Venres. 19.04.2024
El tiempo

Luís Cores, de APEM: "Cando intentei suicidarme a xente non fixo nada, pensan que ao final non o vas a facer"

Usuarios de APEM na concentración celebrada onte en Cee polo Día Mundial das Enfermidades Mentais
Usuarios de APEM na concentración celebrada onte en Cee polo Día Mundial da Saúde Mental
Luís Cores, de APEM: "Cando intentei suicidarme a xente non fixo nada, pensan que ao final non o vas a facer"

Este pasado 10 de outubro, celebrouse o Día Mundial da Saúde Mental, adicado este ano a unha das problemáticas máis graves que afectan á nosa sociedade e que porén está máis silenciada polas institucións e os medios de comunicación coma son os suicidios, coma xa falamos onte en QPC. O suicidio é a principal causa externa de mortalidade en España e, en concreto en Galicia, morre case unha persoa ao día, convertendo a nosa comunidade autónoma na segunda de España con máis taxa de incidencia, superada só por Asturias. Uns datos extremadamente alarmantes que son totalmente descoñecidos pola sociedade.

Por esta razón, usuarios de APEM saíron onte á rúa a amosar esta realidade silenciada. Baixo o lema "Conect@ coa vida", manifestaron a problemática dos suicidios e explicaron as distintas medidas de prevención que se poden levar a cabo nunha concentración realizada na praza 28 de Marzo de Cee. Unha forma de concienciar á sociedade sobre este tema, xa que moitos deles puideron experimentar a cruda realidade deste problema de primeira man.

A realidade silenciada

Ese foi o caso dunha usuaria de APEM, unha muller que nunca tivo pensamentos suicidas pero si interviu en dous intentos de suicidios: Un deles axudando á persoa afectada, que xa tivera outros intentos de suicidio previos, con apoio psicolóxico mediante cartas que lle enviaba; e o outro intervindo directamente nun intento de suicidio, facéndolle un torniquete á persoa e chamando ao 061 inmediatamente. "É unha satisfacción contigo mesma, un orgullo... Valín para darlle unha vez unha vida a unha persoa", asegura a usuaria de APEM.

Por outro lado, Luís Cores, outro usuario de APEM, si tivo pensamentos suicidas. "Eu cando intentei suicidarme comuniqueillo aos seres cercanos e a xente practicamente non fixo nada, pensan que ao final non o vas a facer", explica Cores. No seu intento de suicidio, este foi rescatado a tempo polo seus pais, quen lle salvaron a vida. Segundo Luís, "a min levóuseme ao psiquiatra tarde, tíñaseme que levar antes xa e posiblemente evitaríamos que eu fixese ese intento de suicidio", afirma o usuario de APEM.

Sempre hai unha saída

Neste sentido, España sofre un retraso en canto a prevención e intervención en enfermidades mentais con respecto a algúns países nórdicos. Por exemplo, un hospital noruego ofrece dende o 2017 un modelo de tratamento psicolóxico, cunha atención personalizada, que substitúe o tratamento farmacolóxico. "É unha cousa grandísima poder tratar a unha persoa cunha enfermidade mental sen tratamento e que funcione, que esa persoa vaia para arriba e que poida ter unha vida digna", explica Cores, quen ademais se pregunta: "por que nós non podemos, xa non digo estar á altura dos países nórdicos, pero por que non podemos estar cerquiña?".

Aínda así, existen moitas medidas de prevención que se poden levar a cabo, xa non só por parte das instiucións médicas e psiquiáticas, senón tamén por parte dos medios de comunicación. Un dos maiores mitos neste ámbito é que falar sobre o suicidio pode incitar a cometelo, porén, dende FEAFES Galicia sinalan que "ao falar responsablemente sobre o suicidio, non necesariamente desaparecerán as ideacións suicidas, pero favorecerase que non aumente". Cores tamén coincide con esta idea, "os medios teñen que falar con xente coma nós, que se conte con nós, que se nos apoie e que nos de a posibilidade de crecer", explica.

Ademais, tamén é importante en todo caso que todas as persoas no noso día a día estemos atentas aos sinais que un potencial suicida amosa. Tal e como explica a usuaria de APEM que axudou a evitar dous intentos de suicidio, "ao mellor che din que non queren vivir, pero que están ben". Moitas veces exteriorizan esta idea, pero non o din explícitamente xa que intentan camuflalo dicindo ao final que todo está ben. 

Unha persoa que se encontre nunha situación extrema e por desgraza teña pensamentos suicidas non o ten todo perdido. O caso de Luís Cores é un exemplo diso, quen "con tratamento psiquiátrico e coa axuda dos profesionais, da familia, ademáis da propia forza de vontade" explica que puido saír desta situación. Tamén, a outra usuaria de APEM anima a todos aqueles que se encontren nestas circunstancias a que non o reserven para si mesmos e traten de contalo, quen aconsella que "se che dá medo ir ao médico, pois cóntallo a un amigo, porque sempre che vai axudar no que pode"."Merece a pena vivir, aínda que sexa ver a vida polo burato da chave dunha porta, merece a pena", afirma contundentemente Cores.

O teléfono da esperanza contra o suicidio

A Asociación Internacional do Teléfono da Esperanza ten en funcionamento o número de teléfono 717 003 717 para prevención do suicidio. Este número pretende servir de apoio a todas aquelas persoas que se atopan en crises. Tamén dispoñen dunha páxina web na que se ofrece información e axuda para estes casos.

Comentarios