Imprimir

Lucas Torreira, desde hoxe, sangue xalleiro no corazón do Atlético de Madrid e da selección de Uruguai.

Huelvis | 06 de outubro de 2020

Lucas Torreira, un uruguaio-xalleiro do Arsenal ao Atleti
Lucas Torreira, un uruguaio-xalleiro do Arsenal ao Atleti

Por suposto que aos amantes do fútbol non nos sorprenden os apelidos con claro arrecendo galego na selección máis singular do panorama futbolístico mundial, a de Uruguai. Un país de pouco máis de 3 millóns de habitantes, 2 veces campiona do mundo, máis de 15 veces campiona de América (mérito máis que importante na decana das competicións de seleccións, litigando con trasatlánticos do balompé como Arxentina e Brasil), e que ao bo afeccionado sempre lle traslada ao compromiso, a garra, e fe inquebrantable pola vitoria, aderezada pola calidade diferencial dos futbolistas criados na rúa do fútbol.

Si repasamos apelidos, aparecen un Varela (Obdulio), capitán e xefe do Maracanazo celeste, que non podería negar que os seus descendentes viñeron da esquina máis bonita da península ibérica (o seu nome completo era Obdulio Jacinto Muiños Varela); e así, a voa pluma, Maxi Pereira, Gastón Pereiro, Nico Lodeiro ou o médico Alberto Pan Montáns, fillo de malpicáns de Buño e Leiloio, entre os máis recentes; pero tamén na Uruguai Campeona Mundial 1930 xogaban un Andrade e un Cea... que seguro que de Burgos non eran.

Como a curiosidade matou ó gato, levaba tempo pensando nun xogador uruguayo, Lucas Torreira, mediocentro da selección no pasado mundial de Rusia ex-xogador do Arsenal londinense e da Sampdoria italiana, e novo xogador do Atlético de Madrid desde a pasada noite.

E, para que digan que as conversas do café matinal non teñen trascendencia, fai un tempo, o amigo Juan Jose García Noya, outro deses que a cabeza non lle para para falar de deporte, me soltaba a lebre da orixe xalleira de Lucas Torreira.

Pois si, xa me daba na alma que ese tiña que ter sangue da Terra do Xallas.

A historia do seu avó, natural da parroquia de Ser (pequena, pero de gran corazón, como o mediocentro), como a da meirande parte dos emigrantes galegos da metade do século pasado, é unha demostración de traballo e sacrificio. En plena postguerra, marchou de Santa Comba para Bos Aires. Cruzou o Río da Plata, ese que une máis que separa Arxentina de Uruguai, para casar en Fray Brentos, preto de Montevideo.

O seu pai, relator deportivo en varios medios uruguaios, intentou que os seus fillos se dedicaran ao fútbol, pero a escaseza era protagonista, e só conseguiu manter a Lucas na capital para xogar no Wanderers da quinta división uruguaia. En xuvenís Lucas firmou o seu primeiro contrato, que lle servía para manter o alugueiro, e pronto marchou a Italia a xogar co Pescara un mundialito xuvenil. Un ano despois, con 18 anos, fíxose un oco no primeiro equipo na Serie B, e foi cando retrasou a súa posición, de mediapunta a mediocentro máis defensivo. Comezou a cobrar algo mellor, despois de anos pelexando, pero pronto chegou o premio de fichar pola Sampdoria. O 2018, con 22 anos, foi un ano fundamental, pois ademais convertirse nun fixo da Selección Uruguaia, ficha polo Arsenal. En 2020 dá o salto á Liga Española co Atlético de Madrid.

Quédame pendiente unha grata conversa con esa enciclopedia vital andante, don José Carlos Torreira Mouro, mestre de toda a vida do meu colexio Barrié, cando as circunstancias o permitan.

Para acabar, seguro que desde fai tempo desde o ceo, un amigo, tamén Torreira de nome familiar, estaría pensando o mesmo ca min: ese Torreira uruguaio valía ben para o noso Atleti…

  • José Manuel Vázquez Rodríguez, "Huelvis".

Artigos relacionados

 

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/santa-comba/lucas-torreira-hoxe-sangue-xalleiro-corazon-do-atletico-madrid-da-seleccion-uruguai/20201006111102122378.html


© 2020 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA

Banner xunta axudas copia