Xoves. 25.04.2024
El tiempo

8 DE MARZO

Jenifer Suárez: "Gustaríame que o meu fillo aprendese de min o oficio de mariñeiro e seguise coa tradición familiar"

diadamuller (2)
Ilustración feita por Eres Curioso.
Jenifer Suárez: "Gustaríame que o meu fillo aprendese de min o oficio de mariñeiro e seguise coa tradición familiar"

O relato de Jeni podería ser o dunha muller cunha profesión tradicionalmente adxudicada aos homes. Cada vez é menos raro velas á cuberta dun barco, e ata non fai moito poucas mandaban no que aparentemente é un mundo varonil. Pero na pesca hai mulleres. E non precisamente poucas. Falamos de redeiras, mariscadoras, armadoras, peixeiras, percebeiras e mariñeiras como Jenifer Suárez Silva (Sardiñeiro, 1992).

Nada en porto de mar, e filla e neta de mariñeiros, Jeni tivo claro desde cativa que o seu oficio estaría entre redes e aparellos: “Miña nai e miña tía reparaban aparellos xunto cos meus avós, polo que miñas irmás e mais eu tamén estabamos alí. Así foi como me empezou a gustar o mar. Recordo que me encantaba ir pescar maragotas e pintos cos meus pais no verán ou ir ao calamar con meu avó. Foi nesa etapa cando lle dixen aos meus pais que eu quería traballar nese mundo. Eles insistíanme para que estudara pero eu nin valía nin quería. Entón foi cando saquei os papeis do mar…pensado que ía quitalos e durar só a tempada de verán, pero aquí sigo”.

WhatsApp Image 2019-03-02 at 11.17.39

Así, esta moza fisterrá leva traballando legalmente no oficio de mariñeira desde o ano 2010. “Estou moi orgullosa de quen son e de onde veño. Ao mellor non son das que fun a Andorra de excursión [ri], pero probablemente ese día no mar vira un rape de 50 quilos que as miñas amigas non verán na vida”, relata vaidosa Jeni, quen nunca atopou trabas no sector por ser muller: “Empecei cos meus tíos, e eles sempre me axudaron. É máis, dicíanme que por ser muller tiña que estar, se cabe, máis orgullosa”. Nin atrancos nin tampouco prexuízos, pois conta que ao principio todos os seus compañeiros lle tiñan coma certo medo e respecto pero “non por nada malo, senón porque non sabían moi ben como coidarme e protexerme”, explica Jeni.

Sempre escoitei falar ben de min e noto como todos os meus compañeiros están contentos comigo

 Así, ata o momento xamais se sentiu discriminada por razóns de xénero. “Todo o contrario, sempre escoitei falar ben de min e noto como todos están contentos comigo. Tiña medo que por ser a filla do xefe me desen de lado pero para nada, sempre me apoiaron”. Así mesmo, explica que o traballo no mar é duro tanto para homes coma para mulleres, a pesares de ser un sector no que impera esa vella tradición de que as mulleres teñen que quedar na casa ao coidado dos nenos: “Hai homes que non valen tampouco porque se marean ou porque non se adaptan”, engade.

O máis duro de ser mariñera, di, é erguerse cedo de madrugada. Aínda que agora mesmo o que máis lle preocupa é pensar no seu fillo, que acaba de cumprir os cinco meses. “Decidín esperar a que o neno teña un ano para reincorporarme ao traballo, xa que catro meses non chegan a nada para a recuperación".

O feito de ser nai nunca lle supuxo a Jeni replantexar a súa profesión e encantaríalle que o pequeno aprendese o oficio familiar. "Vou facer todo o posible para que lle guste. Agora mesmo xa o leva ao barco a andar coas redes, pero si é certo, e amólame moito dicilo, que ao traballo no mar non lle vexo un futuro moi claro. Hai moitas leis que son incomprensibles para a baixura e poucas axudas. Cada vez aprétannos máis e tes que andar ao día con todo, senón xa é a ruína total", explica.

"O que máis me gusta é que te sentes libre, traballas co vento petándoche na cara". Así, e a pesares das malas condicións que hoxe en día teñen que soportar os traballadores do mar, Jeni teno claro. É feliz na súa profesión e apoia a calquera persoa que se anime a probar o mar: "Ser mariñeira ten as súas vantaxes e inconvintes. Meus pais, miñas irmáns e o resto da familia sempre me apoiaron. E por suposto a miña parella, Jose, que sempre me di se non prefiro quedar a traballar no bar familiar para non madrugar e para que non me colla o frío, e eu dígolle todo o contrario. De aí que me diga que son única", bromea.

Artigos 8M

Novas do 8 de marzo

Máis novas

Comentarios