Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Laracha licita os contratos de SAF e de recollida de residuos

  • Dúas novas doazóns do tecido asociativo larachés
Imaxe da doazón da familia de Adro de Vilaño
A Laracha licita os contratos de SAF e de recollida de residuos

Importantes contratos se asinan en breve no Concello da Laracha, unha que vez que rematou o prazo para a presentación de ofertas na licitación. Falamos dos novos contratos dos servizos de axuda no fogar e de recollida de residuos sólidos urbanos. Dous novos contratos nos que as empresas que resulten adxudicatarias deberán subrogar o persoal actual.

11 empresas optan á adxudicación do SAF durante os vindeiros 4 anos, cun total de 3,7 millóns de euros. A previsión é prestar cada ano 12.000 horas de servizo básico e outras 47.334 de servizo de dependencia, sendo o prezo máximo por hora de 20,15 euros de luns a sábado e de 20,91 euros os domingos e festivos.

Pola súa parte, o contrato de recollida de residuos sólidos urbanos ten un presuposto base de 1.423.654,60 euros polos cinco anos de duración (catro máis outro de posible prórroga). Contempla a recollida diferenciada e transporte á planta de Sogama en Cerceda dos residuos que son depositados nos colectores xenéricos verdes (952 unidades), nos amarelos de envases lixeiros (400 unidades) e tamén nos novos recipientes marróns de orgánicos (150 unidades). Así mesmo, a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir o mantemento, lavado e desinfección de todos os contedores.
Cómpre salientar que os colectores azuis de papel-cartón, os iglús verdes de vidro e os recipientes laranxas de aceite non se inclúen neste procedemento porque estarán recollidos no novo contrato de xestión do punto limpo que sairá a licitación proximamente.

Novas doazóns

Dúas novas doazóns recibiu o departamento de Servizos Sociais do tecido asociativo. A asociación cultural Adro de Vilaño doou 18 quilos de plátanos e outros tantos de laranxas, peras, mazás e nectarinas.
Ademais, na fin de semana a asociación cultural e deportiva Santa Lucía de Soandres tamén doou alimentos e produtos de primeira necesidade. En concreto foron 56 paquetes de galletas, 24 botes de cacao en po, 24 paquetes de fariña, 60 latas de conserva de atún e outras tantas de sardiñas, 12 tarros de crema de cacao, 240 iogures, 22 envases de xel de ducha e 36 botellas de lixivia.

Comentarios