Venres. 19.04.2024
El tiempo
Miro Villar
10:26
25/05/18

Lembranza do poeta Manuel Caamaño Devesa (Laxe, 1879 – Montevideo, 1928) no seu noventa cabodano

Lembranza do poeta Manuel Caamaño Devesa (Laxe, 1879 – Montevideo, 1928) no seu noventa cabodano
Caamano Devesa no Celtiga 01 Caamaño Devesa na Revista Céltiga

Hai agora 90 anos a revista Céltiga, que se pode consultar íntegra nos Fondos documentais do Consello da Cultura Galega, publicou unha semblanza biobibliográfica do poeta Manuel Caamaño Devesa, soterrado o domingo 13 de maio de 1928 no cemiterio do Cerro (Montevideo), logo de falecer de forma tráxica. Na crónica intitulada «El homenaje de la “Peña Céltiga” al poeta Caamaño» (Céltiga, nº 82, Bos Aires, 25 de maio de 1928) afírmase:

«Cuanto sabemos de su vida, es por intermedio de Zapata García, su íntimo amigo y hermano en espíritu. El mismo Zapata nos ha proporcionado una serie de composiciones —publicadas e inéditas— de Caamaño, en las que si no se ve la labor de un genio, por lo menos resalta la expresión de un temperamento fuerte que a veces —y no pocas, por cierto— alcanza un hondo sentido emocional, tan propio de los poetas que teniendo mucho corazón, buscan en el dolor la cantera de su arte. (…)»

Así pois, Antón Zapata García foi quen deu a coñecer a nova á colonia galega na Arxentina, dado que os unía unha forte amizade por razóns de orixe, xa que aquel tamén nacera na localidade de Laxe, emigrando novo a terras uruguaias. É moi posible que esta nova lutuosa fose coñecida por Zapata durante a viaxe que nese mes de maio realizou, en compaña doutros “céltigos”, a Montevideo. Eduardo Blanco-Amor e Suárez Picallo foran convidados polo Centro Gallego de Montevideo para participaren no Terceiro Curso de Conferencias sobre Problemas Iberoamericanos, que tivo lugar o 27 de maio en Montevideo, e estiveron acompañados por unha delegación dos “céltigos” de Bos Aires, integrada por Manuel Oliveira, Domingo Rial Seijo e o propio Zapata García.Dicionario de poetas e escritores da Costa da Morte-Xose Maria Lema Suare

Poucos máis datos sabemos a día de hoxe do poeta Manuel Caamaño Devesa. O filólogo e investigador Xosé María Rei Lema no seu imprescindible Dicionario de escritoras e escritores da Costa da Morte (2011) escribiu a súa biografía que reproducimos deseguida, ao tempo que lle testemuñamos o agradecemento pola licenza para a súa divulgación.

«Manuel Caamaño Devesa (Laxe, 1879 – Montevideo, 1928) é outro dos nosos poetas da emigración, neste caso riopratense. Da súa vida pouco se sabe. Segundo Álvaro de las Casas (Antología de poetas gallegos; 1939), era mariñeiro e pesador de carbón no porto de Bos Aires. Pero debeu compartir residencia entre a capital arxentina e Montevideo, se nos atemos á datación dos poemas. Así sabemos que “Horfa” foi composto en Bos Aires en marzo de 1914, pero foron escritos no Cerro-Montevideo “¡Fisterráns!” en 1918, “Íntema” e “A compra dun faco na feira de Baio” en 1927. Polo tanto poderíase pensar que polo menos nos últimos dez anos da súa vida residiu no Uruguai, a pesar de que mantiña unha importante comunicación co outro lado do río da Prata como o demostra o feito de que publicaba os seus poemas alí.

E falando da súa poesía, Álvaro de las Casas dinos que publicou un pequeno opúsculo de poemas titulado Marisqueiras, do que nada se sabe. Os poemas que coñecemos del son os editados nas distintas revistas e periódicos da colectividade emigrada na Arxentina; algúns deles viron a luz postumamente grazas ao seu amigo e veciño Antón Zapata. Nestes poucos poemas obsérvase que se trata dun poeta de certo valor, coidadoso das artes métricas, da rima e do número de sílabas, tendo composicións tan complicadas coma os sonetos ou as décimas, afastándose da poesía de tipo popular. Entre os temas que aborda destaca o mar, o mundo dos mariñeiros, o seu mundo; mais tamén toca os temas sentimental ou a crítica social.

Obra individual: Marisqueiras (d.d.)»

O propio Xosé María Rei Lema compilou os poemas da súa autoría que se publicaron nas obras colectivas Namorados da Costa da Morte (Cee: Concello / Asociación Neria, 2001) ou Textos literarios sobre a Costa da Morte (Vimianzo: Semescom, 2011) e a antoloxía De Pondal ao Batallón Literario (120 anos de poesía na Costa da Morte) (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2009), esta última coordinada polo poeta Modesto Fraga e eu propio.

Dos escasos textos de Manuel Caamaño Devesa que se conservan velaquí vai o poema «A nosa fala», un tríptico de sonetos que mestura a autobiografía e a vindicación do noso idioma.

A NOSA FALA

I En ti vin o mundo, Galiza querida, n-un povo pequeno da veira do mar, onde a fera onda, n-as praias rompida, parés que remeda teu doce falar. A fala mimosa, soave e garrida, tan branda e suidosa para pronuncear, ¿por qué os teus artistas non lle dan cabida e aprausos na allea van inda buscar? Benditos seades, Santa Rosalía, Pondal, Añon, Curros, Labarta e Murguía, apóstoles todos da fala galega, –subrime lingoaxe, todo poesía– vaia hastra vosoutros miña homilde prega: – Benditos seades, ¡sin vos morrería!…

II ¿Non quixeron matal-a en nós, xa de pequenos, –cando arrentes sete anos teríamos– na escola, impóndonos a forza a castelana sóla, por un mestre galego? ¡Se fora alleo o menos!, inda lle perdoáramos eu e máis muitos nenos que nos fixemos homes e temos na cachola a nosa verba santa e, outa, habemos pola, sin alcumar as outras, con nobreza, serenos. E sin tirarlle méretos a lingoa de Cervantes, falemos ben a nosa, porque debe ser antes tamén ademitida na escola de Galiza, e pra muitos “gallegos” – ¡inda os hai vergonzantes! – que a lingoa nai desprezan, n-eles pido xustiza: ¡a pauliña da bulra, por pillos e inorantes!…

III ¡Ben quixeran matal-a, pro non morre! Novos apóstes ten que lle dan vida. ¿Non anda n-os papés máis estendida e n-éles imprentada o mundo corre? ¿Onde queira que vaia, n-hai galegos dos que medo non ten pra defendel-a, e, pol-a persuazón, han de impoñel-a a eses desleigados que están cegos pra léla nos papés, xordos pra ouvil-a? O mesmo n-as aldeias que na vila, farémol-a trunfar, pese a quen pese, pois bos apóstes ten pra redimil-a e, por ser cousa nosa, me parece que temos o deber de preferil-a!

Caamaño Devesa na revista Céltiga Caamaño Devesa na revista Céltiga
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios