Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Lema Suárez levou a súa Costa do Solpor a un colexio da Coruña

Lema Suárez levou a súa Costa do Solpor a un colexio da Coruña
Xose María Lema Suárez no Fogar de Santa margarita Atendendo á invitación dos profesores Pablo Quintá e Xosé M. Varela Varela, o pasado día 20 de decembro Xosé Mª Lema visitou o Colexio Fogar Santa Margarida da Coruña e mantivo no salón de actos un coloquio cuns 60 alumnos e alumnas de 4º de ESO que tiveron como lectura neste trimestre a novela Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, unha novela de aventuras ambientada na segunda metade do séc. XVIII na Coruña e na nosa costa máis occidental, que daquela aínda non fora bautizada como Costa da Morte. Empezouse cunha proxección de diapositivas dos escenarios da novela, sobre todo nos da Coruña cidade e os da costa dos actuais concellos de Fisterra, Muxía e Camariñas. Esta proxección serviu para explicar os motivos polos que esta obra empeza cando remata A Illa do Tesouro de Rober L. Stevenson, grazas a que o escritor escocés deixou algúns ‘portelos’ abertos no derradeiro capítulo da súa novela. Tamén espertou a curiosidade do alumnado, ademais de coñecer o mundo real dos piratas do XVIII, o feito de descubrir que desde mediados do séc. XVIII A Coruña se converta non só nun importante porto-base de comerciantes chegados doutros lugares do territorio español (e mesmo francés) senón de barcos armados en corso para asaltar navíos de países inimigos en épocas de guerra. Mentres cidades portuarias europeas -particularmente francesas- presumen do seu pasado corsario ou negreiro, na Coruña ou Vigo procurouse agochar. Citáronse os estudos de historiadores coma X.R. Barreiro Fernández ou Antonio Meixide.   Rematado o coloquio e a sinatura de exemplares dúas alumnas do curso, Rebeca e Lucía, someteron ó autor a unha longa entrevista que versou sobre a xestación da novela, as fontes de inspiración etc., ás súas preferencias literarias, sen que faltase a alusión á rica fraseoloxía da obra. Unha entrevista que puxo á autor en serios apuros nalgunhas preguntas e que foi gravada para que se emita, en datas próximas, na inauguración de Radio Fogar do centro. Tamén se publicará na revista do Colexio.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/actualizan-na-rede-a-ruta-maritima-da-costa-do-solpor-de-lema-suarez/ https://quepasanacosta.gal/a-onomastica-da-novela-costa-do-solpor-nas-actas-do-simposio-estudos-de-onomastica-galega-ii/

Novas sobre Lema Suárez

Artigos de Lema Suárez en QPC

Comentarios