Venres. 29.03.2024
El tiempo

Juanma Trillo, do 061: "Penso que co paso dos días a xente foi tomando conciencia da gravidade do problema"

  • "Sei de compañeiros que para evitar contaxiar ós seus, alugaron pisos e están a pasar sós esta crise sanitaria"
  • "Igual son moi optimista, pero esta situación igual nos vale para darnos conta do uso que se estaba a facer do servizos de emerxencia"
Juanma Trillo Caamano-Tecnico de Emerxencias Sanitarias no 061
Juanma Trillo Caamaño, Técnico de Emerxencias Sanitarias no 061
Juanma Trillo, do 061: "Penso que co paso dos días a xente foi tomando conciencia da gravidade do problema"

En plena corentena, seguimos falando con todas esas persoas que non poden escoller quedar na casa. Aquelas persoas que teñen que seguir traballando, poñendo en risco a súa vida e os seus familiares directos, para que a sociedade non colapse de todo.

Hoxe facémolo con Juanma Trillo Caamaño, que ademais de ser membro da Asoc. Voluntarios de Protección Civil de Cee é Técnico de Emerxencias Sanitarias do 061 na ambulancia de Ponteceso.

 
  • QPC: Antes de nada, enviámovos o noso máis sinceiro agradecemento por ese traballo impagable que estade realizando, e cada noite saímos ás nosas fiestras a aplaudir ben alto. Que tal estades levando os turnos de traballo? Tócavos facer moitas máis horas? Hai moito compañerismo?

Polo de agora as quendas de traballo seguen sendo as mesmas, non sufrimos variacións nin facemos horas a maiores. A verdade entre compañeiros sempre nos axudamos e estamos pendentes uns dos outros, pero si é certo que en situacións como estas notas que aumenta o compañeirismo, recibes chamadas ou mensaxes de antigos compañeiros, de outros de zonas un pouco distantes pero que coñeces por formacións, reunións,... Si, si que se nota que nos unimos un chisco máis.

 
  • QPC: Como conseguides manter os protocolos ao volver a casa?

Pois extremando un pouco as medidas que xa tes nunha xornada normal antes disto. Xa tiñamos servizo de lavandería polo cal, a uniformidade que sempre é susceptible de entrar en contacto co virus, non a tes que levar para casa.

Logo, seguindo tamén o que nos indican os protocolos, como por exemplo hixienizar ou desinfectar o teu propio teléfono móbil antes de saír, durante o horario de traballo si o empregas podes estar contaminándoo.

 
  • QPC: Temes, ao non ver tanta precaución entre a veciñanza, convertirte en persoa transmisora? Ao chegar a casa como combinas para manter as distancias? Segues tendo contacto cos teus maiores?

Nun primeiro momento si que me preocupaba e incluso, non o vou negar, enfadábame a pouca precaución que tiña algunha xente, parecía que non ía con eles. Penso que co paso dos días a xente foi tomando conciencia da gravidade do problema.

Igual que no do resto de compañeiros que traballamos en primeira liña, preocúpanos moito poder ser transmisores. Estamos cada día de traballo en contacto con doentes que poden estar infectados, e pese a que tomamos todas as precaucións e empregamos os equipos de protección, sempre che queda ese “algo” na cabeza, pero non só por nos, por que esteamos contaxiados, senón porque logo vas a atender a outro doente e podes contaxialo ou chegar a casa e contaxiar aos familiares.

Sei de compañeiros que para evitar contaxiar ós seus, alugaron pisos e están a pasar sós esta crise sanitaria. No meu caso tamén optei por manter a distancia, pero grazas a tecnoloxía faise un pouco máis levadía, as chamadas e videochamadas non paran.

 
  • QPC: Que tal se está portando a veciñanza da comarca? É responsable a xente á hora de chamar a ambulancia ou tedes feito viaxes por cousas demasiado miúdas?

A verdade é que na unidade na que eu traballo, si que notamos o descenso de servizos. Igual que si lle preguntas aos compañeiros que traballan no PAC que tamén notaron ese descenso.
Igual son moi optimista, pero esta situación igual nos vale para darnos conta do uso que se estaba a facer do servizos de emerxencia (Ambulancias, PAC’s, Urxencias hospitalarias...). A poboación é a mesma pero a afluencia e uso que se fai do servizo agora é menor. Será que antes se estaba facendo un uso un pouco “irresponsable” dos servizos? Gustaríame que a xente por mor disto que estamos a vivir reflexionara, os recursos son os que son, e mentres non os aumenten temos que facer un uso responsable deles.

 
  • QPC: Notades unha gran histeria colectiva?

Ben, imposible non lembrar a tolemia do papel hixiénico!!! Pero non, os primeiros días igual que un o tomaron un pouco a broma, tamén outros tolearon e se lanzaron a comprar o supermercado enteiro. Agora penso que se normalizou todo un pouco.
Eu penso que os seres humanos somos animais de costumes, e así que nos acostumemos a esta situación todo irá mellor.

 
  • QPC: Notades algún agradecemento por parte da veciñanza?

A verdade que se nota un cariño especial agora mesmo. A xente venos con outros ollos e nos valora doutra maneira, pese a que seguimos facendo o mesmo de sempre.
Nestas situacións a xente trata de buscar un referente, e agora tocounos ao persoal sanitario, pero igual que nós, tamén non podemos esquecer a toda a xente que segue traballando para que isto funcione, policías locais, garda civil, bombeiros, voluntarios de protección civil, xornalistas que fan que esteamos informados, todo o persoal dos supermercados, gasolineiras, transportistas, panadeiros, pescadores, persoal de limpeza viaria e dos hospitais, servizo de recollida do lixo,... e moitísima outra xente.

Estes días escoito como moitas veces nos din, sodes heroes e sempre contesto o mesmo, non, non somos heroes, facemos o noso traballo, o mesmo que facemos cando nos toca traballar en Nadal, cando nos toca atender un accidente de tráfico baixo a chuvia, cando recibimos unha chamada ás tres da mañá... o mesmo traballo pero agora co coronavirus, o que implica un pouco máis de risco, pero ao fin e o cabo, o mesmo traballo de sempre.

 
  • QPC: Hai medios axeitados e suficientes?

Nestes momentos si, son limitados pero pouco a pouco van chegando máis. Sabemos do esforzo que se está a facer para poder mercar equipos de protección e para fabricalos. Hai que dar as grazas a toda esa xente, empresas e concellos da Costa da Morte que de forma altruísta doaron equipos de protección para todos aqueles que estamos en primeira liña, ambulancias, centros de saúde e hospital.

E tameén quero dar as grazas de forma moi especial a Belén Pais e Chelo Trillo, directoras do IES Agra de Raíces e do IES Fernando Blanco, que nos entregaron material de protección, do que empregan nas clases para poder facer fronte a esta crise.

 
  • QPC: Para todas esas familias que nos len dende casa. Se por exemplo teñen un neno ou un maior con febre e tos, cal é o protocolo que deben seguir?

Pois o protocolo establecido.

No caso de que calquera persoa teña síntomas (febre alta, tos ou dificultade respiratoria), intentar auto-illarse (Unha habitación de uso individual, a ser posible con fiestra e baño propio. Se non é posible, manter unha distancia de seguridade co resto da familia e extremar as medidas de hixiene.

Poñerse en contacto co seu médico ou chamar ao 900 400 116, que lle indicarán os procedementos que seguirán, polo xeral con autocoidados podemos seguir na casa, paracetamol e panos fríos para o control da febre, beber líquidos, descansar pero movéndonos de cando en vez.

Só chamaremos ao 061 si os síntomas que temos se agravan, como a imposibilidade de controlar a febre ou dificultade para respirar.

 

Todas as novas do Coronavirus

Máis novas

Comentarios