer, e cal outras aínda non podemos facer. Imos debullala, do mesmo xeito que fixemos xa coas saídas de menores de idade, e coa Fase Cero.

Debemos ter en mente que a división territorial básica será a Provincia. É dicir, non será todo o país e non serán tampouco as Áreas Sanitarias como se rumoreou en días pasados. Tamén cómpre coñecer que todas as medidas que veremos entran en vigor o día 11 de maio, luns, ás 00:00h.

Medidas relativas ao contacto persoal

Poderemos reunirnos, ben na rúa, ben en domicilios particulares, en grupos dun máximo de 10 persoas (sempre que ningunha delas, claro está, teña síntomas ou estea en illamento). Non debemos esquecer que as medidas de seguridade seguen vixentes co que aínda dentro da nosa casa deberemos procurar o lavado de mans e mantermos a distancia social de 2 metros.

Seguiran vixentes as franxas horarias de paseo, como até agora. Recordade, neste punto, que despois da emisión dun novo criterio interpretativo de parte do Ministerio, os horarios só se aplican en núcleos de poboación de máis de 5.000 habitantes. Aquí podedes consultar se a vosa parroquia ten menos de 5.000 e, por tanto, podedes saír sen aplicación de horarios: descargar Lista de parroquias de menos de 5.000 habitantes aquí.

Poden viaxar no mesmo vehículo, sen limitación de número, todas as persoas que convivan no mesmo domicilio. Poderemos circular a calquera punto da Provincia.

Permítese a afluencia de 15 persoas nos velorios ao aire libre, e 10 en espazos interiores.

Medidas no eido comercial

A principal novidade que nos trae esta fase é a da apertura xeneralizada de comercios (de menos de 400 metros cadrados), sempre que non estean sitos en Centros Comerciais, sen necesidade de cita previa. Poderán facelo co 30% da súa capacidade habitual. E tamén poderán abrir as terrazas de locais de hostalería (non o interior dos mesmos), a unha capacidade do 50%.

Tanto as terrazas coma os establecementos comerciais deberán manter distancia de seguridade, e hábitos de hixiene e desinfección detallados na Orde.

Despois da polémica desta semana pasada co gallo dos mercados ao aire libre, esta Fase 1 permitirá a súa realización, sempre que se garantan medidas de seguridade axeitadas (25% dos postos e 30% de capacidade) e que dende o Concello se dea comunicación previa á Consellería de Sanidade.

Outros sectores

Poden abrir hoteis e aloxamentos, pero cun importante número de limitacións.

Retoman actividade tamén os concesionarios de automoción e as ITV. E do mesmo xeito poden facelo os viveiros de plantas e centros de xardinería, con independencia da súa superficie (poderían facelo mesmo tendo máis de 400m). Igualmente, as administración de lotaría.

Medidas que afectan á cultura

Poderán abrir bibliotecas e museos, para algunha das súas funcións; e poderán celebrarse actos culturais en interiores, con limitación de 30 persoas ou un terzo da capacidade; e en exteriores, cun máximo de 200 persoas sentadas.

Así mesmo permítense algunhas das actividades de rodaxe e produción de obras audiovisuais.

Para rematar

Malia que poida parecer que a regulación da Orde é escasa, todo o contrario. Existen materias de grande importancia, que non colocaremos neste artigo por cuestión de extensión, pero que recomendamos que revisedes en profundidade.

Por exemplo, aquelas relativas ás medidas a tomar, en saúde laboral, polos comercios que abran sen cita previa: fomento e recomendación de teletraballo, dispoñibilidade de EPI e xeles hidroalcohólicos, medidas para evitar coincidencias de moitas persoas no establecemento... As condicións técnicas de limpeza, desinfección e garantías son de grande importancia para que esta fase transite con seguridade para todxs nós.

Recordade tamén que todos os puntos establecidos nesta nova regulamentación deben ser sumados aos que xa tiñamos de atrás: requisitos das saídas de menores, posibilidade de saídas para centros de saúde, condicións da práctica de exercicio profesional e non profesional, entre outras.

 

Artigos de Miguel Vieito Villar

Novas relacionadas

Comentarios