Íntegro amplía o Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade a varios concellos
07:05 17/02/16
Os concellos de Cabana, Laxe, Ponteceso e Malpica teran o seu propio Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade. Imaxe: Íntegro
O Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade no ámbito rural - PIMD Rural -, que a asociación Íntegro puxo en marcha no 2015 nas súas instalacións, trasladarase a varios concellos da comarca de Bergantiños co fin de ampliar as actuacións que se están levando a cabo dende a entidade e incrementar a colaboración cos servizos de proximidade á cidadanía.
Dende hai anos o centro de recursos de Nantón desenvolve un programa específico de asesoramento e intervención integral para persoas con diversidade funcional, especialmente mulleres, financiado pola secretaría xeral de Igualdade e polo Fondo Social Europeo (FSE). Pero foi o ano pasado cando botou a andar o PIMR Rural co obxectivo de promover medidas específicas de loita contra a discriminación e desigualdade de oportunidades que sofre este colectivo, ademais de desenvolver actividades que faciliten o seu empoderamento e reforcen o seu papel no ámbito rural.
Cabana de Bergantiños, Laxe, Ponteceso e Malpica serán, a partires deste ano, os primeiros concellos da Costa da Morte en contar cos seus propia do PIMD Rural, permitindo achegar e aproveitar os recursos técnicos da nosa asociación para poñelos ao servizo das persoas que residen nas diferentes localidades do noso entorno de intervención.
Grazas a este novo programa de cooperación tamén se poderán mellorar as actuacións previstas nos Plans de Igualdade Municipais con medidas específicas para a atención de mulleres con diversidade funcional.
Servizos
As mulleres que se acheguen ata os puntos de intervención poderán atopar ampla información e asesoramento sobre recursos en materia de diversidade; atención psicolóxica e mediación familiar; accións encamiñadas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas así como competencias para a mellora do emprego e apoio na mediación laboral e profesional.
Ademais, realizaranse actividades de prevención da violencia de xénero e asesoramento de ocio e participación social. Así mesmo, as usuarias deste novo servizo terán información continua e actualizada sobre todos os programas e accións específicas que se desenvolven en Íntegro.
En breve, a páxina web de Íntegro recollerá toda a info que precises sobre o PIMD Rural a través dunha nova sección. Mentres tanto, os interesados e interesadas poden achegarse ao novo punto de intervención poñéndose en contacto coa entidade chamando ao 981 734 985 ou preguntando no departamento de servizos sociais do teu concello.
Novas relacionadas
- Un San Valentín doce e moi Íntegro
- Cogami interésase polo traballo da Asociación Íntegro.
- Íntegro avanza cara a Inclusión a base de experiencias persoais.
- Íntegro imparte en Malpica un curso de colocación de pladur e de pintura
- Íntegro recibe o apoio da Deputación da Coruña
- Íntegro prepara un completo programa para o Día da Inclusión
- Unha Carreira para integrar.
- Os discapacitados somos nós.
- 40 persoas con discapacidade insertáronse en Bergantiños a través de COGAMI.
- Íntegro normaliza a diferencia na Diversiescola de Carballo.
- 2014: Íntegro, Adisbismur, Ambas e Misela celebraron o Día da Inclusión en Ponteceso.
- 20 anos de integridade dende Cabana para toda a Costa da Morte.
- Redacción QPC ([email protected])
- Íntegro