Venres. 29.03.2024
El tiempo

#8DEMARZO

Leticia Sendón, o poder mundial das mulleres anónimas

Leticia Sendon no cole de Vilarmide
Leticia Sendon no cole de Vilarmide
Leticia Sendón, o poder mundial das mulleres anónimas

Leticia é de Xurarantes, Muxía, ten só 20 anos pero xa ten percorrido medio mundo axudando aos máis necesitados. Xa estivo de cooperante dúas veces en Marrocos e unha en Senegal, e puido trasladarlles de primeira man o poder que teñen as mulleres para facer mun mundo mellor. “Que a rapazada vexa que estamos rodeadas de mulleres valentes e valiosas que poden cambiar o mundo con pequenos actos. Estamos moi agradecidas as mulleres famosas e pioneiras, pero tamén a todas as que dende o anonimato conseguiron tantos logros grandes e pequenos”, explícanos a directora do centro Dolores Cao.

Os alumnos e alumnas do colexio disfrutaron da explicación sobre eses 2 países, centrándose no papel da muller na sociedade africana, tendo como fondo as fotografías que ela tomou nas súas estancias. A sesión, que agora debullamos, tivo tamén unha intervención especial do profe de música, que conseguiu que todo o alumnado lle brindase unha canción típica africana. Ademais, os rapaces e rapazas quixeron facerlle entrega dun libro que eles mesmos fixeron en base á súa biografía.

A rapazada de Vilarmide entregou un conto a Leticia Sendon sobre a sua biografia

Heroína, que non princesa

Leticia comezou lembrando que ela nunca quixo ser princesa. “O seu soño era ser ela a heroína que matase ao dragón da inxustiza, da fame e da desigualdade”. Criada na granxa dos seus pais e avós, foi mamando dende cativa a importancia da solidariedade e do respecto, empezando polos máis desfavorecidos, os animais.

Mentres estuda o Ciclo Superior de Integración Social, xa leva dende os 17 en plena acción. ”Na súa mente estaba ser cooperante en África, un continente tan rico pero con tanta inxustiza e sufrimento. Non sabía por onde empezar así que púxose a buscar pola internet ata que atopou unha ONG que traballa en Marrocos. Asociation Iniciative, unha ONG tan pequena que só a forman 4 rapaces que organizan campamentos para que os nenos e nenas que viven nas Montañas do Atlas (e que están sen escolarizar), podan por unhas semanas ao ano aprender e divertirse cos voluntarios que colaboran alí”, cóntanos dende o centro.

Custoulle a Leti convencer aos pais, pero confiaban en que sen “subvención” familiar a tolada de nena quedaría na imaxinación. Pero Leti púxose mans á obra para conseguir o seu soño, e se puxo a limpar casas polo barrio, facendo ata amizade cunha boa señora maior. Paguiña a paguiña conseguiu cartos para billete de avión e un donativo no que estaba incluída a comida, aloxamento, excursións…

Os pais xa nada puideron facer para parala, e Leti marchou máis dun mes a unha zona remota de África. Para os pais foi moi duro, xa que era a primeira vez que a filla saía da casa para ir ao estranxeiro. E ademais soa. E ademais a un continente cunha lingua, cultura, relixión, costumes, comidas… diferentes e descoñecidas. E ademais a un pais, Marrocos, que ten tan mala fama… Moito choraron en silencio, pero vendo a determinación da súa filla o único que fixeron foi apoiala en todo.

Primeira parada, Marrocos

Leticia Sendon Romero de Muxia a Africa

Ninguén a esperaba en Marrackech, pero conseguiu chegar á pequena aldea do Atlas onde estaban os seus contactos. O seu traballo consistiría en organizar xogos e actividades para os máis pequenos e pintar e restaurar a escola para que fora, non só un lugar para aprender, senón tamén un centro social onde reunirse, falar, xogar e pouco a pouco eliminar as barreiras que durante séculos lles fixeron crer que os homes e as mulleres non teñen os mesmos dereitos.

Leti quedou namorada dun país e dunhas xentes tan próximas e, a vez tan lonxe e tan descoñecidas. Dende o momento no que regresou a casa, soubo que non podía tardar en volver a Marrocos.

E así foi, no Nadal do ano seguinte estaba collendo o avión coa ilusión de aterrar o antes posible. Cando o autobús, despois de 14 horas de viaxes, parou no medio “da nada”, un dos membros da asociación subiu berrando “Liti, Liti!!” Por fin chegara a “Tazouka” un aldea con 20 casas, unha escola e un ultramarinos. Nesta segunda viaxe xa non eran 40 voluntarios senón só 4 que quedaron a vivir na casa da familia de Abu (o presidente da asociación). Era unha casa tradicional marroquí feita de adobe e palla na que tivo a oportunidade de convivir en familia. De colaborar cos homes no proxecto de reconstrución da escola e coas mulleres na longa lista de tarefas que fan cada día: preparar o pan, cociñar, coidar aos nenos, tecer alfombras, debuxar con henna, incluso tivo a oportunidade de recibir clases de árabe.

Leti, gardará no seu corazón os recordos vividos neste fascinante pais ao que quedou unida para sempre.

A Senegal

Cada vez máis involucrada na realidade social de África, buscou no Facebook ONGs coruñesas que colaboran nese continente. Un día leu un cartel que anunciaba a visita de Mamadou Día Mamadou Dia: «Subín a aquel cayuco para vivir o que decían que era a civilización». A súa historia era a de tantos inmigrantes que veñen descubrir o paraíso e se atopan unha terra, pudiente, pero hostil. Despois de desmitificar Europa decidiu retornar á súa casa convencido de que un futuro diferente no seu país é posible.

A el uniuse Leti, conmocionada coa súa biografía. Dous anos aforrando para unha viaxe solidaria cun grupo de voluntarios españois para traballar durante 22 días. O seu traballo consistía en arranxar un parque infantil.

En todas estas viaxes aprendeu moitas cousas, pero sobre todo “a darlle importancia as cousas que realmente a teñen. Deuse conta de que estamos a sufrir unha grave falta de valores como o respecto aos nosos maiores, a solidariedade, a colaboración cos veciños. A importancia de pasar tempo en familia, de falar, de escoitar… Aprendeu a vivir sen internet e sen móbil. Aprendeu que non todas as cousas que temos son necesarias para ser máis feliz. Aprendeu a valorar a sorte que temos de vivir nun país da UE no que o DNI e o pasaporte nos concede uns dereitos (sanidade, educación, servizos…) que lle son negados a moitas persoas”.

Inmellorable xeito de trasladar solidariedade, en clave feminina, a que escolleu o cole de Vilarmide.

Artigos 8M

 

Comentarios