Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Máis confrarías de todo o país únense á loita dos percebeiros por establecer controis á extracción da mexilla

"O mellor percebe sae no medio do mexillón, tende a ter unha cor máis vermella, e é máis carnoso", explican dende a Confraría de Corme, dende onde unen forzas para que a Consellería estableza certo control sobre a extracción da mexilla para as bateas.

Percebeiros de Malpica
Máis confrarías de todo o país únense á loita dos percebeiros por establecer controis á extracción da mexilla

Estase facendo global a loita dos percebeiros de Corme por establecer certo tipo de control sobre a extracción da mexilla. Contábanos onte o patrón maior, Roberto Souto Vidal, as necesidades do sector do percebe para manter as súas rochas cheas de vida, pois “o mellor percebe sae rodeado de mexilla”.

Unha mexilla que serve de semente para as bateas, quen teñen permisos de extracción de 3.500kg de mexilla por batea, sen restrición algunha. Poden coller a mexilla en calquera rocha do litoral galego, sen necesidade de pasar por lonxa, nin sequera de avisar. “Nós non queremos coller a mexilla. Simplemente queremos que se controle”, deixa claro Souto.

De aí que varias confrarías estean uníndose e facendo forza para pedir á Xunta que estableza certos protocolos de control. Onte á reunión á que acodiron as 7 confrarías que convocaban de Corme (Muxía, Camelle, Camariñas, Laxe, Ferrol, Malpica) uníronse a de Caión, e vía teléfono a do Grove, tremendamente afectada e que leva anos batallando contra esta situación sen resposta da Xunta.

Todas amosaron o seu apoio a estas reivindicacións, e se deron unha semana para informar a todas as confrarías de Galicia, ademais de á Federación Galega e a Provincial. E a partir de aí, irán á Consellería de Mar, en común co listado de todas as confrarías para solicitar estas medidas. ”Se podemos conseguir algo é así, unindo forzas”, lembra Souto, consciente de enfrontárense a un verdadeiro lobbi político de gran importancia no país.

Propostas

As propostas que van solicitar as contrarías son:

  • Que as confrarías poidan limitar as zonas de extracción da mexilla de xeito que poida restrinxir as zonas boas de percebe u outras especies.
  • Que os extractores de mexilla comuniquen o día antes ás confrarías onde van ir traballar.
  • Que pasen un control de peso pola confraría e pague un imposto como todo o que se descarga no porto, e saber así cantos quilos saen das pedras cada día..
  • Que haia un control biolóxico sobre as pedras.
  • Estipular unha porcentaxe de extracción por cada zona, porque os extractores a día de hoxe teñen 3.500 kg por batea, pero poden conseguila mexilla en calquera rocha de Galicia.
  • Que os mariscadores ou percebeiros de cada confraría que así o consideren, poidan convertirse en sumistradores da mexilla como outro recurso calquera . “Nós sabemos onde podemos ir e onde non. Ademais se nos dan esa opción de asumir a mexilla poderíamos darlle 3-4 meses de veda ao percebe, porque xa temos as rochas algo tocadas”, explica Vidal.

Novas relacionadas

Comentarios