Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Íntegro abre unha nova edición de Visítanos! cos escolares de Camariñas e Ponte do Porto

Íntegro abre unha nova edición de Visítanos! cos escolares de Camariñas e Ponte do Porto
visitanos-integro 36 alumnos e alumnas de Camariñas e da Ponte do Porto visitaron as instalacións de Íntegro Con motivo do día internacional da Diversidade Funcional, que se conmemora o vindeiro 3 de decembro, a asociación Íntegro abre un ano máis as súas portas para celebrar unha nova edición de Visítanos!; unha actividade educativa incluída no programa Capacíta-T coa que a entidade pretende concienciar, educar e capacitar en materia de diversidade aos máis pequenos. Nesta ocasión, 36 alumnos e alumnas do CEIP O Areal de Camariñas e do CEIP da Ponte do Porto visitaron as instalacións de Nantón para coñecer de preto o funcionamento do centro e o día a día dos usuarios e usuarias. A xornada comezou cunha breve presentación da entidade para explicarlles aos estudantes os obxectivos e valores cos que se traballa en favor das persoas con diversidade funcional. Dende o primeiro momento, os alumnos e alumnas amosáronse moi participativos e interesados en achegarse á inclusión partindo das súas propias ideas, moitas delas preconcibidas e ditadas por unha sociedade desigual como quedou ben patente coa proxección da curtametraxe Lo Incorrecto, da Fundación Prevent. Tamén se lles amosou un vídeo resumo coas actividades levadas a cabo ao longo do 2015. O día a día de Íntegro vista-integro Os alumnos e alumnas coñeceron o día a día dos usuarios e usuarias de Íntegro Durante algo máis de dúas horas os alumnos e alumnas realizaron un percorrido polas instalacións para coñecer máis polo miúdo o traballo que realizan diariamente os usuarios e usuarias de Íntegro nos diferentes obradoiros ocupacionais. O taller de artes manuais foi parada obrigada. Alí tiveron a oportunidade de descubrir algunhas das técnicas empregadas polos usuarios e usuarias de Íntegro para confeccionar os produtos de artesanía que comercializan; como os xabóns de glicerina da colección Bicos de Amora. A visita ao invernadoiro foi, sen dúbida, unha das que suscitou maior expectación entre os escolares que non dubidaron en amosar os coñecementos adquiridos tras as explicacións dadas polos técnicos de Íntegro. No xardín terapéutico traballaron con plantas aromáticas, transplantándoas e realizando diversos traballos de composición, dignos de verdadeiros artistas. Así mesmo, realizaron un taller de recoñecemento de especies arbóreas autóctonas. Un dos momentos máis divertidos chegou ao final mañá coa realización dun circuíto de mobilidade e desprazamento en cadeira de rodas coa finalidade de achegar aos máis pequenos á realidade da diversidade, xogando coas barreiras ás que cada día deben facer fronte moitas persoas con discapacidade. Unha proba moi entretida e novidosa na que tiveron que poñer en práctica o seu enxeño e habilidade para sortear todo tipo de obstáculos. A mellor maneira de comprobar que a diversidade é cuestión de capacidades, non de discapacidades. Novas relacionadas

Fonte

Comentarios