José Luís Pérez Añón nos #DirectosQPC: “Esperamos que o 17 de agosto si que se poida celebrar o Naufraxio”
Este martes 16 de xuño continuamos coa rolda de alcaldes e alcaldesas pola comarca, preguntando como poden axudar os Concellos a paliar a crise. Estivemos, virtualmente, en Laxe, falando co popular José Luís Pérez Añón, un deses alcaldes aos que verdadeiramente non lles gusta saír na prensa, pero que si estivo en primeira liña de batalla contra o covid, tanto dende o concello como no seu posto de médico no Centro de Saúde.
En clave económica recoñeceu que o Concello, dada a mala situación económica que atravesa dende hai moitos anos, só pode chegar a retirar as taxas das terrazas e permitir a súa ampliación, se ben si intentará axudar noutras cousas que os hostaleiros propoñan.
Sobre a chegada de turistas de fóra, e esa necesidade de compaxinar a necesidade de que os establecimentos hostaleiros fagan unha boa campaña co medo ao contaxio da veciñanza, sinalou que o Concello, que considera positiva e necesaria a chegada, pouco máis pode facer que poñer carteis informativos e que a Policía Local controle que se cumplan as distancias.
En clave de conciliación, o Concello espera que se aprobe a subvención da Xunta para facer actividades culturais (non deportivas ao aire libre).
Infraestruras
Son moitos os proxectos en marcha en Laxe. O dragado, esa obra tan demandada dende hai anos, porase a tope (co tren de fondeo) do 1 de xullo ao 31 de setembro, e conta con ter rematado en 2021, pois é un proxecto bianual. “Non creo que sexa un parche, custando 3 millóns de euros”, valora sobre os que dubidan da súa efectividade.
Apuntou que o aliviadero para a separación de pluviais na rede de saneamento xa feita evitará as inundacións xa para este vindeiro outono.
Sobre a urbanización do Escaravello, sinalou que o concello está a favor do proxecto, e que loitará coa Xunta para levalo adiante.
Sobre os aparcamentos espera que coas dúas parcelas que xa lle deixaron ao concello o ano pasado sirvan para aliviar e non ter que tomar medidas para evitar “embotellamentos”.
Camiño dos Faros
Asegurou considerar o Camiño dos Faros como un foco importante de chegada de visitantes, e asegurou que se vai desbrozar todo o trazado así como os sendeiros homologados que ten aprobados o termo municipal. Sinalou non comprender a actitude do seu homólogo cabanés.
Praias e Penedos
Valorou o esforzo realizado pola consecuón da Bandeira Azul na praia de Laxe, e avanzou que quere seguir falando con Costas para acondicionar un espazo para autocaravanas na praia de Soesto (“é un lugar idóneo”). En todo caso, este verán tocará controlar lixeiramente o correcto uso da zona, para que poidan estar pero non acampar.
Sobre o proxecto dos Concellos de Laxe e Vimianzo de posta en valor dos Penedos de Traba e Pasarela explicou que xusto a reunión coa Conselleira de Medioambiente e a visita dos técnicos da Xunta quedou adiada pola pandemia.
Proxectos Culturais
Sobre o tesouro do Arquivo Vidal indicou que están pedindo unha subvención para poñer máis paneis no Museo do Mar e para poder facer os traslados cunha maior conservación, unha vez que son continuas as peticións que lle están facendo para exposicións por toda Galicia.
Ademais, o rehabilitación do muíño Manolo do Rei ten aprobado a reforma do acceso, e na segunda fase se realizará a rehabilitación do propio muíño.
Naufraxio… Si!!
Unha das sorpresas da entrevista quedou para o final, pois deixou entrever que este ano pode que si que haia Naufraxio. “A ver como chegamos ao 17 de agosto, pero a min gustaríame que houbera procesión, e eu espero que si que o 17 de agosto si que se faga algo”.
Novas relacionadas
- Novembro 19: Entrevista con José Luís Pérez Añón: "Parece que a Xunta deu para atrás o proxecto da urbanizacióndo Escaravello”.
Rolda de alcaldes e alcaldesas nos DirectosQPC
- Walter Pardo (Malpica): as misas, a piscina, o soño da dársena, o pediatra, o mar, a Croa do Castro….
- López Varela (Laracha): “A mellor medida de reactivación económica é a obra pública”.
- Margarita Lamela (Cee): “Si, están bloqueando a labor do goberno, e estánse reunindo para tratar a moción de censura”.
- Lolo Muíño (Zas): “As normas do confinamento fixéronse para as cidades”.
- Inés Monteagudo (Muros): "O máis duro foi ver a tristeza que sufriron as moitas persoas maiores que estaban soas”.
- Pequeño (Dumbría): “Temos que ofrecer seguridade e confianza para evitar a masificación”.
- Xoan Blanco (Mazaricos): “Non entendo que activen os prazos dos parques eólicos en estado de alarma se non podemos informar aos veciños”.
- Mónica Rodríguez (Vimianzo): “Toca escoitar, analizar e despois facer propostas para reactivar a economía”.
- A alcaldesa Sandra Insua debulla a actualidade de Camariñas nos #DirectosQPC.
- David Barbeira (Santa Comba): "Imos ir máis alá de dar 1.000€ aos autónomos. Iso vale moito pero non é suficiente”.